Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 14:09
Tras 21 días completamente sedado e "cun pé no outro lado", Diego Framil conseguiu vencer definitivamente o coronavirus e está de volta na súa casa, unha situación, confesa a Efe, da que non foi consciente e que agora logrou entender mellor a través de "saber o que sufriron os demais".
"Eu sei que o día 5 de abril entrei por urxencias pero pouco máis. Os días seguintes hei de recoñecer que teño como unha lagoa mental, non sei se por causa da febre, porque actuaba case inconscientemente", asegura Diego, recuperado da enfermidade do covid-19 xerada polo coronavirus Sars-cov-2.
Con humor, sinala que a súa situación lle lembra á película "Resacón en las Vegas", cuxos protagonistas descobren os excesos da noite anterior tras inxerir, sen sabelo, unha potente droga.
"Sei que escribín mensaxes á miña parella e á miña familia pero se non é polos whatsapps non lembraría nada. Tiven que revisar cousas para poder chegar a unha conclusión do que pasara", indica nunha conversación telefónica.
Diego tocou fondo o 5 de abril. A súa temperatura era elevada. Custáballe respirar e a comida non lle sabía a nada. Ese día estaba coa súa nai e quixo ir do comedor á súa habitación, pero caeu no medio do corredor. A súa presión arterial: 9-5.
29 DÍAS NA UCI
Aos dous días de estar no hospital, a súa parella, Alexandra, recibiu unha chamada do doutor informando de que a saúde de Diego empeorara e que ían a sedarlo por completo.
Os médicos tiveron que tratalo coa técnica de circulación por membrana extracorpórea (Ecmo) durante 19 días dos 29 en total que pasou na unidade de críticos do Complexo hospitalario de Santiago de Compostela.
Durante ese tempo, tanto a súa parella como os seus familiares temeron pola súa vida, xa que é unha técnica de "ultimo recurso" consistente en canular arterias e veas do enfermo para desviar o sangue a un sistema exterior ao seu organismo para osixenala e reintroducirla no paciente.
A pesar de estar "preto da morte", Diego confesa non lembrar nada e a súa percepción é a de vivir "unha película", xa que permaneceu todo ese tempo "soñando", asegura.
"SÓ SEI QUE NON SEI NADA"
"Só sei que non sei nada" era a frase ou muletilla máis repetida por Diego ao espertar na unidade de reanimación tras 21 días de "angustia" tanto para o persoal médico como para os seus familiares.
"Contáronme que se viviron momentos de auténtica montaña rusa. Tiveron que empregar medicación especial que pediron a Madrid, antivirais para combater a sida ou o ébola e finalmente conectarme á Ecmo, que foi o que me salvou", afirma.
Como toda persoa que esperta tras varios días de sedación, Diego recoñece que se sentía "grogui", confundido por mesturar a realidade con "distintos soños, distintas épocas" que "case todos tiñan que ver coa familia e co coronavirus". Diego relata que un dos soños que máis lle impactou foi ver nunha pantalla como as nacións do mundo non podían controlar a pandemia e os seus líderes se culpaban os uns aos outros, algo que lamenta que non estea demasiado afastado da realidade.
Con todo, nos seus soños os ataques ían máis aló das palabras, con bombardeos e a súa rúa, na capital galega, "semiderruida" coma se sufrise un terremoto.
"Cando espertei era como un computador. Tiña que respectar a CPU" (o sistema operativo), explica Diego, que ao abrir os ollos preguntou aos seus familiares pola situación nas rúas, algo que ninguén chegaba a comprender.
"Unha vez que a sedación vai pasando e vas escoitando á xente, a mente volve porse no seu sitio con datos actualizados e xa empezas a ser un pouco consciente do que pasa", sinala. E é que o que máis a emocionado e aínda entristece a Diego de toda esta crise foi precisamente o que non viviu: o sufrimento dos demais.
"Unha vez que estás sedado dá igual o que fixesen coa túa vida. Eu non era consciente de que estaba a piques de irme ao outro mundo. O que máis me emociona, porque despois escoitei á miña familia e á miña parella, é entender o que sufriron", recoñece.
AGRADECIDO AO EQUIPO MÉDICO
Agora, máis tranquilo, de volta a casa, Diego ten a súa mente centrada en recuperar a musculatura e a mobilidade perdidas, despois de tanto días hospitalizado, aínda que tamén desexa nun futuro próximo ter a oportunidade de ver e coñecer a todo o equipo médico que lle salvou a vida, ao que está "moi agradecido".
"O médico que me sedou preguntoume que se me acordaba del e eu díxenlle que non. quedou con cara de frustración e díxome, con certo humor, que 'ninguén se acordaba del'", afirma Diego, que ve agora máis que nunca a importancia da medicina e a ciencia.
"Habería que investir máis en coidar a xente. Eu creo que unha nación rica é aquela que se preocupa polos seus habitantes, non aquela que presume de ter o último", asegura este paciente, que non tiña patoloxías previas e que, a pesar da súa mocidade, viuse moi afectado polo covid-19.
"Os medios de comunicación falan de que a maioría dos afectados son persoas maiores pero hai xente nova que faleceu. A xente debería concienciarse de que non estamos a falar dunha simple gripe, senón de algo moi complexo, do que aínda non se sabe moito. É un virus moi maldito", advirte desde a súa casa, consciente de que o peor pasou, pero aínda ten "camiño por percorrer". EFE
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.