Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2020 | Actualizada ás 11:51
Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentados polas empresas galegas durante o estado de alarma seguen en aumento e son un total de 13.976, con 71.084 traballadores afectados. En concreto, hai un incremento este martes do 70% nas cifras de ERTE na autonomía en só 24 horas, xa que o luns os expedientes de regulación era 8.276.
Segundo datos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a pandemia do coronavirus provocou ata a data 5.422 ERTE na provincia da Coruña, que está á cabeza con 25.322 traballadores afectados. Séguelle Pontevedra, con 4.576 expedientes e 24.564 empregados. A máis distancia están os 1.845 ERTE aos que recorreron empresas na provincia de Lugo, con 6.285 traballadores; e os 1.715 en Ourense, con 6.523 empregados.
A estas cifras hai que sumar os 402 expedientes en empresas en toda Galicia, con 8.390 afectados; así como os 16 ERTE presentados de carácter estatal, aínda que a Xunta non dispón neste caso dos datos desagregados de traballadores en Galicia.
ERTE EN FINSA
O grupo madeireiro Finsa presentou un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) por causas produtivas nas súas catro plantas en Galicia, que afecta a un total de 1.609 empregados, ao redor do 80% do seu persoal.
O ERTE debido á crise do coronavirus ten unha duración ata o 30 de abril, que afectará a: 808 empregados na planta principal de Santiago; 384 empregados, en Rábade; 280, en Padrón; e 137 San Cibrao das Viñas. Pola súa banda, ao redor de 335 persoas continuarán teletraballando.
Segundo traslada a compañía a Europa Press, a cobertura no mes de marzo é de ata un 90% de complemento do salario, 80% de pagas extras e 100% de vacacións. En abril, cúbrese ata un 85% de complemento de salario, tamén 80% de pagas extras e 100% de vacacións.
Ademais, mantense unha comisión específica de prevención de risco en cada fábrica para a supervisión de protocolos e medidas de seguridade para os que teñan que traballar.
IKEA
Ikea presentou este martes ás autoridades competentes un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), pero asegurará o pago do 100% do soldo aos seus empregados, segundo informaron a Europa Press fontes coñecedoras das medidas presentadas.
A multinacional pechou todas as súas tendas, nos seus diferentes formatos, tras o decreto de medidas do Goberno ante o estado de alarma polo coronavirus.
ERTE TAMÉN EN DECATHLON
Decathlon notificou aos sindicatos o inicio dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) por forza maior para ata 8.886 traballadores tras o peche de todas as súas tendas despois de decretarse o estado de alarma. Na autonomía, Decathlon conta con 11 tendas repartidas por: A Coruña (2), Santiago (2), Vigo (2), Oleiros, Ferrol, Lugo, Ribadeo e Ourense.
En concreto, este proceso afecta ao 92% do persoal da compañía en España, segundo informaron fontes sindicais a Europa Press. A compañía, que conta con máis de 160 tendas en España, informou de que o ERTE se aplicará practicamente á totalidade do persoal, quedando exceptuado un mínimo de persoal tanto para o mantemento imprescindible da actividade como da venda 'en liña'.
Os delegados de UGT pediron á empresa desde un primeiro momento que se complementase a prestación ata o 100%, de modo que os traballadores non vexan minguado o seu soldo.
Pola súa banda, CCOO lamentou que unha multinacional como Decathlon se acollese ao ERTE. "Empresas como a nosa e outras moitas con beneficios incomparables ao dun autónomo ou pequeno comercio están a optar por esta mesma medida, e deben dar un paso á fronte e negarse a facer ERTEs aos persoais mentres que o patrimonio empresarial poida asumir o gasto", subliñou.
DESCENSO DO TRÁFICO POR ESTRADA
O tráfico medio diario de vehículos pola autoestrada AP-9 descendeu en todos os seus tramos case un 70 por cento na semana do 16 ao 22 de marzo, a primeira co estado de alarma vixente e coas medidas de confinamento establecidas con motivo da crise sanitaria do coronavirus.
Segundo confirmou a propia concesionaria da autoestrada, Audasa, a Intensidade Media Diaria (IMD) de tráfico nese viario foi de 22.125 vehículos durante marzo de 2019 (lixeiramente por encima do mesmo mes do ano anterior), mentres que a IMD na semana do 2 ao 8 de marzo de 2020 foi de 19.111 vehículos; e na semana do 9 ao 15 de marzo de 2020 foi de 15.624 vehículos.
Finalmente, a concesionaria trasladou que mantén os cartóns bancarios e o sistema de telepeaxe como forma preferente de pago na autoestrada, aínda que hai "persoal de apoio aos condutores" en cada peaxe, por se fose necesario.
CIG PIDE REDUCIR A ACTIVIDADE DE PARQUES EÓLICOS
A CIG-Industria instou ao Ministerio de Traballo, ao de Sanidade e á patronal a reducir a actividade de mantemento e operacións dos parques eólicos á mínima indispensable para o funcionamento dos aeroxeradores. O responsable do sector eólico da CIG, Alberte Amado, asegura que, a día de hoxe, na maioría das empresas está a traballarse igual que nunha situación de normalidade, cuns protocolos de prevención "escasos", con equipos de protección individual "mínimos" e sen outros materiais para a hixiene dos traballadores e do material que os xenes hidroalcohólicos.
"Tampouco se está actuando para garantir que se manteña a distancia mínima dun metro e medio entre traballadores", sinala o sindicalista, que sostén que nalgunhas empresas os desprazamentos entre parques se seguen realizando "en parella" e, "na maioría dos casos, sen máscaras". A central sindical tamén censura que se continúen facendo "con normalidade" os desprazamentos de persoal entre provincias e autonomías e esixe que se limiten para evitar novos contaxios, seguindo os criterios das autoridades e o disposto no decreto de alarma.
Aena limitou o horario de apertura dos edificios terminais dos aeroportos de Vigo e A Coruña, que só permanecerán accesibles nos horarios nos que estean programados voos con saída ou destino nestas cidades, pola crise do coronavirus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.