Por Paco Gallego | A Coruña | 13/01/2013 | Actualizada ás 11:38
Os libros de viaxes nunca perden actualidade. Ben sexa por afán de aventura, curiosidade, por diseccionar outras realidades, por estender coñecementos, por burla, por compromiso, por abrir novas rotas comerciais...por turismo. Múltiples son os motivos tanto de quen o escribe como de quen o le. Séchu viaxou a Turquía e ao Curdistán coincidindo coa publicación nestes dous idiomas da súa obra "Made in Galiza". A Livraría Suévia, de tipografía Vila Morena e con logo deseñado por André Laxe e que representa o antigo Reino Suevo, vén de abrir hai apenas un mes no densamente poboado -ata a alarma- barrio da Agra do Orzán na Coruña. é A Coruña esa insólita cidade onde se venden/compran máis libros en galego. Cantas viaxes, cantas viaxes....
Abrir unha librería nestes tempos é unha temeridade, un atrevemento ou unha valentía. Neste caso conviven libros galegos e protugueses cos bolechas ou a británica ovella Shaun. Séchu celebra a apertura deste novo espazo literario, así como o feito de que , desta volta, o facebook semella que si serviu para difundir un acto. O noso mundo é así de estraño. Podes viaxar dende a rede social. Vaia se podes viaxar. E podes encher un acto a golpe de convite a un evento.
Un sábado pola mañá non adoita ser o día en que presentas un libro. A Agra do Orzán non adoita ser o barrio onde presentas un libro. O reflexo das colmeas onde habitan todas as especies que poboan esta parte da cidade, combinado cos xogos, libros e monecos da Suévia, achegan un non sei que de colorido diferente e rechamante. Entre o branco e o negro existe o gris. Na Agra tes toda unha paleta de grises inmisericordes. Paga a pena achegarse a esta Livraría para descargar as tensións da vista.
O Curdistám, explica Séchu, é a nación sen Estado máis grande do mundo, repartida entre Irán, Iraq, Turquía e Siria. Uns trinta millóns de habitantes. Teñen un idioma propio, oprimido, onde están prohibidas certas letras como o "x" ou o "w" por seren letras inexistentes no idioma turco. Lembramos aquel chiste gráfico que circulara en ambientes filolóxicos a comezos dos noventa: "Collede a Salman Rushdie...é un lusista!". Neste Curdistán Séchu atopou a súa propia identidade ao ver como alí se entendera que o "Made in Galiza" falaba do seu país, Curdistán, através dun nome inventado, o do noso país. As semellanzas, explica, son múltiples. As diferenzas tamén. "Aquí os mozos reúnense para facer botellón?", pregunta Séchu. "Máis ou menos", responde o paisano, "aquí os mozos reúnense para facer cócktails molotov". Tamén gozan de bailar música tradicional nas celebracións de voda, aínda que for derrapando previamente cun coche, freando con estrépito e baixando del cos brazos erguidos ao ceo e danzando coma posesos.
A obra consta de dúas partes. Na primeira delas temos os deseños que foi realizando Séchu durante esta viaxe. Na segunda, un texto a modo de clásico "diario" de viaxe, onde se relatan anécdotas, análises e ciuriosidades. É un libro que saíu da imprenta o 28 de decembro, coincidindo ao presenza en Galicia da selección do Curdistán para xogar o partido organizado cada ano polos Siareiros Galegos. É unha obra autoeditada e distribuída polo propio autor e que se vai difundidndo con este tipo de presentacións en librerías. No mostrador da Suévia resaltan, e moito, as cores diferentes das suas portadas: amarelo, laranxa ou morada. O seu deseño é de Laura Calviño.
Álbum fotográfico na páxina de facebook GC Tendencias
Sechu viaxa con interese linguístico. Coñece nacións sen Estado con idioma propio e atopa esa solidariedade entre elas que subxace baixo os efectos do colonialismo."En Brasil falan galego, en Portugal tamén", comenta o autor en tanto lembra como na nosa cultura oficial existen tamén "letras prohibidas ou reprimidas". Aposta por unha norma reintegracionista e aposta por entender o galego dende a lusofonía, como un idioma falado por uns douscentos millóns de persoas no mundo. "Nesta viaxe falei un pouco de inglés, algo de catalán, algo de español, un pouquiño de turco e outro pouquiño de curdo, que foi a lingua máis útil alá", conta Séchu orgulloso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.