Por X.M. Fernández | A Rúa | 10/04/2020 | Actualizada ás 12:00
Varios cineastas da comarca puxeron ao dispor do público durante uns días as súas obras cinematográficas grazas á iniciativa de Cristina da Torre, unha coñecida creativa e produtora da Rúa.
Películas documentais e de ficción realizadas en Valdeorras estarán dispoñibles e poderán verse durante estas semanas que restan, a priori, de confinamento. Títulos como “Sempre Xonxa”, “Santoalla”, “Pradolongo”, “Os Fillos da vide”, “Lobos sucios” ou “Espírito Abertal” poñerán en valor a creatividade de profesionais do audiovisual desta zona e farán máis amena a corentena.
Cristina da Torre explica na web creada para estruturar este “festival online”, que foi dabondo con dez minutos de mensaxes cruzadas para lear a todo o mundo para que cedese as películas e a colegas e empresas para que axudasen coa web e a comunicación; e no seu perfil de Twitter resúmeo dicindo que o resultado deste proxecto chegou despois dun traballo de ‘produción express’, “unha idea, sete whatsapps e dúas noites en vela... e xa está en marcha”.
Unha proposta máis, e local, que chega do mundo da creación cultural para entreter e lembrar, en tempos de ‘repouso caseiro’, que en Valdeorras faise bo cinema. Na web creada para estruturar este ciclo de cinema está toda a información, na que ademais do calendario de disposición das películas pódese acceder á información sobre todos/ as e cada un dos directores/ as que forman parte deste proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.