Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 13:10
A coalición de En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista concorrerá ás eleccións autonómicas do 12 de xullo baixo o nome de Marea Galeguista, que se presenta como "o inicio dun futuro político diferente para Galicia" e coa intención de que "sexa un factor fundamental e decisivo porque a sociedade galega o demanda".
Así se expresou este sábado o portavoz de En Marea, Pancho Casal, na presentación levada a cabo no parque de Bonaval, en Santiago de Compostela, aínda que non será ata a semana que vén cando a coalición elixa as súas listas e o seu candidato á Presidencia á Xunta.
Casal asegura que "Galicia levaba moitos anos esperando que houbese unha alternativa deste tipo", "cidadá", "galeguista" e "baseada no soberanismo", no marco dun proxecto "transversal, inclusivo e aberto".
A Marea Galeguista preséntase ás eleccións cun eixo programático de 20 puntos con prioridades como o feminismo, a ecoloxía, o galeguismo e a aposta polos servizos públicos.
Despois de que o vento tirase as bandeiras de Galicia e da Unión Europea que se atopaban detrás dos intervintes, o acto comezou coa toma da palabra da coportavoz de En Marea, María Chao, quen explica que esta plataforma ten como fin "ser o punto de partida da reconstrución do país".
"NA PROCURA DO SANTO GRAAL"
Pola súa banda, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro, valorou que se alcanzou este acordo para axuntar "distintas sensibilidades" nun discurso con referencias a Castelao, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro.
A continuación, Francisco López, Chesqui (Partido Galeguista), remarcou que con esta coalición se segue "un camiño na procura do santo graal" do "recoñecemento de Galicia como nación". Mentres se tenta "conseguir a unidade" de "todas as forzas de obediencia galega", quixo tamén "desexarlles o mellor" aos seus "irmáns" de Anova e BNG.
Así mesmo, Milagros Corral (CxG) resaltou a "importancia" da Unión Europea para Galicia; á vez que o presidente do Partido Galeguista, Manuel Soares, deixou claro que esta "non é unha forza de esquerdas nin de dereitas", senón que o que os agrupa "é a nación" e "a emerxencia nacional".
En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista negociaron na última semana esta coalición. En Marea decidiu non presentarse ás eleccións do pasado 5 de abril, pero nesta ocasión, pesaron máis as voces que quedan na formación e que apostan por concorrer cunha nova alternativa.
Compromiso por Galicia si que presentara candidaturas nas catro provincias, aínda que tamén asinara unha coalición nas pasadas eleccións (Nós Galeguistas) xunto a Vía Nova Galicia, segundo figura na xunta electoral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.