Sanidade crea un "autotest" para consultar síntomas e resolver dúbidas sobre o virus

Este test, que está dispoñible en galego e castelán, presenta catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden vivir as persoas que o realizan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2020 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade puxo a disposición da cidadanía na web do Sergas dedicada ao coronavirus un "autotest" para que poida "consultar síntomas e resolver dúbidas" relacionadas con esta enfermidade.

Así o informou Sanidade nun comunicado, no que explica que coa posta en marcha deste "test interactivo", elaborado por persoal sanitario, "proporciónase á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus", puntualizou.

Ademais, indica Sanidade, o feito de que o test "personalice as respostas", a través de preguntas concretas, "permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa", sinala.

Esta nova ferramenta de información e consulta, destaca Sanidade, súmase a outras iniciativas relacionadas coa atención a esta enfermidade postas en marcha pola Consellería de Sanidade, como o teléfono gratuíto 900 400 116 que nestes días, resaltou, "incrementou a súa demanda asistencial ata nun 60%".

Este test, que está dispoñible en galego e castelán, presenta catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden vivir as persoas que o realizan, así como información relacionada coas dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.

OPCIÓNS

En primeiro lugar está a opción para as persoas que teñen síntomas e que estean preocupadas porque cren que poida deberse ao coronavirus. A segunda entrada corresponde aos que se atopan illados ou confinados en casa, ao que se ofrecen indicacións sobre o que deben facer mentres permanezan na vivenda.

A terceira entrada informa aos que deron positivo nesta enfermidade e ofrece as recomendacións a seguir mentres estean confinados ou no caso de que a súa clínica empeore desde que permanecen no domicilio.

Por último, a cuarta entrada ofrece información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus, indica a Consellería de Sanidade.

O Sergas lembra que este coronavirus se transmite principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias e que, na maioría dos casos, a infección por esta enfermidade "é similar a un arrefriado común".

Campaña da CRTVG para concienciar sobre o coronavirus. CRTVG
Campaña da CRTVG para concienciar sobre o coronavirus. CRTVG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta