Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2020 | Actualizada ás 22:00
Cando moitas persoas aínda estaban buscando un oco no mundo despois da crise do 2008, chegou unha pandemia que o paralizou todo dun día para outro. Estes meses de confinamento significaron un "cataclismo" na vida daquelas persoas que apenas puideron beneficiarse da recuperación económica dos últimos anos. Mulleres, mocidade e crianzas están sendo os grupos sociais máis afectados nesta crise da Covid-19, e tamén aquelas persoas con outros factores de exclusión: familias monoparentais (encabezadas por mulleres no 90% dos casos), mulleres vítimas de violencia de xénero, prostitución e trata, persoas migrantes e refuxiadas, con discapacidade, por etnia... Na loita contra a pobreza, "continuamente hai que estar pedaleando costa arriba; dous pasos cara adiante e tres cara atrás".
Quen fala é Xosé Cuns, director da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia). "É brutal", cualifica. "Moitas persoas que se atopaban en situación de pobreza severa melloraran un pouco con empregos precarios e economía informal, e agora co confinamento volveron para a casa e qudaron literalmente sen ningún ingreso". Dende a asociación están moi pendentes de como se aplicará ese Ingreso Mínimo Vital que vén de ser aprobado este mesmo venres e que, como ferramenta estatal de loita contra a pobreza, pretende reducir nun 80% a pobreza extrema. Xosé Cuns lembra que moitos colectivos levan demandando esta medida dende hai xa unha década.
Os últimos datos dispoñibles - do ano 2018 - indican que máis de 622.000 persoas en Galicia se atopan en risco de pobreza ou exclusión social, cun aumento de case 10.000 persoas respecto do ano anterior. Segundo o indicador AROPE (At Risk of Poverty and/or Exclusion) inclúense neste grupo aquelas persoas que cumpren, polo menos, cun destes criterios: estar en risco de pobreza, ter unha carencia de material severa ou vivir nun fogar sen traballo ou con baixa intensidade no emprego. Este dato, recollido no último informe 'Estado da Pobreza en Galicia 2019', supón un 23% da poboación total galega. Tamén no 2018, o 4,8% dos galegos e galegas vivían en situación de pobreza severa, é dicir, cuns ingresos inferiores aos 370 euros mensuais.
COLAS QUE DAN A VOLTA Á MAZÁ NOS COMEDORES SOCIAIS
Roldan as nove e media da mañá en Compostela. A Cociña Económica, situada nunha estreita rúa da zona vella, abre as súas portas e prepara un almorzo tras outro a través dunha mampara de metacrilato colocada no mostrador. "Hai quen quere o café máis clariño, outros máis cargado... Imos atendendo os gustos de cadaquén", explica Sor Alicia. "Párteseche a alma cando os ves almorzando de pé, nos arredores da cociña, ou comendo dos tuppers en calquera lugar. Pensas: 'Cando volveremos á normalidade para que esta xente poida comer con toda a dignidade do mundo?`".
A demanda deste servizo aumentou considerablemente nestes meses de pandemia. Sor Alicia calcula que un 40%. Se antes atendían entre 140 e 150 persoas diarias á hora do xantar, agora chegan ás 225. Hoxe levaban un tupper con patacas e polo abundante, outro con ensalada de pasta, dous bolos de pan, froita, un cartón de leite, auga e iogur. "A xente é moi agradecida, semper teñen un 'cóidense' na boca". Sor Alicia xa coñece moita dela, pero coa chegada da pandemia está vendo caras novas que nunca antes ou só en momentos moi puntuais foran usuarias deste servizo.
Na cociña económica da Coruña, con 134 anos de historia ás costas, as colas están sendo "diarias e constantes, e dan a volta á mazá". Previamente á Covid atendían ao redor de 220 familias, que supoñían unha media de 1.000 persoas. Neste tempo reparten alimentos para unhas 500 unidades familiares. Pola porta da cociña pasan cada día unha media de 270 persoas que recollen a comida para levar, e por outro lado, fanse dous repartos de alimentos á semana para que as familias poidan cociñar nos seus fogares. Ao redor de 300 viñeron derivadas dos servizos sociais dos concellos. "A nosa intención é regresar á normalidade e poder dar un prato quente a todos, pero preocúpanos que nin loxisticamente temos a capacidade para duplicar o número de comidas", explica o administrador, Óscar Castro.
A cidade de Vigo atravesa a mesma situación. O Comedor de La Esperanza está ao seu límite coa saída de 220 menús diarios; Misioneras del Silencio realiza 150 comidas e o propio Concello de Vigo contratou un cátering para atender a todas esoutras persoas - unhas 130 - que os comedores sociais xa non eran quen de asistir. Nos Bancos de Alimentos o volume de saída é "terrible", explica José Pita, responsable da Federación Galega de Bancos de Alimentos (FEGABAN). Dedica un "ole" a Protección Civil, que satisfai unha demanda que case se dobrou nestes meses. Antes de colgar o teléfono, deixa claro que "a sociedade enteira ten que dar o dó de peito para saír disto".
