Prorrogados ata o 10 de maio os controis nas fronteiras terrestres con Portugal

A Brilat desinfecta dúas residencias de maiores e un CAPD nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Por E.P. | MADRID | 25/04/2020 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

O Goberno prorrogou outros 14 días, ata o cero horas do 10 de maio, o restablecemento dos controis nas fronteiras terrestres con Francia e Portugal, segundo consta nunha orde asinada polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que publica este sábado o BOE.

A orde, que se enmarca nas medidas adoptadas para o control da epidemia de coronavirus, terá efecto a próxima medianoite e e está suxeita a novas extensións en caso de necesidade.

Desde que estes controis entraron en vigor o pasado 17 de marzo, só se permite o acceso a territorio estatal a cidadáns españois, persoas residentes en España, traballadores transfronteirizos e aqueles que acrediten, documentalmente, causas de forza maior ou situación de necesidade.

A restrición non se aplica ao transporte de mercadorías co fin de asegurar a continuidade da actividade económica e de preservar a cadea de abastecemento.

A Brilat colabora coa Garda Civil no control da fronteira de Pontevedra con Portugal. BRILAT
A Brilat colabora coa Garda Civil no control da fronteira de Pontevedra con Portugal. BRILAT

DESINFECCIÓN EN RESIDENCIAS

As unidades da Brilat, do Exército de Terra, desenvolverán labores de desinfección este sábado no Centro de Atención para Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña, na residenica de maiores O Casón, de Moeche, e na DomusVi de Ribadumia.

Estes labores levaranse a cabo á vez que outras unidades se despregan durante esta xornada nos concellos pontevedreses de Cambados, Caldas de Reis e Silleda.

Pola súa banda, as que se dirixen a desinfectar os centros de atención de maiores e persoas con discapacidade actuarán no CAPD da Coruña, no que hai 26 usuarios infectados, e en O Casón, onde se detectou un traballador con coronavirus.

Desta maneira, as Forzas Armadas tratan de adecuar a súa resposta e esforzos durante o estado de alarma e tamén actúan a través de misións de apoio coa Garda Civil na fronteira de España con Portugal, tanto na provincia de Pontevedra como na de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta