Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2020 | Actualizada ás 13:12
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado autonómico Luís Bará lamentan a morte como vítima do coronavirus do antifranquista Chato Galante, ao que destacan como "exemplo de loita pola xustiza e os dereitos democráticos".
A través dun comunicado, Miranda e Bará trasladan a familiares e amigos do falecido, así como á comuna de presos e presas do franquismo, o seu "abrazo máis afectuoso e solidario". "Desde o confinamento choramos tan grande perda dun home bo e xeneroso", engaden.
Ademais, os nacionalistas insisten en que "en memoria de Chato" seguirán denunciando "os crimes do franquismo e as brutais torturas que el mesmo sufriu a mans de Billy 'El Niño'", posto que seguir co seu traballo "é a mellor homenaxe" que poden facerlle "hoxe e sempre".
Así mesmo, Miranda e Bará lembran o impulso da querela en Arxentina contra o franquismo a través da Iniciativa Galega pola Memoria, coas que o propio Chato Galante colaborou nos últimos meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.