“As plantacións de eucaliptos en Galicia estanse a espallar de forma descontrolada, superando con moito as previsións”

Adolfo Cordero Rivera, director do Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Universidade de Vigo, avisa de intereses da industria baixo algúns supostos traballos científicos e lamenta que malia as evidencias da "capacidade invasora dos eucaliptos despois de incendio, aínda hai quen o nega".

Por Alberto Quian | Madrid | 12/03/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

É o eucalipto unha ameaza ou unha oportunidade? Xa que falamos de Galicia, a resposta pode ser un “depende”. Desde un punto de vista economicista, todo parecen vantaxes, cando menos para o sector forestal galego. Doutra banda, segundo criterios medioambientais e científicos, é unha praga. Ante este escenario bipolarizado, Adolfo Cordero Rivera –profesor de Ecoloxía e director do Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación (Grupo ECOEVO) da Universidade de Vigo– revisou a literatura científica sobre a evidencia da relación entre eucaliptos e incendios. As súas conclusións son claras: “As plantacións de árbores exóticas coma os eucaliptos en enormes áreas do noso país pode que proporcionen rendas –privadas–, pero os custos ambientais, culturais e patrimoniais son de tal magnitude que non se poden obviar”.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

Coa súa achega, pretende “dar a coñecer os feitos que explican por que os eucaliptos teñen tan mala fama para algúns (sobre todo os habitantes das cidades) e son defendidos de forma dogmática por outros (os que sacan beneficios deles)”.

Segundo este experto, “a plantación industrial monoespecífica, non só de eucaliptos, dá lugar a agroecosistemas que nada teñen que ver cos bosques, e que non proporcionan a maioría dos servizos ecosistémicos que os bosques son capaces de realizar".

Na súa opinión, fortemente baseada en evidencias científicas, “as plantacións de eucaliptos en Galicia estanse a espallar de forma descontrolada nas últimas tres décadas, superando con moito as previsións”.

“En boa parte, este aumento non resulta de novas plantacións, se non da invasión de montes abandonados, particularmente despois de incendios. Este panorama pon en grave risco bens materiais, naturais e as propias vidas das persoas, polo que cómpre facer cumprir as regulacións legais que xa existen, e pór orde no sector forestal”, explica no seu traballo.

Para este científico, o feito de que «deseucaliptización» fose elexida palabra do ano 2018 no Portal das Palabras, “demostra que a poboación está moi concienzada sobre os problemas que estas plantacións nos poden xerar”.

"Hai literatura 'interesada', patrocinada polas grandes compañías fabricantes de pasta de papel a partires de eucaliptos"

Cordero Rivera considera demostrada “a relación entre eucaliptos e incendios, que tantas mortes ten producido xa en Portugal e outros lugares onde as árbores pirofíticas son plantadas en enormes extensións”, incluída Galicia.

E presenta argumentos baseados en evidencias científicas que proban a “máis que evidente capacidade invasiva dos eucaliptos nos montes galegos, onde son enormemente favorecidos polos incendios”.

Outro aspecto que destaca no seu traballo é que “a falta de transmisión de enerxía dende os eucalitptos aos herbívoros (por seren estas árbores incomestibles), destrúe as cadeas tróficas e, en consecuencia, impide a autoorganización do ecosistema e a acumulación de biodiversidade”.

É por todo isto que considera “necesario facer cumprir as regulacións existentes sobre estas plantacións”, para “reducir as probabilidades de que se produzan grandes incendios no futuro”.

Con el conversamos para que amplíe o seu posicionamento no seu traballo ‘O eucalipto é como o Estado: chupa e leva todo para el’, publicado na revista científica Recursos Rurais, do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), no marco dun monográfico sobre o eucalipto.

- Cal foi a motivación e obxectivo do monográfico e do seu artigo?

- Isto é o resultado dunha das Regueifas de Ciencia organizadas en Santiago. Considerouse oportuno deixar as intervencións en forma de ensaio. No meu caso, a motivación é saír ao paso de afirmacións sen rigor, que abundan moito, sobre os efectos das plantacións de eucaliptos na biodiversidade en particular, mais tamén sobre incendios e outros aspectos.

- Como e por que se decidiu o enfoque do artigo?

- O enfoque é centrado en persoas con formación básica en aspectos do medio ambiente. Quería, sobre todo, resaltar o concepto de redes tróficas e a transmisión de enerxía dende produtores aos herbívoros, indicando a ausencia desta transmisión no caso dos eucaliptos. Ao seren árbores velenosas para a fauna de herbívoros autóctona, a transmisión de enerxía bloquéase e, en consecuencia, non se establece un sistema que tenda a aumentar a biodiversidade.

- En liñas xerais, que revisións se fixeron?

- A relación entre incendios e plantacións de eucaliptos, a capacidade invasora dos eucaliptos, os efectos sobre a biodiversidade.

"A capacidade invasora dos eucaliptos despois de incendio en Galicia e norte de Portugal é moi evidente, e aínda así hai quen o nega"

- Atopou consenso ou discrepancias nesas revisións sobre o eucalipto? En calquera dos dous casos, cales son as máis destacadas?

- Hai de todo. Como é evidente nun caso con tantas implicacións económicas, hai literatura “interesada”, patrocinada polas grandes compañías fabricantes de pasta de papel a partires de eucaliptos, literatura dende moitos puntos de vista, ás veces demostrando uns efectos, ás veces os contrarios. A capacidade invasora dos eucaliptos despois de incendio en Galicia e norte de Portugal é moi evidente, e aínda así hai quen o nega...

- Cales son as conclusións máis relevantes que extrae do seu traballo?

- Que é preciso chegar a un consenso sobre o descontrol actual. Os incendios favorecen enormemente os eucaliptos, e as masas abandonadas de eucaliptos favorecen enormemente os incendios. É un sistema que se autoacelera.

- Recomendacións para administracións públicas, sector forestal e sector agrario?

- Eliminar as plantacións de eucaliptos dos espazos naturais protexidos. Controlar a presenza preto dos ríos e impedir a plantación en zonas agrícolas.

- En base ao seu coñecemento científico, que valoración fai da situación do eucalipto en Galicia?

- Aínda que existe evidencia da falta de regulación e dos danos e riscos que isto pode dar lugar, non se está facendo cumprir a lei. A “pasta” manda, tanto a de papel como a de papel-moeda...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo 2

Descontrolada não!! Bem controlada e fomentada. No monte abandonado há de tudo, onde só há eucaliptos é uma plantação bem controladinha, polos novos terra-tenentes galegos, se se alguém tem dúvida que visite Moeche e pergunte a quem pertence a propriedade que acaba (nestes últimos anos) de ser repovoada com ... eucaliptos... dinheiro fácil para alguns... que não vivem no rural, e se há um lume...as consequências as sofreram os que se vivem da terra.

1 Kino

Portugal está un pouco máis ó sur, collendo a AP9 non ten perda.