Ven o lobo?

Estou seguro que a todos, de nenos, téñennos lido o conto do pastoriño que mentres está coidando das ovellas berra, por mera diversión: “Que ven o lobo, que ven o lobo!!”, alarmando aos outros pastores que acoden axiña no seu socorro.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 18/04/2020

Comparte esta noticia

As primeiras veces os berros fan efecto, pero logo, no momento que é verdade que o lobo ataca ao rabaño, os pastores, xa cansados de acudir unha e outra vez, toman a petición de auxilio como a broma repetida, e seguen tranquilos ocupándose das súas labores. Un conto que escoitamos na nenez e que non deberíamos esquecer. Advírtenos do perigo de facer brincadeira con determinados temas, do perigo de abusar da confianza, que acaba irremediablemente por perderse.

A Brilat colabora coa Garda Civil no control da fronteira de Pontevedra con Portugal.. BRILAT
A Brilat colabora coa Garda Civil no control da fronteira de Pontevedra con Portugal.. BRILAT

A estas alturas, xa na quinta semana de confinamento, acercándonos aos 20.000 mortos,  hai poucas dúbidas de que as medidas tomadas para conter a pandemia foron, en esencia, correctas. Cando menos dende un punto de vista de saúde pública. Nun país tan pouco dado aos consensos, durante moito tempo, seguiremos debatendo si o estado de alarma, e as medidas asociadas, deberon ser tomadas días antes; si o confinamento debeu ser mais estrito ou menos; si se debeu pechar dende o primeiro día os sectores non esenciais ou si, polo contrario, foi un erro pechalos, e despois abrilos. Pero a grandes trazos, e mais alá dos intereses partidarios de non poucas críticas, máis alá dos desmarques de aqueles que pretenden tirar rédito da crise, o certo é que as medidas foron adaptándose ás circunstancias, cambiantes, de cada momento, atendendo tanto ao mellor como ao posible. Organismos como a Organización Mundial da Saúde así o recoñecen. Da terrible experiencia deberemos aprender e aprender dos erros, que tamén os houbo, e a crítica será necesaria, pero tal vez antes de criticar coa alegría que por estes pagos lle poñemos a esa tarefa por un momento nos poñamos na pel do que tivo que actuar cando o mundo se viña enriba.

Menor, de seguro, será o consenso arredor das medidas económicas que se deben poñer en marcha para evitar que a crise sanitaria se converta nunha crise social, e que a estrutura do país, tanto industrial como de servizos, quede danada de forma estrutural. Os remedios que os economistas propoñen suscitan, polo xeral, mais controversias que os tratamentos dos médicos. A fin de contas, atopar dous economistas que se poñan de acordo nalgún tema é, as mais das veces, dificultoso.

Neste contesto de crise e de medidas extraordinarias César Rendueles, profesor da Universidade Complutense, autor do interesante: “Sociofobia. El cambio político en la era de la utopía digital” (Capital Swing, 2013), publicaba un artigo en El País, “La tormenta perfecta de autoritarismo”, 29 de marzo de 2020, no que nos advirte de todos os males que quedarán na sociedade española logo desta experiencia: control policial, militarización, acoso social, precarización da democracia…

Non cabe a menor dúbida que é preciso que a sociedade conte con sólidos mecanismos de control dos poderes públicos e de que exista un equilibrio entre eles. Uns mecanismos, e uns equilibrios, que nunha situación excepcional poden resentirse. A defensa da democracia, da sociedade civil, esixe, entre outras cousas, e tal vez sobre todo, construír  esa defensa sobre a verdade, sobre feitos verificados, e desgraciadamente o profesor Rendueles non cumpre esas premisas no seu artigo. Dalgún xeito convértese nese pastoriño que se toma a broma algo serio, neste caso a consolidación dunha situación autoritaria, e retorcendo uns poucos datos preséntanos como si estivéramos inmersos nun cadro ben diferente á realidade.

O profesor Rendueles sinala que o número de sancións impostas polas policías son excesivas, que existen numerosos abusos. Faino utilizando comparacións con outros países que non se sosteñen, na medida que non son situacións comparables. Faino avalado por unha fonte tan fiable como uns vídeos que veu no Facebook, en Twiteer ou en Instagran. A realidade non parece darlle a razón. Non parece que os mais de 230.00 policías (Policía Nacional, Garda Civil, policías locais, Policía Foral Navarra, Ertzaina, Mossos de Escuadra…) estean abusando da autoridade coa que está investida a súa actuación nesta situación excepcional. Mais ben parece que aplican a pedagoxía como si foran comprometidos mestres de escola empeñados en sacar aos seus alumnos adiante. Outra cousa é que cando non chega a pedagoxía é o seu deber empregar os métodos que teñen aos seu dispor, sexan administrativos, as multas, ou coercitivos, as detencións ou mesmo o uso da forza.

A inmensa maioría da poboación compórtase dun xeito responsable, pero sempre hai minorías, ás veces non cativas, que por irresponsabilidade, inconsciencia, estupidez (non nos esquezamos das predicións do profesor Carlo Cipolla sobre a extensión da estupidez entre a Humanidade) ou maldade, que van facer o que lles pete, independentemente de que iso poña en risco a outras persoas, ademais de a si mesmos. Esas son as conductas que non poden quedar impunes. Como non quedarán impunes, estou convencido, os posibles abusos por parte das forzas policiais que se podan producir.

As críticas que fai a participación do exercito tampouco contan con moita base. Tal vez para algúns poda parecer estraño a colaboración do exército, pero dista moito de ser algo extraordinario. Esta participación é común en non poucos países do noso entorno, por exemplo Reino Unido ou Francia, onde é habitual que en determinadas circunstancias, alertas terroristas, o exército patrulle coa policía para reforzar a seguridade en zonas públicas (aeroportos, estacións de ferrocarril, prazas…). En España, en Galicia, e sen que teña que remontarme á labor do exército durante a catástrofe do Prestige ou á UME, en mais dun verán a BRILAT ten colaborado, “Operación Centinela”, na vixianza dos montes galegos na prevención de incendios.

Sería racional non botar man duns traballadores do Estado, os miliares, e duns recursos públicos, os medios cos que conta o exército, para facer fronte á situación actual?. Parece que ata persoas tan pouco sensibles á realidade militar, como o presidente da Generalitat catalana ou a alcaldesa de Barcelona teñen claro que non, que nisto todos imos a unha (mais ou menos).

Rendueles parece estar afectado por ese mal tan común, que se ven a denominar “sesgo de confirmación”, polo cal só aceptamos aqueles datos que corroboran o que xa creemos, desbotando ou adaptando ás nosas creencias aqueles outros que non casan coas mesmas.

Non vou entrar a discutir os supostos abusos perpetrados por persoas anónimas que increpan a outras, nais ou pais que acompañan a fillos con algunha enfermidade, dende a distancia, dende xanelas e balcóns convertidos nunha extensión deses redes sociais onde o que mais abundan son os troles. Xanelas e balcóns transformados nunha especie de forocoches físico, onde tanto hooligan da renda solta ao imbécil que leva dentro.  Outra vez o autor convirte o feito extraordinario, excepcional, na norma, outra vez quere atopar, coa axuda dalgúns medios de comunicación, ávidos de novas dramáticas que repiten ata a saciedade, os datos que sosteñan os seus preconceptos: a sociedade ao borde do abismo do autoritarismo, o acoso social convertido na nosa seña de identidade.  Da igual que a realidade sexa outra, que os energúmenos sexan unha minoría, agora e case sempre. A fin de contas como dita a primeira norma do xornalismo amarelo: “Non deixes que a realidade desluza unha boa nova”.

A democracia española ten serias limitacións, algunhas derivadas da mediocridade dalgúns dos políticos e políticas aos que os cidadáns, libremente, temos escollido como os nosos representantes (tanto na dereita como na esquerda), seguramente outras derivas da falta dunha cultura do ben común que tanto nos diferencia doutras sociedade e aínda outras derivadas da falta dunha sociedade civil sólida. Pero estas limitacións son anteriores á actual crise e continuarán con nos cando a situación que hoxe vivimos sexa un recordo. Tarefas pendentes dende hai tempo. Esta crise deixará pegada, terá certa influencia en moito, tal vez para ben, pero non nos cambiará totalmente, nin como persoas nin como sociedade.

A nosa sociedade non espertará o 27 de abril sendo mais autoritaria, nin o fará o 15 de maio, nin o 2 de xuño… O día que sexa que o estado de alarma conclúa os militares regresarán aos seus cuarteis e nos regresaremos á rúa e aos nosos traballos, os partidos políticos voltarán a tirarse os trastos á cabeza, as esquerdas seguirán a tentar arrincarse os ollos entre elas e case todo o mundo voltará a discutir de fútbol nos bares.  Business as usual, que dirían os meus amigos ingleses.

É verdade que o virus do autoritarismo está entre nos, incubando, sempre ameazante. Ningunha sociedade está inmunizada. Mirade o errados que estábamos cando hai uns poucos anos pensábamos que unha forza de extrema dereita non tería nunca espazo entre nos. Sobre o autoritarismo hai que estar alerta, actuar ante os síntomas, con firmeza, pero hai que facelo ao seu tempo. Dicir que hoxe estamos ao borde do colapso democrático (esaxerando un pouco é o que fai César Renduales no seu artigo) é actuar de forma errada. O único que se consigue coa hipérbole, co destempo nas chamadas ás armas, é acabar debilitando o noso organismo social, como cando se abusa dos antibióticos para curar un simple catarro, e que logo, cando de verdade ven o lobo, non sexamos quen de reaccionar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.