Por Xurxo Salgado | Compostela | 24/10/2012 | Actualizada ás 19:23
Os resultados do pasado domingo non deixaron satisfeitos a moitos dentro do BNG, especialmente, ao colectivo Abrente, o grupo que lidera Carlos Aymerich e que decidiu non marchar con Máis Galiza.
Precisamente, aos membros deste colectivo non lles gustou o discurso que se lle impuxo a Jorquera tras a derrota electoral e no que se evitou facer unha autocrítica fonda do acontecido tentando botar "balóns fora".
Posicións compartidas
Por iso, na Executiva do pasado luns, Abrente mantivo unha postura crítica con este discurso e pediu que se recoñezan os erros cometidos polo BNG e que se evite, na medida do posible, atacar a outras formacións políticas, nomeadamente, a AGE, que lidera Xosé Manuel Beiras. Esta postura tamén foi compartida por algúns dos dirixentes máis moderados da UPG, segundo as fontes consultadas por GC.
Deste xeito, o discurso do voceiro nacional durante a rolda de prensa posterior a esa xuntanza foi moi diferente ao do domingo. Guillerme Vázquez evitou responsabilizar a outras formacións do seu resultado e recoñeceu que era "moi malo". Anunciou, ademais, a apertura dun proceso de "reflexión" na formación e non descartaba recompoñer as relacións cos grupos escindidos do BNG no futuro.
"Unificarnos todos"
Precisamente, nesta idea é na que incide o líder de Abrente, Carlos Aymerich, para quen é "fundamental" recuperar a unidade do nacionalismo. "O BNG xa non está só no mundo nacionalista e temos que unificarnos todos", suliña en declaracións a GC.
Por iso, Aymerich, que é o único representante desta corrente no Parlamento galego xa que os outros seis deputados do BNG foron elexidos na lista da APU, aposta por non repetir "erros e problemas persoais" do pasado e avoga por crear un proxecto dentro do BNG que sexa "atractivo" para os nacionalistas que marcharon hai uns meses; Encontro Irmandiño e Máis Galiza, principalmente.
Tamén Xavier Vence
Na mesma idea afondou o catedrático de Economía Aplicada da USC, Xavier Vence, quen nun artigo publicado no xornal nacionalista Sermos Galiza, defendeu tamén unha unidade de acción entre as forzas que están ou estiveron dentro do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.