MÁIS MULLERES E MÁIS XENTE NOVA NOS COMEDORES
Todas estas cifras son mostra das complicadas situacións que atravesan moitas familias galegas. Non é unicamente atribuíble á crise actual, pero se algo fixo a Covid foi evidenciar os problemas que xa viñamos arrastrando. "Con este parón floreceu esa economía somerxida, tan inxusta, onde todo o mundo vivía ao día", fala Óscar. A raíz da pandemia, foron chegando novos rostros ás portas de cada comedor social. Agora hai máis mulleres e máis xente moza, por baixo dos 40 anos. Persoas con escasa formación e dificultades para entrar no mundo laboral, persoas que tiñan traballos precarios e quedaron sen eles.
Tanto Óscar como Sor Alicia son quen de afinar aínda máis o perfil: chegan moitas mulleres que prestaban servizos de limpeza, mulleres que coidaban de persoas maiores, camareiras e outros traballadoros da hostalaría, incluso persoas que participaron do ERTE e que tamén se viron avocados a chamar ao Concello para avisar de que non tiñan para alimentarse. Entre as familias hai moitas con crianzas que quedaron sen ese prato de comida que garantía o colexio. "Nos repartos que facemos metemos complemento de leite e galletas para o sustento dos críos", explica Óscar. En Santiago, Sor Alicia notou un incremento "moi considerable" de familias con crianzas nos primeiros días da pandemia, pero agora reciben un vale para o supermercado por parte do Concello. "Só veñen buscar comida cando esa axuda non alcanza para todos os membros".
Chegar por primeira vez á cola dun comedor social é duro. "Esta situación colleu co pé cambiado a moitas persoas, que o están pasando mal moral, física e economicamente. Hai un grupo grande de xente moza que nos di: 'Eu xamais na vida pensei que ía ser usuaria dunha cociña económica'", explica Sor Alicia. Pola súa cabeza van pasando anacos de conversas que reproduce: "O outro día chegou unha parella que estudou a carreira de Turismo e veu a Santiago pensando en colocarse na hostalaría. A pandemia pillounos aquí e pouco despois quedaron sen diñeiro. Comentábanme que tiveran que ir para a rúa, vivir nunha tenda de campaña. Algúns estano pasando moi duro... Hai xente que está no monte".
María [nome ficticio] ofrécese a contar a súa historia ao outro lado do teléfono. Ela é unha das usuarias da Cociña Económica da Coruña. Ten 26 anos e vive dende hai dez na casa dunha amiga. Sofre asma grave e explica que non pode recorrer á axuda da familia. "É como se non tivera". Nos últimos tempos compaxinou dous traballos: caixeira e repoñedora no Eroski e persoal da limpeza no Primark, pero tivo que coller a baixa debido ao agravamento da súa enfermidade. "Estaba para amañar a pensión non contributiva", explica, "pero con todo isto non puiden cobrar nada: levo dende xaneiro sen recibir ningún soldo".
Anteriormente acudira de maneira puntual á cociña económica, e agora tivo que regresar para ter que comer e para acceder aos medicamentos que precisa. "Cando comecei a traballar pensei que non volvería necesitalo, pero éme imposible. Teño medicación por todos os lados e non funciona. Paso máis tempo no hospital ca na miña casa e non podo facer plans: non podo comezar a estudar ou buscar traballo porque sei que á semana vou ter que deixalo, non ten sentido". Regresar a esas colas despois de tanto tempo, di, estao vivindo como "un caos".
RECONSTRUCIÓN TRAS A EMERXENCIA
"Ata agora foi unha emerxencia sanitaria, pero agora é unha emerxencia social", explica Xosé Cuns. Este "tsunami" acelerou o a posta en marcha de medidas social. "Tivemos que evolucionar en dous meses o que antes tería levado 5 anos". Dende as administracións, cre que faltou coordinación entre Xunta, concellos, deputacións e asociacións, e indica que houbo a "vontade de adaptarse" a esta situación extrema con "medidas de atención urxente", mais que cómpre "pasar canto antes a medidas non asistencialistas" para evitar a cronificación da pobreza. "Agrandáronse as costuras do sistema de servizos sociais: levamos moito tempo dicindo que a demanda de vivenda e as dificultades para pagar alugueres e luz é un dos principais problemas de Galicia", denuncia Cuns.
Tampouco se esquece da fenda dixital que abriu a educación telemática, sobre todo no rural, e das condicións habitacionais en que pasaron o confinamento moitas familias. "Todo ao final favorece que a Covid teña un maior impacto nestas persoas que se atopan en procesos de empobrecemento", explica. Se algo podemos sacar en limpo, é que neste tempo "descubrimos a nosa vulnerabilidade": "Hai que defender o común. Aquí non vale o sálvese quen poida. Ou saímos conxuntamente ou a seguinte lévanos por diante".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.