Dos meus 50 anos de cada día

Con iso de que o 07-01-2013 se cumpren 50 anos da miña ordenación sacerdotal os que me queren ben andan a matinar como ‘facerme’ unha celebración. Aos amigos nunca se lles debe facer de menos ou dar de lado aos seus afectos que son sinceros e sanantes. Moitas grazas.

Por Xaquin Campo Freire | Ferrol | 05/01/2013

Comparte esta noticia
Porén eu non estou excesivamente tocado emocionalmente polo algarismo concreto da data. A razón é que desde o 20-05-1987 eu veño conscientemente celebrando a cotío, en pequenos detalles, por veces mínimos, as cincuentenas vitais da miña existencia. Por voltas, na maioría, nesas celebracións non son eu o verdadeiro protagonista, mas sempre o participante, activamente implicado e vinculado solidariamente.
 
O espazo e o tempo no que aparecín na miña existencia e o mundo concreto no que vivo agasállanme en cada minuto con motivos dabondo para sumarme á vida, á esperanza, á xustiza, á paz, á alegría, ao amor, á consideración positiva, á autoestima, ao traballo, á doazón, á amizade, á fe, ás utopías dos grandes homes e mulleres que entregaron a vida por un mundo mellor.
 
Entre elas para min conta esencialmente Xesús de Nazaré e a súa Boa Nova. Desde esa persoa e a súa praxe aprendín a entenderme e quererme como home, nado na Galiza.
 
Tendo fala, cultura e expresión de nós son capaz desde elas de entender mellor e con todo respecto, fondura e liberdade os sentimentos e os pensamentos non só de cada persoa en concreto, senón tamén de aprender a valorar cabalmente e con maior sensibilidade un mundo e un universo do que somos responsábeis persoal e comunitariamente.
 
Desde o primeiro intre dos nosos comezos, (digo ‘nosos’ por sermos xemelgos), todo foi celebración. E así aprendín que debo celebrar non só o día dos 50 anos, senón os cincuentenarios que vou acadando cada día dos meus xa sobrepasados 75.
 
Parece un paradoxo que nacendo no 1937, con todo esnaquizado e no medio da guerra, con fame, frío, miseria, morte, torturas, medo a esgallo, silencio imposto, (neno, diso non se fala), sen comida, sen roupas, sen escolas, sen médicos, sen remedios nin menciñas, abusos, racionamento, ‘cupo forzoso’, estraperlo, exilios, etc., me poña eu agora a falar de celebración. 
 
Pois mesmo por iso. Porque umbilicado na casa e familia de Xaquín de Roca tivemos a sorte de aprendermos a abrírmonos ao mundo con humanidade e con corazón. (Porque só se ve ben cos ollos do corazón). E diso non nos faltou nin na familia nin na comunidade parroquial. Nin sequera ficando sen nai tan cediño, tanto que xa nin sabemos da cara dela, mas si do seu alento após o seu esmorecer. Ese alento vital que transcende as lindes estreitas deste sermos en limitación. Hai un alén, que acontece cada día, que vai máis alá da fenomenoloxía das simples aparencias. Pero iso ten de ser traballado con siso. Criticamente. Non valen as versións máxicas. Só hai unha pura celebración: A da vida de cada día, cos seus tempos e espazos creativos, nos que van confluíndo en cada intre todo canto foi causa dese noso ser que foi chamado ao existir.
 
Certo que vale a pena celebrar, pero non a golpes das ferveduras gasosas dun día, senón na valoración profunda e agradecida de cada minuto que respiramos, incluídos os que supuxeron perdas, dor, desprendemento, adeuses, sufrires e grandes prantos. A todo hai que encontrarlle de novo o seu sitio vital na propia experiencia. Non. Non é doado. Pero é onde unicamente a vida atopa a súa auténtica orientación de sentido, nesa celebración consciente e agradecida de cada minuto. Solidariamente.
 
Anni-versarium: Percorrido da vida ao longo dun ano en sentido circular ou mellor en espiral. Cabodano: É a data na que se cumpre un ano dese versari annum. Son conceptos diferentes que implican actitudes distintas.
 
Para min a dinámica da espiral, avanzando sempre cara ao futuro e ao mesmo tempo envolvendo a riqueza do acontecer nun continuo proceso de feedback, resúltame máis atraínte do que unha celebración estática con tentacións de parar o tempo nunha data ou mesmo fixalo nunha mirada retrospectiva chea de nostalxias, ás veces fosilizantes. 
 
Os erros están para corrixilos, os acertos para potencialos. E ao final, a vida, para entregala calada e humildemente á historia. Hai un canto do que eu gosto: Tómame a min coa miña historia, Señor. Isto é o que eu quero celebrar convosco. Graciñas por estardes aí sempre neses percorridos vitais. Dime o corazón que algún día venceremos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.