Por Europa Press / Redacción | Madrid | 08/06/2020 | Actualizada ás 19:26
A Audiencia Provincial de Madrid condenou o exalcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar a indemnizar unha suma de 16.000 euros ao xornalista Nacho Carretero e a editorial Libros del K.O. polas perdas das vendas do libro 'Fariña' sobre a historia do narcotráfico galego como consecuencia do secuestro cautelar que mantivo paralizada a súa comercialización.
Así consta nunha sentenza na que a Sala acorda estimar o recurso de apelación interposto por Carretero e a citada editorial contra o auto de data 12 de novembro recaído en incidente de liquidación de danos e prexuízos derivada da peza de medidas cautelares do Xulgado de Primeira Instancia nº 7 de Collado Villalba.
O exalcalde demandou en 2018 a Carretero e á editorial por suposta "vulneración de dereito á honra" pola inclusión do seu nome nas páxinas 234 e 242 de Fariña, solicitando que se condenase aos demandados a pagar 500.000 euros en concepto de indemnización por "danos morais" e "prexuízos" e a retirar en futuras edicións do libro calquera mención sobre a súa persoa. A denuncia foi desestimada.
En novembro de 2019, o xuíz de Collado rexeitou a demanda da solicitude de liquidación de danos formulada pola editorial e polo xornalista como consecuencia das perdas en vendas polo secuestro cautelar do libro, que se acordou en febreiro de 2018 e o que impediu que se publicasen máis exemplares.
Agora, os maxistrados da Audiencia revogan dita resolución e no seu lugar condenan o exalcalde a abonar en concepto de indemnización de danos e prexuízos ocasionados aos solicitantes do presente incidente pola medida cautelar de secuestro acordada. Deste xeito, deberá abonar 3.437,96 euros ao autor do libro e 13.042 á editorial Libros del KO.
Os maxistrados sinalan na sentenza que "houbo perda de vendas imputables á medida cautelar acordada, que se deben estimar prudencialmente tendo en conta os dous efectos multiplicadores, a publicidade do secuestro e a emisión da serie televisiva, nun cincuenta por cento das calculadas pola parte actora, isto é 29,61/2 exemplares por cada día de secuestro, a salvo de proba de maiores prexuízos".
Ademais, sinala que debe considerarse como prexuízo a perda das vendas que non se puideron levar a cabo nas feiras do libro que se celebraron nas cidades de Madrid e Barcelona, onde a previsión era de vender 101 exemplares.
Fontes da editorial mostraron a súa satisfacción por esta resolución xudicial, que é firme e que acredita os danos e prexuízos xerados pola medida cautelar que impediu a venda durante tres meses do libro.
Ademais, a decisión da Audiencia Provincial permítelles encarar con optimismo a causa pola demanda de suposta vulneración da honra cursada polo exalcalde, que está agora no ámbito do Tribunal Supremo, ao recorrerse a desestimación inicial decretada en 2018.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.