O Defensor del Pueblo ve "nulo" o convenio da Xunta e Cerdedo-Cotobade para rehabilitar os Baños de San Xusto

Segundo a resolución do organismo público, este procedemento "impediu a outros concellos con proxectos similares" acceder ao mesmo tipo de axudas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2020 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

O Defensor do Pobo considera "nulo" o convenio asinado entre a Xunta, o Concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a concesión dunha "subvención directa" para a rehabilitación da contorna dos Baños de San Xusto.

A resolución do Defensor, institución dirixida por Francisco Fernández Marugán, asegura que non se tramitou "o procedemento legalmente establecido de concorrencia competitiva" e que esta adxudicación directa --en dúas anualidades: uns 280.000 euros en 2019 e outros 400.000 en 2020-- fíxose "sen reunir os requisitos esenciais para iso".

Esta recomendación do Alto Comisionado das Cortes xorde por mor dunha queixa da Alcaldía de Ponte Caldelas, que considera que o convenio, asinado en 2019, estivo "falto de transparencia" porque "non permitiu que todos os concellos de Galicia puidesen optar ás axudas da Xunta en igualdade de condicións".

E é que, segundo a resolución do Defensor do Pobo, este procedemento "impediu a outros concellos con proxectos similares" --Ponte Caldelas promovía un proxecto de estación termal-- acceder a estas axudas.

Neste sentido, tamén considera que "non se acreditan os motivos polos cales se elixen dúas áreas de interese paisaxístico" en Cerdedo-Cotobade "e non calquera outra das tamén incluídas no Catálogo de Paisaxes de Galicia; nin as razóns polas que se elixe a ese municipio e non outro, por exemplo, o Concello reclamante" (Ponte Caldelas).

LEI DE TRANSPARENCIA

Ademais, a institución dirixida Fernández Marugán asegura que o acordo con Cerdedo-Cotobade "non figura" no rexistro de convenios "máis dun ano despois da súa firma".

"Aínda que se publicaron certos datos no DOG (Diario Oficial de Galicia), non se identifica o beneficiario da subvención, nin se publicou o texto completo do convenio nin a súa memoria", engade, polo que conclúe que a Administración autonómica "non cumpriu as previsións" da Lei de Transparencia da Comunidade.

Por todo iso, o Defensor do Pobo emitiu unha suxestión para "revisar" o convenio, "declarar a súa nulidade" e "esixir o reintegro" da cantidade outorgada ao Concello de Cerdedo-Cotobade, á vez que recomenda "aprobar as bases reguladoras das axudas destinadas a entidades locais" e outorgalas "a través dun procedemento de concorrencia competitiva".

Casa do Concello de Cerdedo
Casa do Concello de Cerdedo | Fonte: berenguela.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta