A familia da embarazada falecida segue sen ter o historial clínico dúas semanas despois

Lamenta o "trato desagradable" ao solicitar a documentación no Chuac e subliña que "só queren saber a verdade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2020 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

A familia da moza de 37 anos de idade embarazada veciña de Carballo falecida a finais de marzo no Hospital Materno-Infantil da Coruña, xunto ao seu bebé, con COVID-19 tras practicárselle unha cesárea de emerxencia, segue á espera de recibir, tras solicitala formalmente, a historia clínica da muller para "ter respostas" sobre a súa morte.

Así o explicou a Europa Press o avogado ao que a familia recorreu para asesorarse, Cipriano Castreje, quen sinalou que "a pasada semana", o martes 7 de abril, o marido da falecida e o irmán acudiron a Atención ao Paciente no Chuac para presentar a solicitude para reclamar a historia clínica. "Foi un trato desagradable", destacou.

Respecto diso, o letrado que asesora á familia lembrou que aínda que nos días despois do falecemento o equipo médico e directivo do Chuac atendeu á familia para explicarlle que sucedera, nesta ocasión ao solicitar a historia clínica puxéronlles "trabas de todo tipo", pero "finalmente déronlles número de rexistro e copia da petición".

"SABER A VERDADE"

A familia da nova falecida xunto ao seu bebé insiste en que "só quere saber a verdade". Por iso, continúa solicitando información co obxectivo de coñecer "se a actuación foi acorde ou non coa praxe médica" e "por que se ordenou inmediatamente a incineración".

Por parte da Fiscalía Provincial da Coruña abríronse dilixencias en relación con estes feitos, confirmaron a Europa Press fontes do Ministerio Público, que seguen o seu curso, co fin de determinar se hai ou non indicios de infracción penal nos feitos.

FEITOS

Fontes da familia relataron que a embarazada, tras transcender o falecemento desta muller, tivera un pouco de febre e diarrea antes de acudir ao hospital o último fin de semana de marzo. Tras levala por se se adiantaba o parto, o marido regresou ao domicilio en Carballo debido a que, polo protocolo do COVID-19, non pode haber acompañantes, e a moza quedou no centro porque lle ían a facer unhas probas.

Posteriormente, avisaron ao marido de que a situación se complicou, que a nena naceu morta e que a muller, María Jesús R.T., coñecida como Fani, morreu en quirófano. O equipo médico que a atendeu dixo á familia que a muller faleceu con coronavirus positivo.

Hospital Teresa Herrera, na Coruña
Hospital Teresa Herrera, na Coruña | Fonte: Ogmios Proyecto

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta