Por Alberto Quian | Madrid | 19/05/2020 | Actualizada ás 08:15
Un dos síntomas asociados á Covid-19 que máis chamou a atención de médicos e científicos e a perda do olfacto. Mais non todos os pacientes que informan da perda deste sentido sofren realmente este trastorno. Así o evidencia un estudo asinado por dez investigadores adscritos a institucións científicas e médicas de Bélxica, Francia, Canadá e España, incluído o Departamento de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Desde o inicio da pandemia polo coronavirus SARS-CoV-2, moitos otorrinolaringólogos informaron de pacientes cunha perda repentina do olfacto, que se converteu nun síntoma clave no diagnóstico da Covid-19, con máis do 66% de pacientes en Europa e Estados Unidos que informan certo grao deste trastorno –coñecido como hiposmia cando é parcial e anosmia cando é total–, segundo varios estudos científicos.
A perda total do olfacto foi autoinformada polo 61,4% dos pacientes, pero as probas médicas indicaron que só eran o 47,7%
Para investigar o grao de impacto deste trastorno en pacientes con Covid-19 leve en Europa, os científicos fixeron unha enquisa persoal a enfermos e compararon os resultados con probas psicofísicas obxectivas. En total, 86 pacientes completaron o estudo, no que se compararon as evaluacións olfactivas subxectivas dos propios contaxiados coas probas clínicas sobre cada un deles.
Os síntomas máis comúns que atoparon os investigadores nestes enfermos foron fatiga (72,9%), dor de cabeza (60,0%), obstrución nasal (58,6%) e goteo posnasal (48,6%). A perda total do olfacto foi autoinformada polo 61,4% dos pacientes, un dato que se aproxima aos informados noutros estudos.
Porén, as probas olfactivas obxectivas identificaron 41 pacientes anósmicos (47,7%), é dicir, enfermos que perderon totalmente este sentido; 12 hipósmicos (14%), con perda parcial, e 33 normósmicos (38,3%), isto é, coa función olfactiva normal.
Só o 62% dos pacientes con Covid-19 que dixeron sufrir disfunción olfactiva teñen perda total ou parcial deste sentido na avaliación clínica
En definitiva, “só o 62% dos pacientes con Covid-19 con disfunción olfactiva autoinformada teñen anosmia ou hiposmia na avaliación olfactiva psicofísica obxectiva”, concretan os investigadores.
Os científicos observaron que “non houbo correlación entre os resultados da proba obxectiva e os informes subxectivos de obstrución nasal ou goteo posnasal” e conclúen que “unha proporción significativa de pacientes con Covid-19 que informan de disfunción olfactiva non a teñen nas probas obxectivas”.
“A maioría das persoas con disfunción olfactiva obxectiva confirmada non tiñan síntomas inflamatorios nasais, o que apoia a necesidade de futuros estudos clínicos e experimentais para aclarar os mecanismos fisiopatolóxicos subxacentes ao desenvolvemento da anosmia en Covid-19”, explican.
En base a estes resultados, os expertos consideran que “a prevalencia da disfunción olfactiva relacionada coa Covid-19 estaría sobreestimada nos estudos epidemiolóxicos nos que a perda do olfacto se baseou en informes subxectivos” dos propios pacientes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.