Lembras como era antes o Entroido? "Xuntabámonos a vinte e iamos disfrazados polas corredoiras"

Tempo propio para gastar bromas e argallar trasnadas, para rir e facer rir, para ser un mesmo, amparado polo anonimato das máscaras. Eis as historias dunhas cantas mulleres que sacan ferruxe aos seus recordos ao redor dunhas chulas e mais un café.

Por Uxía Iglesias | XANCEDA | 22/02/2020 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

- Déixanos pasar, señora? Vimos corre-lo antroido.

Imaxe antiga do Entroido ao redor da conversa coas señoras de Visantoña (Mesía)
Imaxe antiga do Entroido ao redor da conversa coas señoras de Visantoña (Mesía) | Fonte: GC

- O antroido non o corrades, deixádeo estar!

- O antroido éche moi larpeiro / o antroido éche moi ghandulo / por catro días de chea / sete semanas de ayuno.

Houbo un tempo en que as aldeas estaban cheíñas de xente. Os labores do traballo e mais as festas xuntaban un lote de homes e mulleres nas casas. Os almanaques rebordaban de datas sinaladas, unha delas o Entroido. Hoxe seguen sendo días especiais, pero na meirande parte do rural o conto cambiou ben dende aquela.

Houbo un tempo en que se reunían a vinte e saían correr o antroido polas corredoiras adiante, petando de casa en casa, de porta en porta. Xente moza que vía naqueles días cada vez máis grandes a oportunidade de facer aquilo que o resto do ano non lles estaba ben visto. Era o tempo apropiado para gastar bromas e argallar trasnadas, para rir e facer rir, para ser un mesmo, amparado polo anonimato que ofrecían as máscaras. 

A ilusión, o mérito maior, estaba en que os antroideiros non fosen recoñecidos en ningún lugar polo que pasaban. Para iso ían tapados da cabeza aos pés, mais nas casas polas que levaban a troula poñíanllelo ben difícil para gardar o segredo. "Dábanche filloas, chulas, orellas, viño..., nós comiamos coa cara tapadiña, caladiños, caladiños, pero o que eles querían era cacharte no momento en que te descubrías un pouquiño para dar o bocado".

As señoras de Visantoña e mais de Olas, no Concello de Mesía, gardan na memoria un bo feixe de historias de cando ían correr o Entroido. "Éranche tempos... Pasabámolo de marabilla!". Unha vez á semana, os maiores e as maiores de cada parroquia xúntanse nos locais sociais ou nas unitarias xa en desuso dos seus lugares. Acompañadas e guiadas por Laura Pérez, coordinadora da actividade Tempo fóra, e ao redor dunhas boas chulas, ou dun café quentiño, ou dunha partida ás cartas, estas mulleres sacan ferruxe aos seus recordos. Escoitalas é unha delicia...

CONTOS DE ANTROIDEIRAS

- Unha vez que fun correr o antroido cunhas que eran máis mozas ca min. Eu era o home. Ía vestida cunhas cirolas (é coma un pixama, muller, coma un calzón largo, eran de liño). Eran do meu avó, dun que xa morrera. Puxéranme O Perucho porque era un mozo pequecho. Levaba un sombreiro e cando iamos bailar cos mozos, faciamos a chistada de darlles con el na cabeza. Non nos conocían nada. Tocabamos a pandeireta e bailabamos... 

- Eu sempre me acordarei cando esta María que teño ao meu lado se vestiu cun vestido que trouxera eu de Suíza. Comprárao pola comuñón de Federico. E foi de aquí ata o cruce de Vilanova e deu volta e ninguén a coñeceu. Ía coa cara tapada, toda dereitiña cara arriba. Aínda dixera Pepe: arre me falte diola, non se sabe se é home ou muller! 

Aquela tal Pepe dubidaba porque era habitual que os homes vestiran de muller, e as mulleres vestiran de home. Tratábase, dalgunha maneira, do disfraz estrela. "A muller segue sendo discriminada hoxe, pero naquel tempo aínda o era máis... Daquela no antroido, como todo estaba permitido, era cando aproveitabamos para facer certas cousas que o resto do ano non podiamos". A pillas ninguén lles gañaba. Poñían rumbo arriba polas corredoiras ao comezo da tarde e non poucas veces lles daba a noite no camiño. Tres días seguidos: o domingo, o luns e o martes de Entroido.

- Nós iamos eleghantes, a roupa era eleghante, non iamos con trapos...

- Ai, pois a nosa non, ho. A nosa era trapalleira!

- Eu estáballe contando a estas as vestiduras que fixera miña nai. "Espera aí", díxolle ao meu pai. E foi buscar dúas pelicas de ovella, porque claro, antes aproveitábanse as pelicas. Fíxolle unhas saias, amaila chaqueta, amaila careta. Todo de ovella. E un sombreiro de palla na cabeza. E unhas polainas das que había antes que abrochaban pola pantorrilla arriba. Iso levaba meu pai. E a patrona, a tía Marica, dixo ela: "Eu non sei que hei levare". "Tía Marica, unhas saias de candil!", de estopa, de lana, mal fiadas. Miña nai fíxolle as saias con moito rizo, e púxolle uns zocos rachados, mal feitos, e fíxolle unha chaqueta que lle poñía as tetas de punta. Miña nai levaba un vestido e fixo unha careta con trapos, amais un mantón de manila que lle chegaba aos pés. Eu daquela collinlle medo ao meu pai, velo coa condenada da pel da ovella... Outras veces aínda ten pintado a cara con tizón do lume.

- A min acordanme os homes que ían vestidos de militar facendo na Instrución. Eses si que daban ghusto. Xuntábanse por aí uns 50 da aldea e ían polos camiños que había, que pista non había. 

TEMPOS DE BRINCADEIRAS

Sexa como for, choqueiro ou con glamour, o caso era pasalo ben, bailando, comendo e facendo das súas... Porque os antroideiros non sempre che son pacíficos. "Eu acórdome que na de Chinto abriamos as lacenas todas!". Se as casas eran de confianza, límites poucos se poñían. Había quen lles escondía o carro, ou o fouciño, ou mesmo unha cancela... Calquera cousa valía para facer a trasnada. Unha das Jesusas de Olas (eran cinco mulleres á mesa e as cinco eran Jesusas) contaba despois de moitos rodeos que cando viñan os antroideiros lle metía fíos ás filloas. Moita risa foi ese conto!

Houbo quen non tivo liorta ningunha. "A nós nunca nos deron coa porta nas narices. Ata levabamos unha canción aprendida para entrar nas casas, faciámolo todo moi ordenadamente". Pero tamén os había máis rabudos, máis barulleiros. "Nós levabamos bara! E logho se se metían con nós, que? Cada un súa bara! E pandeireta quen a sabía tocar, e mais gaitas de xoguete".

- Un día saíronnos co ghalleto, ou co lampo, ou non sei que era. Ai aí... Cada un escapou por detrás das silveiras por onde puido!

- Desas teño eu outra... As portas de antes partían pola metade. Pois entramos na de Lucas. Estaba Ricardo e mais Jaime do Fondo de Vila. E empezamos ca historia toda. Iamos un lote deles. Nisto vin pasar a Ricardo por detrás de nós cara a porta, que nos quería encerrar! Se viras... Tiramos por riba da porta para fóra! E non volvín máis!

Axiña xurdiu na conversa o conto das historias nas feiras. Uns folletos que saían cada quince días e que traían dúas ou tres cancións. "Sempre maliciosas, cun pouco de morbo, pero moi axeitadas, eh". O entroido era boa época para elas. Igual había algunha familia encontrada e neste tempo aproveitaban para dicirse o que non se dicían en todo o ano. "Miña madriña fora protagonista dunha desas historias...", comeza o conto de Avelina.

- Ía cun cesto de ovos á feira a Carral, andando, eh! Polo camiño pasou un veciño que era moi trallero e colleuna. Díxolle: "Vés? Levámoste". E ela foi de boa ghana, pero despois virouse o carro, que seghuro que o virou adrede, e romperon os ovos, e despois armoulle a historia e leuna na feira. Á miña madriña aquilo non lle ghustara nada... Fixéralle a faena. Non era amigha das bromas.

Máis alá das brincadeiras, había cousas que o Entroido sempre respectaba, por exemplo, o loito das casas. Todas as mulleres teñen ben aprendido canto tempo se gardaba por cadaquén: "Medio ano polos avós, un polo irmán, dous polos pais, e polo marido...", "Toda a vida!", resolven varias á vez.

AO ESTILO FÉLIX RODRÍGUEZ DE LA FUENTE

Cos anos 80 asomando, nalgunhas parroquias fóronse introducindo novas modas que anunciaban un tempo diferente, onde as casas xa tiñan televisión, onde a xente viaxaba en coches particulares, onde a censura quedara atrás... Os concursos de comparsas, pouco a pouco, foron inundando o país. E a aldea de Visantoña comezou a coller sona polo seu esmero e dedicación na construción daqueles grandes espectáculos. "Os chavales, de 18 e 20 anos, preparábano todo na nave de Joselino, e logo ían ás salas de festa por toda Galicia. Alá onde daban premios, eles ían".

Raro era que viñeran coas mans baleiras. Todos os anos botaban a andar a imaxinación baseándose nos referentes da época: "O primeiro que fixeran fora unha representación de El hombre y la tierra, de Félix Rodríguez de la Fuente. Érache unha serie moi bonita...". Tampouco se lles escapou Astérix e Obélix nin La Guerra de las Galaxias. "Talmente ían coma na película os que viñeran da outra galaxia!", contan elas. "Eran obras de arte, hoxe dicimos: que pena que non houbera onde gardar todo iso... Hoxe facía un museo marabilloso".

- Deses entroidos saíron moitos matrimonios!

- Aghora antroideiros coma antes non os hai. Daquela faciamos filloas un día enteiro. Hoxe unha ducia chegha para oito días. 

- A min quen me dera poder facer outra vez todo o que fixen...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta