Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 12/03/2020 | Actualizada ás 22:00
O sector das residencias para maiores en Galicia conta cun amplo número de centros privados e concertados que, segundo familiares de usuarias e traballadoras dos centros, non reúnen as mellores condicións para o coidado de anciáns. A concentración de traballadoras da residencia de DomusVi en Ribadumia durante a segunda semana deste mes de marzo , co apoio de familiares dos usuarios e usuarias, chamou a atención sobre as políticas opacas tanto no eido laboral, como no asistencial. O tratamento ás persoas residentes en centros de DomusVi provocou o nacemento de dúas asociacións de familiares, que logo formaron unha federación galega e tamén a posibilidade dunha para todo o Estado.
DOMUSVI
O nome DomusVi corresponde a un holding de empresas dentro do sector servizos, que conta detrás co capital de fondos de especulación financeira de orixe francesa e británica. Dentro da súa carteira de ofertas está a atención a persoas maiores en residencias do grupo. En 2017 desembarcou en España fundindo dúas empresas do sector, Geriatros, con sede en Pontevedra e Sarquavitae, de Barcelona. Nacía así a empresa con maior presenza dentro do sector das residencias para xente maior, pois o número de prazas estaría en 22.000 para todo o Estado en 155 residencias.
En Galicia, este holding xestionaba en 2018 trinta e unha residencias con 4.200 prazas en total segundo datos da mesma DomusVi. Ese mesmo ano anunciaba a construción dunha nova residencia en Vigo, cidade onde está a sede central para toda España, aínda que conta con sedes administrativas en Madrid e en Barcelona.
A persoa á fronte desta enorme cadea de residencias é Josefina Fernández Miguélez. Funcionaria de Facenda, pouco a pouco foi entrando a dirixir centros de maiores da man de Caixanova, logo Novacaixagalicia. O proceso comezou cando en 2009 o primeiro goberno do PP de Feijóo decide desfacerse das súas accións en Sogaserso (Sociedade Galega de Servizos Sociais), a sociedade creada polo bipartito PSOE-BNG para a xestión de residencias para xente maior, entre outros puntos.
Sogaserso estaba participada por CaixaNova e cando o executivo de Feijóo decidiu renunciar á súa partidipación do 45% dentro da sociedade, a antiga caixa de aforros, quedou co 100% deixando a xestión dos centros vinculados á empresa Geriatros. Neses momentos Fernández Miguélez dirixía un centro de maiores en Cabanas, Ferrol.
Despois da fusión das caixas de aforros, en 2010 as caixas non participarían no concurso de asignación de residencias. Geriatros quedou con todo o paquete, con todo a Xunta declarou no seu momento que “as prazas seguirán tendo carácter público aínda que saia de Sogaserso”. Unha condición era que non houbese socios privados. Segundo a que era a conselleira de Benestar no momento, Beatriz Mato “non nos gusta un sistema privado onde a Xunta estea en minoría accionarial, para iso preferimos que as caixas asuman a xestión”. O prezo da adxudicación das residencias foi case de 30 millóns de euros.
RECLAMAR, UNHA TAREFA DIFÍCIL
As queixas contra DomusVi por parte das familias de usuarios e usuarias chegan de momento a tres comunidades, Madrid, Galicia e Cataluña. “En Galicia estamos fartos da situación, imos solicitar unha entrevista co vicepresidente do Goberno, pois fixo mención explícita das residencias e queremos pedir máis que un programa de calidade” di Paulino Campos, presidente de ASFAREBA. Contemplan a creación dunha lei que protexa os dereitos das persoas maiores dentro do Estado e logo leis propias para residencias, “porque en España hai unha serie de normativas e decretos que entorpece a administración das residencias”.
“Os anciáns despois do almorzo son depositados en cadeiras de rodas ata as sete da tarde, cun tempo para a comida, nada máis” di Paulino Campos, que denuncia o feito de non haber “tarefas ocupacionais ou servizos que permitan asegurar a mobilidade”.
Pepe Bernárdez, da asociación Vellez Digna, sinala os constantes problemas cada vez que pedía o libro de reclamacións mentres o seu pai estaba na residencia de DomusVi en Aldán. “Se pides o libro de reclamacións ten que dalo a dirección e ata que non puxen as cousas claras non o recibín”. Así, tamén conta o caso dunha muller que se queixaba dunha dor forte. O motivo era un parafuso cravado na perna. A ferida infectouse por non recibir os tratamentos necesarios.
Montserrat García, familiar de usuarios da residencia de Ribadumia e que tamén estivo na residencia de Bembrive en Vigo, logo de numerosas reclamacións, tivera unha entrevista co subdirector de Inspección, Fernándo González. “Si, pediu desculpas, deume boas palabras e os cambios que vin foron que á miña nai a puxeron diante da TV cando antes estaba nun recuncho escuro”.
Durante o tempo en que a nai de García estivo internada no centro de Bembrive, de titularidade pública mais de xestión privada (DomusVi) quixo presentar unha reclamación por falta de persoal. “Non querían darme o libro de reclamacións, dicían que non había tal cousa, chamei á Garda Civil que levantou atestado do sucedido”, ata o momento non recibiu resposta desde a Xunta.
O caso que máis chamou a atención foi a morte dunha anciá na residencia de Ribadumia en 2017. A usuaria caera da cama, foi descuberta catro horas despois envolta no seu vómito. Foi trasladada a Urxencias onde xa non puideron facer nada por salvala. Estase á espera de xuízo. Tamén desde as asociacións de familiares de usuarios, apuntan que o ingreso por urxencias de anciáns procedentes de residencias para maiores é algo moi frecuente. “Non hai persoal para atendelos, por iso os derivan a urxencias” din desde ASFAREBA. Actualmente, as organizacións de familiares denuncian un brote de sarna en Ribadumia durante a primeira semana de marzo.
FERNÁNDEZ MIGUÉLEZ, A DIRECTORA
“A conselleira delegada de DomusVi, Josefína Fernández, está moi vinculada ao PP” din desde a Fundación ASFAREBA, que reúne familiares de persoas usuarias de residencias privadas. “Dixo que está en residencias da man de Corina Porro, as dúas son dunha mesma xeración, son moi amigas”. A residencia de DomusVi en Barreiro, Vigo, “foi concesión municipal cando Porro era alcaldesa, que a concedeu a CaixaGalicia promovendo esta residencia en 2006”.
Tamén desde ASFAREBA apuntan que Fernández Miguélez, “comezou dirixindo unha residencia en Cabanas en Ferrol e agora está na sede central en Vigo. A asociación de Traballadoras de Residencias de Galicia, TReGa, sinalan que Fernández “é moi amiga de Feijóo” ademais de que baixo a súa dirección o nepotismo é unha práctica moi habitual.
A finais de 2019, Josefina Fernández recibía o Premio Galicia Global 2019 da Consellería de Economía. O motivo era a expansión do grupo DomusVi por diferentes países, mercando residencias sobre todo en América Latina. O acto estivo presidido polo conselleiro Francisco Conde e Manuel Fernández Pellicer, presidente de Asociación Española de Directivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.