Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2020 | Actualizada ás 13:14
A partir do próximo luns, 16 de marzo, os centros educativos de toda Galicia permanecerán pechados como medida preventiva perante a crise do coronavirus. Así o anunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda posterior ao Consello da Xunta. Con todo, esta información xa foi adiantada polo seu medio de referencia, La Voz de Galicia, a pesar da importancia dun tema como este e de que está en xogo a saúde de todos os galegos. Todos os medios podían ter dado a información que é de interese público e sanitario, pero desde a Xunta decidiuse que fora La Voz de Galicia --medio que cada vez máis se demostra que comparte os mesmos intereses que o PP e Feijóo-- para dar unha información de tal importancia.
Segundo o decreto aprobado pola Xunta, no día de mañá ,venres, os pais e nais poderán decidir se queren enviar os seus fillos ás garderías, colexios, institutos e universidades, xa que se entende que se precisa unha marxe de tempo para que as familias se reorganicen. Aínda así, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo na súa comparecencia en rolda de prensa que aínda que as aulas permanecerán abertas, recoméndase non enviar os nenos nin a colexios nin a escolas infantís "se é posible". Esta medida foi tomada de maneira unilateral e sen consultar co estamento docente, tal e como informan fontes consultadas por Galicia Confidencial.
Igualmente, o Consello da Xunta delibera agora as medidas máis adecuadas en relación ao teletraballo das persoas funcionarias.
CRÍTICAS DOS SINDICATOS
A xestión da Xunta da suspensión das clases pola alerta sanitaria suscitou a crítica por parte dos sindicatos de profesorado, tanto pola falta de comunicación cos profesionais para informar as medidas preventivas como por obrigar aos docentes a acudir aos centros a pesar do cesamento temporal de actividade educativa.
A Federación do Ensino de CC.OO. tachou de "intolerable" que as organizacións sindicais e centros educativos coñezan a suspensión a través dos medios. Unha medida que non pon "en cuestión", aseguran, pero que non se viu a acompañada dunha adecuada transmisión e comunicación cos profesionais e os seus representantes.
Nesta liña, o sindicato considerou unha "burla" as declaracións do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, nas que indicou que "a ver se son capaces de manter unhas clases por Internet" na próxima semana. Para CC.OO., o presidente mostra así "un profundo descoñecemento da realidade educativa" e "atenta contra os principios de igualdade", porque "non todo o alumnado ten a mesma facilidade" de acceso a Internet.
A CIG-Ensino tamén se pronunciou nesta mesma liña e lamentou a negativa da Consellería de Educación a convocar aos sindicatos para pór en común as medidas de actuación necesarias e preservar os dereitos laborais e de conciliación. Neste sentido, apelou á "necesidade de facer un esforzo para transmitir tranquilidade" ante o alumnado, pero insistiu en que "todas as cautelas e decisións" que se adopten "sexan explicadas e compartidas" para asegurar a "boa xestión e transparencia".
ANPE-Galicia, pola súa banda, insistiu en que "non se debe obrigar" aos docentes a coidar aos centros e defendeu que se adopten fórmulas de teletrabajo, para si garantir a continuidade da actividade e ofrecer aos alumnos "garantías suficientes" para os seus estudos e ao mesmo tempo "protexer aos grupos de risco".
PECHE DE CENTROS DE MAIORES
Por outra banda, a Xunta decretou o peche de todos os centros comunitarios desde este venres e suspendeu todas as actividades lectivas e extraescolares para os próximos 14 días.
Na reunión deste xoves, o Consello da Xunta tamén acordou medidas para a función pública, cun protocolo que recolle, entre outros aspectos, a promoción do teletraballo, flexibilidade horaria e reorganización de quendas.
Doutra banda, a Xunta tamén limita as concentracións en espazos pechados a un máximo de 50 persoas. No caso de que haxa aforamentos máis amplos, limítanse a un terzo do aforamento, é dicir, se ten capacidade para 600, estaría limitada a 200.
O presidente do Goberno galego informou de que se volverá reunir esta tarde cos seus conselleiros, xunto á comisión interpartamental, por se é necesario perfilar algunha medida despois do Consello de Ministros.
TELETRABALLO
Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou un protocolo para empregados públicos por mor da crise do coronavirus, no que se inclúe a posibilidade de ausencias, flexibilidade e teletraballo.
Este protocolo inclúe diferentes escenarios hipotéticos, con base en medidas sempre suxeitas ás recomendacións das autoridades sanitarias. Así, no caso de peches de centros educativos e de maiores, o persoal empregados público poderá acollerse a medidas de flexibilidade de xornada para atender a persoas ao seu cargo, sen suxeición aos límites horarios previstos na normativa.
A XUNTA REDUCE A SÚA AXENDA
A Xunta de Galicia tamén decidiu anular as convocatorias dos seus conselleiros previstas para a tarde deste xoves, salvo a reunión de seguimento sobre o coronavirus en Santiago, que se atrasou media hora.
Segundo comunicou a Xunta, mantense en axenda, ás 18,00 horas, a reunión do vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e representantes desta institución para informar o seguimento do coronavirus en Galicia.
A desconvocatoria da axenda dos conselleiros prodúcese despois de que outras institucións en Galicia anulasen as súas axendas con motivo das recomendacións das autoridades para previr contagios por coronavirus.
AXUDAS DO GOBERNO DE MADRID
Pola súa banda, o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, anunciou que o Consello de Ministros, celebrado de forma extraordinaria este xoves para abordar a crise polo novo coronavirus, aprobou transferir ás comunidades autónomas 2.800 millóns de euros para poder facer fronte á asistencia sanitaria das persoas infectadas polo Covid19.
APOIO DO BNG
A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, mostrou o "total apoio" da súa formación á suspensión das clases decretada en Galicia e a "todas e cada unha das decisións" que se adopten para previr a expansión do coronavirus.
Pontón insistiu en que as medidas tomadas de acordo cun "aval científico" para evitar que se incremente o número de contaxios non deben ser "un tema de confrontación política".
Por este motivo, comprometeu a "disposición" da súa formación a apoiar a cancelación das sesións formativas decretada en todos os niveis educativos durante dúas semanas se se considera unha "medida necesaria para protexer a unha poboación infantil" e evitar a expansión do Covid-19.
"A crise do coronavirus é unha crise de país e a nosa vontade é acompañar ao Goberno en todas e cada unha das decisións que se adopten", remarcou a líder do Bloque. Así, comprometeu a colaboración da formación frontista "para que Galicia salga ben desta crise".
"Este é un tema para ir todos xuntos a unha e para seguir lanzando unha mensaxe de tranquilidade á sociedade", defendeu a portavoz nacional do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.