Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2020 | Actualizada ás 13:10
Unha muller foi interceptada no seu turismo por unha patrulla da Garda Civil mentres se dirixía a Galicia a través da A-6 co vehículo repleto de bolsas, equipaxe e todo tipo de obxectos, que chegaban a ocupar a totalidade do espazo do coche. De feito, este mesmo venres, concellos galegos alertaron da posibilidad dunha chegada masiva de xente a segundas residencias.
A patrulla formaba parte do dispositivo despregado para verificar o cumprimento das restricións durante o estado de alarma. Mentres se atopaban de vixilancia no quilómetro 507 (sentido Madrid), da autovía A-6, os axentes detectaron a un coche que circulaba en dirección A Coruña e observaron que o turismo estaba cheo de bolsas que ocupaban case todo o interior.
Nese momento, a patrulla realizou un cambio de sentido para tentar interceptar ao vehículo, que localizaron á altura á altura do quilómetro 517 da citada vía. Salvo o espazo reservado para a súa condutora, a única ocupante do coche, o interior do vehículo atopábase cheo de aveños, bolsas, mochilas, maletas e embalaxes que limitaban absolutamente a súa liberdade de movementos e o uso de espellos retrovisores.
A muller, que procedía do centro da península, tiña intención de desprazarse á costa galega, viaxe para o que adquirira o automóbil no que circulaba. Os axentes procederon a efectuar denuncia por suposta infracción ao Regulamento Xeral de Circulación, e prestóuselle auxilio para realizar o transvasamento da carga a outro vehículo.
Doutra banda, tamén foi denunciada por incumprir as restricións á circulación establecidas durante o vixente estado de alarma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.