Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/12/2012 | Actualizada ás 08:00
"Construíndo Futuro, Documento aberto para o debate sobre o futuro do nacionalismo e a revitalización do BNG". Así se chama o resume da primeira rolda de debate interno realizada pola militancia do BNG nas súas asembleas comarcais". Está publicado nunha nova web, lanzada baixo a etiqueta #proponconosco, e busca suscitar o debate entre militantes, simpatizantes e votantes do Bloque tras o "mal resultado" do 21 de outubro.
Gran parte do documento céntrase na autocrítica, en aspectos nos que o propio BNG admite que pode ter errado. Iso si, a formación reafírmase nas súas bases ideolóxicas: "o BNG debe seguir a ser unha forza nacionalista, comprometida coa conquista dunha Galiza soberana, e de esquerdas".
Un dos aspectos nos que se fai máis incidencia é na falta de conexión dos mozos co Bloque, evidente polo derrube do voto urbano. A autocrítica chega ao punto de admitir que dentro do propio Bloque hai que propón disolver Galiza Nova, a organización da mocidade pro-BNG. "Existen compañeir@s que preferirían prescindir dunha estrutura xuvenil integrando a mocidade directamente no BNG ou creando asembleas de moz@s no BNG", resume o documento.
O Bloque admite entre liñas que non soubo captar o descontento dos mozos que protagonizaron o movemento dos indignados, ante o que cómpre " unha ampla e sincera autocrítica". Así, o documento indica que "quizais nos falta flexibilidade e destreza para integrar as propostas doutros colectivos e persoas que traballan connosco (...) ou tardamos demais en admitir a súa presenza e virtualidade (p.e., caso do 15-M)".
Malia que o difuso ideario do 15M comparte moitos puntos comúns co discurso dos partidos de esquerda (defensa dos servizos públicos, rexeneración da democracia, denuncia da corrupción dos poderes económicos ...), a relación do Bloque cos indignados galegos nunca foi fluída. En boa medida, porque os nacionalistas desconfiaban dun movemento cidadán que naceu en Madrid e que, dado o seu éxito, cuestionou o tradicional liderado da esquerda nacionalista no artellamento de mobilizacións nas rúas galegas.
O voceiro nacional Guillerme Vázquez achegouse unha vez á asemblea da Acampada Obradoiro, e marchou tras ser criticado por varios dos presentes por supostamente tentar sacar rédito político do movemento. Polo contrario, Xosé Manuel Beiras, daquela dentro do Bloque e hoxe voceiro de Alternativa Galega de Esquerdas, foi invitado a dar varios relatorios e participou nas manifestacións deste movemento.
Por que Beiras si e Guillerme non?
Por que Beiras si e Guillerme non? O documento diagnostica que o BNG "acabou sendo percibido por unha parte da cidadanía e, especialmente da xuventude, como un partido máis desa paisaxe", en referencia ao sistema de grandes partidos, e aos seus vicios, que cuestiona o 15M.
"Unha forma de comunicar que puido quedar algo acartonada" é un dos factores que o Bloque admite que influíu na súa separación co seu electorado máis mozo. Para solucionalo, o BNG propón unha nova forma de comunicar, superando as súas dificultades cos grandes medios, e apostando polas redes sociais e a Internet.
O Bloque tamén propón facer máis énfase en temas que tradicionalmente son inquietudes dos máis mozos. Así sinala que " o ecoloxismo, o feminismo, etc que aínda sendo parte central dos nosos sinais de identidade desde a nosa fundación o certo é que posibelmente perderon algo de protagonismo no noso discurso diario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.