Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/04/2020 | Actualizada ás 10:40
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou unha orde da Consellería do Medio Rural na que se permiten os desprazamentos que afectan a agricultores de autoconsumo que se trasladan a parcelas próximas á súa vivenda nas que desenvolven a súa actividade, sempre e cando leven unha declaración responsable das leiras que posúen.
Segundo trasladou a Consellería do Medio Rural, esta norma modifica as restricións da súa mobilidade impostas pola situación de emerxencia sanitaria o pasado 24 de marzo mediante o DOG, que limitaba os desprazamentos dos agricultores a cultivos e viñedos non comerciais situados a menos de 500 metros da súa vivenda.
Así, os agricultores deberán presentar unha declaración responsable na que se detallen os cultivos non comerciais que realizan e en que parcelas traballan. No caso de cultivos ecolóxicos, deberase tamén indicar na declaración que non se utilizan tratamentos fitosanitarios e que se carece do carné de manipulador dos mesmos. As persoas que utilicen estes produtos poderán presentar esta acreditación de modo adicional á declaración responsable.
Adicionalmente, os agricultores deberán xustificar no documento que se desprazaron de modo habitual ás parcelas para realizar actividades de autoconsumo durante, polo menos, un ano; datos que poderán ser verificados pola Administración.
A nova orde permite a atención das parcelas situadas no mesmo termo municipal no que residen estas persoas ou a unha distancia máxima de 5 quilómetros no caso de que estean localizadas noutro concello. No entanto, o número máximo de persoas que poden atoparse nunha leira mantense en dúas e sinálase que estas deberán respectar a distancia de seguridade e os protocolos de prevención establecidos polas autoridades sanitarias.
AGRICULTURA PROFESIONAL
Pola súa banda, os agricultores e viticultores profesionais e os seus empregados poderán continuar a realización dos desprazamentos precisos para levar a cabo traballos de atención e mantemento de cultivos e viñedos. Así, poderán acreditar a súa condición de profesionais mediante a súa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
Os viticultores profesionais tamén poderán acreditar esta condición mediante o carné de manipulador de produtos fitosanitarios e o cartón de rexistro do Consello Regulador da Denominación de Orixe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.