Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2020 | Actualizada ás 09:00
Esta é a primeira semana sen aulas para o alumnado despois de que o Goberno central e a Xunta de Galicia decretaran o peche de todos os centros educativos para evitar a propagación do coronavirus. A cativada, xa que logo, permanece agora pechada nas súas respectivas casas e a medida que os días van pasando, esta corentena pode facerse para ela máis costa arriba. Mais desta situación extraordinaria van aparecendo iniciativas para facer máis levadeiro o illamento e para manter a mente esperta.
É o caso de 'Aulas Galegas' (aulasgalegas.org), un portal educativo impulsado por un grupo de profesores e profesoras sen ánimo de lucro que senten a necesidade de ofrecer unha axuda educativa á sociedade perante esta situación de illamento na que nos atopamos. O seu lema é ben claro: "Estamos na casa pero non estamos parados. A educación en galego continua". Así pois, baixo esta premisa, esta iniciativa que xurdiu primeiramente na cabeza de Pilar Ponte, profesora de Riveira, e á que logo se xuntaron outros 200 profesionais, botou a andar unha morea de contidos agrupados por niveis académicos e campos de traballo.
"Aulas Galegas nace para axudar o alumnado, as familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego", preséntanse na súa páxina web. A vocación, explican, non é substituír as indicacións educativas que o profesorado faga ao seu alumnado no ensino regrado, senón "ser fonte de recursos que sume no panorama educativo galego".
POR NIVEIS E POR MATERIAS
Así pois, Aulas Galegas distribúe os seus recursos en función dos niveis educativos - dende infantil de tres anos ata 2ª de Bacharelato - e dos campos de traballo - bioloxía e xeoloxía, ciencias naturais, ciencias sociais, economía, educación física e plástica, filosofía, física e química, inglés, lingua castelá, linguas clásicas, lingua galega, matemáticas, música, outras linguas estranxeiras, tecnoloxía e TIC -.
Dende Aulas Galegas tamén andan traballando nunha sección de atención á diversidade que axiña poida publicar recursos para o alumnado con necesidades específicas. O portal, ademais, recolle curtas, enredos - xogos para divertirse en familia -, actividades para estar cos nosos maiores, lecturas compartidas e un apartado de orientación. "Todos os contidos son de elaboración propia e feitos específicamente para esta iniciativa, e tamén outros que xa existen e que paga a pena divulgar", indican na propia páxina.
A iniciativa, que leva pouquiño tempo en marcha, está tendo unha moi boa acollida. No seu facebook xa son máis de 1000 amizades e segue chegando máis xente. Toda unha ferramenta de entretemento e aprendizaxe para estes días de retiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.