Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2020 | Actualizada ás 14:29
A Consellería de Infraestruturas activou novos contratos de obra pública por importe de máis de 120 millóns de euros, que crearán ao redor de 1.000 postos de traballo.
A titular deste departamento, Ethel Vázquez, trasladou estes datos este martes nunha reunión co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e representantes das asociacións provinciais e da Cámara de Contratistas de Galicia. No encontro participou tamén o director da Axencia Galega de Infraestuturas, Francisco Menéndez.
Nesta reunión telemática abordaron a evolución das obras públicas promovidas pola Xunta e as medidas de prevención adoptadas con motivo do COVID-19. Así, constatouse que nos traballos que se desenvolven ao aire libre, maioritariamente, están a seguirse as recomendacións para evitar contaxios.
O Goberno galego puxo a disposición dos profesionais da construción unha guía de recomendacións de seguridade específicas para as obras, elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Tamén se habilitou unha canle para a adquisición de material de protección, máscaras e luvas, a prezo de custo.
Ethel Vázquez destacou que a Xunta, pensando no futuro das preto de 80.000 persoas que traballan no sector da construción en Galicia, reiniciou as obras en execución e activou a tramitación doutras pendentes, que levaban semanas paradas polo estado de alarma.
En concreto, nas últimas semanas, desde a Consellería de Infraestruturas reactiváronse máis de 70 obras, cun investimento de 224 millóns de euros, que supoñen a creación e mantemento de 2.000 empregos ao ano.
Trátase, explicou a conselleira, de intervencións de interese público, como as actuacións no Hospital da Costa de Burela (Lugo) e no de Ferrol ou a decena de centros de saúde reactivados.
Outros proxectos retomados "garanten a calidade das augas", como o saneamento da Malata, en Ferrol; a loxística, como o acceso aos polígonos de San Cibrao e de Morás; e a competitividade e atracción turística, como as estacións intermodais.
MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA
A Xunta --a través da Consellería de Educación e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)--, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e os concellos de Galicia que o consideren, establecerán unha liña de colaboración para a mellora da conectividade e a dotación de recursos tecnolóxicos ao alumnado do ensino non universitario.
O obxectivo deste principio de acordo, que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG), a proposta do departamento de Educación do Goberno galego no marco da última reunión do centro de coordinación operativa (Cecop), é "aproveitar as sinerxías, evitar solapamentos entre administracións e conseguir a máxima cobertura do servizo no ámbito da atención educativa".
No acordo establécese que, por razóns de competencia, o Goberno galego atenderá con prioridade ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP, de acordo cos criterios de promoción e titulación.
Pola súa banda, os concellos interesados en colaborar no préstamo e repartición de equipamento e conectividade de propiedade municipal dará prioridade ao alumnado das etapas de Infantil e Primaria, de acordo coa Lei Orgánica de Educación e da normativa en materia de Réxime Local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.