Por Raúl Novoa | Santiago de Compostela | 26/02/2020 | Actualizada ás 21:57
Hai 323 infectados de coronavirus en Italia. É o maior foco en Europa. Un virus que é moi semellante á gripe e que afecta, sobre todo, aos máis débiles. De feito, e iso é algo que non se está a dicir, a maior parte dos mortos son xente anciá con graves problemas de saúde previos. O mesmo grupo de xente que tamén é moi vulnerable aos efectos dunha gripe común. Pero o efecto "espectaculo" do coronavirus é imparable.
Galicia Confidencial tivo a oportunidade de falar con Tommaso, un estudante italiano de prácticas no primeiro hospital de Italia onde chegou o virus, realmente, a "Zona 0" en Italia; o 'Ospedale San Raffaele di Milano', na rexión de Lombardia.
"Realmente o primeiro contaxio era un falso positivo. Iso non cambia moito, xa que o número de infectados está aumentando e cómpre tomar precaucións", declara o estudante. "Como todo o relacionado coa sanidade en Italia, no meu hospital non había un protocolo de actuación claro. Ao final cada un mirou polo seu ben", lamenta. Tommaso explica que "as medidas iniciais, ademais dunha estricta hixiene, foron usar máscaras simples nos traballadores e máscaras con filtros se se entraba en contacto con algún sospeito de contaxio".
"Fóra do hospital pecharon moitos comercios ou lugares públicos pola súa propia vontade", informa o estudante que tamén é residente en Milán. Quéixase de que o peor foi o baleiramento dos supermercados, "por unha reacción de pánico apocalíptico moi esaxerada", lamenta. "En liñas xerais, creo que hai moita confusión do que facer, sobre todo na poboación. O que máis chega son as esaxeracións dalgúns medios de comunicación", declara.
Con todo, "é unha enfermidade con síntomas graves. Os que máis riscos teñen son as persoas maiores e os inmunodepresivos. Non hai que desatar o pánico, mais debemos estudar como se desenvolve", recoñece o italiano.
UNHA GALEGA DE ERASMUS EN MILÁN
"Aínda non chegou a Milán central e a xenta está a volverse tola", relata Carla Montouto, unha estudante de Belas Artes de Erasmus na cidade italiana. "Ía a ir de viaxe e quería comprar unha mascarilla para o aeroporto. Non ma venderon por non ser de aquí", denuncia. A viguesa laméntase de que "hai estudantes Erasmus españois que están a volver estes días. Houbo incluso quen rexeitou o tempo que lle quedaba de estadía por medo a coller o virus".
"As rúas vense baleiras, sobre todo no metro", informa. "Os das organizacións do Erasmus avisáronnos de que se cancelaban unha semana as clases como prevención en todas as universidades, así como festas e eventos desta semana. Mandáronnos tamén un correo coas devanditas instruccións sanitarias", subliña. "Está a ser unha situación esaxerada. Só chegou aos pobos de arredor e ao final os síntomas da enfermidade son os dunha gripe grave. Hai que ser cautelosos, pero non creo que sexa algo tan grave como para deixar os supermercados sen recursos. A gripe común mata máis porcentualmente", remarca Carla Montouto.
EN ROMA, A SITUACIÓN É MENOS ALARMANTE
O virus aínda non chegou á capital italiana. Aínda así, "xa hai moita xente que vai coa máscara pola rúa", afirma Dario Grassano, estudante de medicina na universidade La Sapienza de Roma. "Non nos mandaron ningún tipo de protocolo de actuación ou prevención no hospital", sinala Luca Frabetti, estudante de medicina en prácticas.
"O peor é que o prezo dos desinfectantes subiu un 650%, os que antes costaban 4 euros, agora custan 30. Creo que diso non se está a falar tanto fóra de Italia e estanse a aproveitar dunha situación agravada polos medios", remarca Frabetti. "É importante non sobrevalorar unha enfermidade", nin aproveitarse dela, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.