Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 22/04/2020 | Actualizada ás 22:20
A Xunta de Galicia relevou ao que ata agora era o director da residencia integrada Os Milagres , Miguel Ángel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) e esta semana foi relevado pola Xunta do seu cargo como director do centro habilitado despois de polo en marcha. De feito, esta residencia foi a primeira das integradas que empezou a funcionar en Galicia acollendo a usuarios afectados procedentes de residencias de maiores.
Vázquez explicou en declaracións a Galicia Confidencial o seu relevo. "Chegou un momento en que caímos na conta que o proceso estaba estabilizado", por tanto o que había que facer agora era traspasar a xestión a Sanidade" apunta. Sobre como se fixo o relevo, explicou que "o sábado (19 de abril) acordamos que a xestión debía quedar no SERGAS, fíxose o traspaso e hoxe fíxose o relevo, por tanto non hai cesamento ningún".
MORTANDADE EN RESIDENCIAS PRIVADAS
Este xeriatra destaca que a gran mortandade en residencias é porque "deixaron a enfermidade contaxiosa" dentro dos centros. E, sobre a mortandade de persoas maiores pola COVID-19 que é máis elevada nos centros privados, que nas residencias públicas, di que iso ten unha resposta estatística, e é que "hai máis residencias privadas que públicas". Logo está que o"nivel de visitas dunha residencia pública non é o mesmo que unha privada". As residencias públicas acollen persoas sen recursos, "non así as privadas que acollen a quen non ten praza pública polas súas condicións socioeconómicas".
Sobre os primeiros momentos en que a COVID-19 apareceu en residencias de maiores, Vázquez lembra que "non se facían probas, o que nós lles dixemos foi que se había un caso que o sacasen e fixesen test a todos os demais, que é o que se fai agora mesmo".
Aínda así, as dúbidas sobre por que non se actuou de maneira inmediata dentro das residencias de maiores, a resposta deste xerontólogo é que "non se sabía, non se podía, descoñezo os motivos reais".
A outra polémica que xurdira en Baños de Molgas foi o uso por parte do persoal de máscaras defectuosas. " Eu sóubeno tarde, porque como os EPI non os levamos nós, era o SERGAS". O sábado fixéronse probas ao equipo 1 e non houbo positivos, "no equipo 2 houbo un positivo, cando hai un positivo dicimos que fallou un e fallou todo o equipo".
RESPOSTA DE POLÍTICA SOCIAL
Segundo explicaron fontes de Política Social, Vázquez foi contratado "para pór en marcha" a residencia integrada dos Milagres, xa que se trata dunha persoa "con moita experiencia" no ámbito da gerontología e dirixiu outros centros para a terceira idade.
Así, unha vez finalizado o seu contrato "para este labor", a "estrutura" habilitada en Baños de Molgas "pasa a formar parte da Consellería de Sanidade e queda baixo a tutela única da dirección asistencial da área Sanitaria de Ourense", precisou o departamento que dirixe Fabiola García.
As mesmas fontes deixaron claro que "non foi cesado" e que el "seguirá colaborando coa Consellería de Política Social" para "repensar e reflexionar" sobre o futuro das residencias para a terceira idade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.