Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2020 | Actualizada ás 14:06
Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentados por empresas en Galicia alcanzan este xoves a cifra de 20.987 debido á crise do coronavirus, cun total de 112.284 traballadores afectados. En comparación coas cifras do mércores, os expedientes de regulación e os traballadores afectados crecen ao redor dun 18% en 24 horas, segundo datos da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A provincia de Pontevedra está á cabeza con traballadores afectados (44.973), cun total de 6.970 ERTE ata a data. Séguelle A Coruña, con 37.566 empregados e 8.122 expedientes. A máis distancia, seguen as provincias de Ourense (con 2.585 ERTE e 10.059 afectados) e Lugo (con 2.671 ERTE e 9.064 empregados). Os ERTE con repercusión en toda Galicia son 618, con 10.622 empregados incluídos. Os que se produce a nivel estatal son 21, aínda que sen datos galegos.
Ante esta situación, o Goberno galego habilitou unha liña de teléfono gratuíta para atender as consultas de empresas e traballadores afectados por un ERTE, co número 900 815 600. Funciona entre as 8,00 e as 18,00 horas de luns a venres.
SECURITAS SÚMASE AOS ERTE
O grupo Securitas iniciou a negociación dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para as súas distintas empresas de seguridade no estado, onde conta cun persoal de máis de 18.000 traballadores, ante o peche acometido polos seus clientes para conter a propagación do coronavirus.
A empresa, que ten delegacións na Coruña, Vigo e Ourense, xa comunicou esta decisión aos representantes sindicais para que constitúan unha mesa de negociación no prazo de cinco días, a partir do cal contará con sete días para negociar o número de empregados afectados e as condicións, antes de presentalo ante as autoridades laborais.
Segundo trasladaron a Europa Press en fontes da compañía, unha "parte significativa" dos seus clientes pecharon os establecementos onde levan a cabo a súa actividade, algo que afecta a Securitas como provedor da súa seguridade.
O obxectivo da empresa é "preservar o emprego" e recuperar a actividade unha vez se levante o confinamento da poboación. Mentres tanto, algúns empregados veranse afectados por este despedimento temporal, mentres que outros continuarán a súa actividade nos establecementos que non se viron afectados as medidas aprobadas para conter a propagación do virus.
DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Doutra banda, a Deputación de Pontevedra informou aos municipios beneficiarios da provincia da habilitación da liña 2 do Plan Concellos, que pon á súa disposición máis de tres millóns de euros para darlles liquidez á hora de sufragar necesidades motivadas pola crise do coronavirus.
En total, ata agora, explicou a institución provincial, os concellos solicitaran xa recursos da liña 2 por valor de 1,3 millóns de euros, quedando pendentes de resolución outros 1,7 millóns.
Con esta nova medida, aos concellos que xa teñan algunha subvención concedida ao amparo desta liña 2, facilítaselles presentar o seu desestimento total ou parcial, ou modificala para destinar os recursos ao que estimen máis prioritario ou urxente no contexto actual. Ademais, os concellos que presentaron solicitude pero aínda non a tiñan resolta, poderán tamén presentar o seu desestimento ou modificación.
Mediante esta medida, a Deputación de Pontevedra pretende "flexibilizar aínda máis os recursos postos a disposición dos concellos da provincia", como xa fixo con outros programas provinciais como as axudas de emerxencia, o Plan de Servizos Comunitarios, a liña de axudas extraordinarias ou os anticipos do Fondo de Liquidez do ORAL.
CONCELLO DA CORUÑA
O Concello da Coruña ampliou os prazos para o pago de impostos e taxas municipais, ademais de acordar un novo calendario fiscal, segundo informou a alcaldesa, Inés Rey, nunha rolda de prensa telemática.
Na súa comparecencia, avanzou "un primeiro paquete de medidas para minimizar fiscalmente o impacto do estado de alarma". En concreto, dixo que se ampliarán prazos para o pago dos distintos impostos e taxas municipais para dar "facilidades de pago". Entre elas, citou a aprobación dun novo calendario fiscal para este ano coa ampliación dos prazos para facilitar o pago do IBI, plusvalías e os demais impostos municipais, segundo explicou a rexedora, que adiantou que se estudarán "novas medidas".
Como exemplo, sinalou que as autoliquidacións con prazo de pago anterior ao 14 de marzo ampliarase ata o 30 de abril, mentres que as posteriores ata esa data poderán abonarse ata o 20 de maio. As plusvalías con anterioridade ao 14 de marzo amplíanse 15 días despois da vixencia de estado de alarma e os posteriores a ese día ata un mes despois.
No caso do imposto sobre vehículos, prolongarase ata o 30 de xuño e o IBI poderá abonarse do 5 de maio ao 13 de outubro, mentres que a taxa de recollida de lixo, que inclúe outros conceptos tamén, terán un novo período de cobro, do 14 de setembro ao 4 de decembro. Anúlase tamén o cobro por terrazas durante o estado de alarma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.