Que ver: documentais en Youtube, unha maneira doada e barata de ver algo que nos gusta

A rede social Youtube é un dos lugares onde os documentarios das cadeas de TV acaban tendo unha segunda vida. Desde logo que hai moita trangallada que non se sabe por que está aí, mais hai algunhas xoias que merece a pena que revisemos para levar mellor a corentena e de paso, se se pode, aprender algunha que outra curiosidade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/03/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

A cantidade de documentarios a día de hoxe é impresionante, hai que dicilo así. As plataformas, as TV, a mesma Internet, festivais de cinema etc., emiten cada ano numerosas mostras deste tipo de produción audiovisual. Desta maneira temos unha cantidade tan grande onde escoller que dá preguiza poñerse a facelo. Mais aquí estamos nós para darvos algunhas suxestións, desde algún clásico ata algún que sorprender.

Youtube
Youtube


-Cosmos, de Carl Sagan (1980)

Ben, para quen non lembre esta serie documental, foi unha revolución en toda España alá polos primeiros 80. Un astrofísico, Carl Sagan, cuestionaba a existencia de Deus nun contexto onde a Igrexa tiña forte influencia, falaba de como unha pequena nación, os Países Baixos, aproveitando as viaxes interoceánicas e os beneficios do comercio, desenvolveron tecnoloxía para crear coñecemento sobre atronomía ou bioloxía. Tamén cuestionaba a veracidade das aparicións de extraterrestres, mentres presentaba naves deseñadas nos 50 para viaxar polo Universo e como os gregos, de non decaer a súa civilización, serían hoxe por hoxe o centro político e cultural do mundo.

Totalmente recomendable, sobre todo para quen teña desexo de coñecemento, de cuestionar teorías e coñecer como chegou a primeira nave Viking a Marte. Ah! Esta serie foi producida pola TV pública dos EE UU, todo un mérito.


-Capitalismo  (2014)

Un percorrido polas ideas que forxaron as actuais derivas económicas neoliberais que ao final desembocaron na crise de 2008. Non está demais repasar esta serie agora que, segundo algunhas voces, unha nova crise se achega (aínda que breve segundo o presidente Pedro Sánchez).

Desde o cuestionamento das posicións do considerado pai fundador do neoliberalismo, Adam Smith, pasando polas respostas a estas ideas desde Marx e Engels. Como os dous modelos, o de Keynes e o de Hayek, tiveron unha pegada profunda durante a segunda metade do século XX e comezos do XXI.

Sen grandes alardes de linguaxe científica, Capitalismo ofrece unha explicación sobre algúns conceptos como “a man invisible”, “a autorregulación do mercado”, “socialismo e o modelo comunista” e o estourido económico de China.


-O mundo visto por Monsanto (2008)

Documental dirixido e producido pola xornalista francesa Marie-Monique Robin. En algo máis de hora e media, Robin mostra como vai insistindo unha e outra vez para poder ter unha entrevista con representantes da multinacional Monsanto, a comercializadora do Roundup, ou mellor coñecido como glifosato.

As investigacións de Robin fan que viaxe a Estados Unidos onde descobre como fábricas ligadas a Monsanto contaminan o ambiente, ademais de que existen sospeitas de que esa polución pode estar detrás dalgúns tipos de cancro, maioritariamente entre a poboación negra máis pobre. Sorprende como a multinacional responde finalmente ás preguntas de Robin. Para ver con calma.


-Somekind of a Monster (2004)

Pois si, un documental sobre a banda Metallica, o tótem do trash metal, do heavy e do que lles poñan por diante. Gravado xusto cando o baixista Jason Newsted abandona o grupo despois de tres lustros soportando “o dano físico e mental” dos seus “colegas” e cando a banda está a piques de romper.

Non deixa de ter gracia que uns millonarios pasen media vida xuntos gravando a música que lles gusta e, finalmente, non sexan capaces de entender que a crise da idade media tamén lles chega a eles. Iso, ademais dos intentos de desintoxicación do cantante James Hetfield, a granxa de cabalos do guitarrista Kirk Hammett e o lado especulativo no mundo da arte do batería Lars Ulrich.

Sinceramente, debería levar un premio á mellor comedia musical da historia porque, aínda sendo fan de Metallica e vendo que hai cousas serias detrás de cada un dos músicos, ás veces este documental ofrece momentos de partirse no sofá.


-Profetas da Ciencia-Ficción (2011)

Dirixida por Ridley Scott, é unha serie documental de sete capítulos cada un sobre un autor consagrado do xénero da ciencia-ficción, Arthur C. Clarke, Mary Shelley, Jules Verne, George Lucas, Philip K. Dick, Robert A. Heinlein, Isaac Asimov e H. G. Wells.

Scott fai un percorrido polas orixes dos relatos de anticipación desde a perspectiva de figuras que dalgunha maneira son a figuras máis consagradas dentro deste xénero. Describe os procesos vitais, psicolóxicos e mentais que levaron a estas persoas a crear mundos completamente diferentes.

Recomendable para quen guste do xénero e queira coñecer algúns datos que descoñeza sobre autores e autoras. Quizais un pouco egocéntrico Scott falando sobre cada personaxe.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta