A curmá de Feijóo di que os sanitarios se contaxiaron en “congresos” e logo nas salas de café do hospital

CCOO pide a súa destitución e unha rectificación pública.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2020 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

“Ao principio, os sanitarios que daban positivo non era polo traballo do hospital, senón que se trataba de profesionais que estiveran nalgunha xornada, congreso ou reunión fóra de Galicia. Eses foron os primeiros que empezaron a dar positivo. Despois apareceron casos que se contaxiaron por un contacto, e chegou un momento no que nas salas de café que hai nas plantas retiramos as cadeiras de brazos onde sentaban os profesionais, porque isto facía que estivesen xuntos máis sanitarios, o que daba lugar a favorecer o contaxio entre eles”.

Esta afirmación de Eloína Núñez, curmá do presidente galego, e xerente da área sanitaria de Santiago e o Barbanza encenderon os ánimos dos profesionais sanitarios. Nunha entrevista en La Voz de Galicia, Núñez destaca as medidas tomadas polo Sergas e pola Xunta para paliar esta pandemia.

Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA
Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO

A Federación de Sanidade de CCOO esíxelle á Consellería de Sanidade a súa destitución. Ademais, cualificou de "inaceptables" as palabras da xerente e pide unha "rectificación pública". O sindicato considera "absolutamente inadmisible que a Administración sanitaria galega, no canto de felicitar o seu persoal polo labor realizado, só lles dirixa críticas".

Tamén ao redor destas declaracións se manifestou o Sindicato de Enfermaría (Satse), que lamentou que as palabras sobre o contaxio de enfermeiras "son bochornosas e reprobables". Ademais, Satse advirte que "a maioría dos profesionais contaxiados por coronavirus en Galicia son enfermeiras, segundo os datos oficiais do Sergas". En concreto, apuntou que "as enfermeiras se contaxiaron o dobre que os médicos" e "na porcentaxe total alcanza o 42,76% do total de contaxios das distintas categorías dentro de persoal sanitario e non sanitario".

FALTA DE PROTECCIÓN


"Detrás destes datos escóndese a falta de protección coa que se viron obrigados a traballar os profesionais sanitarios. En moitos casos víronse obrigados a reutilizalos durante toda unha semana ante a excesiva racionalización que se fixo desde a Xerencia. Un exceso que deixou ás profesionais de Enfermaría, entre outros, sen a protección adecuada", sostivo Satse. "Ese exceso de racionalización quéreno vender agora como todo un éxito de xestión, cando en realidade esconde unha absoluta falta de respecto e empatía cos profesionais que o deron todo e máis nesta crise", abundou.

O Sindicato de Enfermaría lembra que "nos peores momentos as enfermeiras tiveron que reutilizar os EPIS, tiveron que estar en contacto sen ningunha protección con pacientes positivos COVID-19 porque o protocolo non contemplaba sequera o uso de máscara". "No mesmo sentido reutilizaron as súas máscaras FFP2 porque estaban racionadas, e dándose prioridade ás cirúrxicas, menos seguras, para as profesionais, en segundo que servizos", lamentou.

A secretaria autonómica do Sindicato de Enfermaría, Carmen García Rivas, tacha as declaracións da xerente do CHUS "de bochornosas, porque parece que non é consciente do que ocorre ao seu redor, e absolutamente reprobables, xa que demostran a falta de empatía e profesionalidade dos que só pensan na imaxe que queren dar de boa xestión de cara ás próximas eleccións, sen que a acción de autocrítica estea, ou lla espere". "Se tivese un pouco de dignidade pediría desculpas de inmediato, pola contra debería dimitir pola falta de respecto que demostra cara aos profesionais", sinalou.

Polo seu lado, UGT lamentou, noutro comunicado, que "no canto de valorar o persoal que traballou en servizos fundamentais na pandemia da COVID-19 e valorar o esforzo e dedicación e o risco asumido, a xerente dedícase a menosprezar o persoal coas súas declaracións".

Para UGT o persoal desta área sanitaria "demostrou sobradamente estar á altura das circunstancias e dar un servizo excepcional, traballando xornadas enteiras con EPIs, utilizando a mesma máscara facial durante varias xornadas e gardándoas en sobres".

ACLARACIÓN

Fronte ás críticas, a xerente do CHUS aclarou que "en todo momento quixo dar a coñecer o excelente traballo realizado polos profesionais da sanidade pública compostelá" e "transmitir o seu apoio e agradecemento ao labor desenvolvido".

Así o manifestaron a Europa Press fontes da xerencia compostelá, que puntualizaron que cando afirma que "ao principio os contaXios dos profesionais foron importados, é dicir, que non había transmisión comunitaria, está a destacar un feito certo e que se correspondía coa mesma situación dos primeiros casos importados da poboación xeral".

Ademais, lembrou que aludiu a "diversas medidas estruturais e organizativas que se tomaron para tentar minimizar a transmisión do coronavirus dentro das instalacións sanitarias".

"Lonxe de culpabilizar os profesionais, a xerente da área sanitaria compostelá apoia e eloxia o traballo desenvolvido polos sanitarios", resaltaron por parte da xerencia. Neste sentido, sentenciaron que "desde a súa chegada á área compostelá a súa principal tarefa é facilitar o labor dos excelentes profesionais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta