Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/04/2020 | Actualizada ás 21:08
O persoal desprazado á residencia integrada que a Xunta habilitou en Baños de Molgas, na provincia de Ourense, denuncian que non se lles fan probas diagnósticas ata que teñan síntomas ou, como no seu caso, traballen con material defectuoso.
Así, cando en Baños se descubriu que as máscaras de seguridade eran defectuosas, comezaron a facer tests a traballadores e traballadoras. “Por sermos de centros sociosanitarios non nos fan a proba, mais aos que estamos en Baños de Molgas si nola fan por termos máscaras defectuosas”.
Outro problema engadido é que, ao seren traballadoras de centros sociosanitiaras, cando se busca o seu nome en bases de datos, aparecen como persoal sociosanitario. Isto implica que non existe un código como persoal sanitario para eles, por iso a proba da COVID-19 non lles é aplicada de maneira regular.
Segundo fontes sindicais da residencia Porta do Camiño, a postura das autoridades sanitarias para non facer as probas é que se a persoa non ten síntomas nese momento, o resultado que pode dar é negativo porque o virus non evolucionou nese momento no organismo. De aí que só as realicen cando se teñen síntomas.
QUEIXAS
As traballadoras trasladáronlle ás forzas sindicais o seu malestar pola falta de seguridade ante posibles contaxios pola COVID-19. Catia Vázquez, traballadora do Consorcio Galego do Benestar, organismo do que proceden moitos e moitas das traballadoras da residencia, sinala que “che din que tes que ir traballar alí, sete días contínuos, doce horas, dormir alí durante os sete días”.
Case sen tempo, tiveron que poñer en marcha todo o sistema operativo para o centro de Baños de Molgas, unhas instalacións que ían ser destinadas para persoas con deficiencias. Vázquez conta que a maioría do persoal en Baños non tiña experiencia en residencias para maiores, case todos e todas viñan de centros de día. Ademais diso “tampouco se nos deu información nin formación sobre a COVID-19, por iso tes medo e angustia”.
O persoal que traballa en Baños son 15 xerocultoras, cinco persoas máis entre PSX e camareiras limpadoras, 1 psicólogo, unha traballadora social, medicos e enfermeiras, aproximadamente 35 persoas. O número de persoas usuarias estaría en trinta persoas actualmente logo de varias altas, mais cando empezaron eran 50 usuarios e usuarias.
Segundo informa Vázquez, durante uns días, a limpeza de habitaciones correspondía a dúas psx do Consorcio e catro camareras limpiadoras de Política Social.
SANIDADE
Pola súa parte, a Consellería de Sanidade, responde que os equipos de protección son entregados e repartidos en Baños de Molgas pola Xerencia da Área Sanitaria de Ourense "cos mesmos protocolos de uso e utilización" que os empregados nas plantas de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde hai enfermos Covid.
En canto as probas para a detección da COVID-19, o departamento que dirixe Vázquez Almuiña, declara que todos "os traballadores sociosanitarios foron sometidos ao test-diagnóstico da PCR para o coronavirus".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.