A Mesa pola Normalización insta a Feijóo a informar en galego sobre o coronavirus

Pide ao presidente da Xunta que respecte o dereito dos galegos a recibir información na súa lingua ante esta crise.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2020 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística instou este luns ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a respectar o dereito dos galegos a recibir información na súa lingua ante a crise do coronavirus.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión por videoconferencia con Pedro Sánchez
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión por videoconferencia con Pedro Sánchez | Fonte: Xunta de Galicia

O presidente da asociación, Marcos Maceira, lémbralle ao máximo mandatario autonómico que "usar o galego é unha das súas obrigas" e que, en primeiro lugar, "débese aos galegos".

Neste sentido, sostén que "en momentos tan graves" como o que se vive "é necesario que a poboación galega reciba información clara e precisa na súa lingua". "É un dereito básico da nosa cidadanía", asegura.

Así, afirma que "non se entende" que tanto Feijóo, como o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, como o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, abandonen o uso do galego no exercicio das súas funcións "nun momento transcendental para todas e todos".

A Mesa lembra que a lingua galega é un elemento de cohesión social e de unidade do pobo galego con respecto ao cal os poderes públicos galegos teñen obrigas, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

"Feijóo é o máximo representante de Galicia", incide Marcos Maceira, que sinala que dirixirse aos galegos e galegas na súa lingua é parte da súa responsabilidade, máis aínda cando se trata de informar de cuestións que afectan de forma fundamental á súa vida presente e futura.

"Se o presidente da Xunta empregou o castelán na súa comparecencia para declarar o estado de emerxencia sanitaria de Galicia porque a quen se dirixía non era á cidadanía galega, senón ás persoas que aproveitaron a situación de emerxencia para pasar uns días libres no noso país, lembrámoslle que a súa obriga é defender ou, polo menos, respectar os dereitos da cidadanía galega á que representa".

Por todo iso, a entidade empraza o presidente a non deixar que "a frivolidade dunha minoría irresponsable converta o galego noutra vítima do Covid19".

No comunicado, ademais, A Mesa informa de que editou carteis con información básica para que os establecementos que así o desexen poidan descargar da páxina web ou das redes sociais da entidade.

Ademais, ofreceu a súa colaboración ás autoridades sanitarias galegas e lembra que a liña específica de atención ao coronavirus en Galicia é o número 900 400 116.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo 2

E que certamente Feijóo se dirigia aos não galegos, e sim, o vírus ademais de ser uma nova escusa para a descentralização, também e uma escusa para o abandono da língua própria de Galiza. Como sucede sempre a língua discriminada é a que sofre. E não o castelhano não é a língua comum, e uma das duas línguas oficias da Galiza (e como di o estatuto não é a língua própria de Galiza, a língua própria de Galiza é a língua galega). Vergonha de presidente da Galiza!!

1 nostrus

A Mesa pola Imposicion Lingüistica teria que deixar de dar a leres de unha vez por todas cos seus dogmas fundamentalistas cos que según eles só teñen direito os da sua corda e non o conxunto dos galegos. Precisamente este é un tema que afecta a toda a poboacion e o mais lóxico é informar na lingua común. A Mesa co seu credo pretende convertir a Galicia nunha illa monolingüe totalmente irreal que só cabe nas suas mentes, cando Galicia é unha rexion bilingüe. A Mesa, a rañala.