Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/06/2020 | Actualizada ás 21:10
Sindicatos como Prosagap ou entidades como a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) divulgaron este martes unha orde interna asinada pola xerente da Área Sanitaria de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, o pasado 18 de marzo, tres días despois de decretarse o Estado de Alarma na que non recomendaba o uso xeral de máscaras entre os sanitarios.
“Agás naquelas actuacións con pacientes con sospeita ou confirmación de COVID-19 ou patoloxía de tipo respiratorio, non é necesario o uso xeral de mascarillas”, recollía esta orde na que “non recomendaba” tampouco o emprego da máscara nos “desprazamentos internodos centros sanitarios, agás nas situacións de manexo de doentes con sospeita ou confirmacjión de COVID-19”.
Ademais, nesta orde, asinada tamén pola xefa do servizo de Medicina Preventiva, Teresa Queiro, Eloína Núñez, apuntaba que tampouco era precisa “a desinfección do calzado persoal que traiamos das nosas casas, nin tapouco o da uniformidade”.
O que si recomenda a xerente da Área Sanitaria de Santiago é a “correcta hixiene de mans, ben con auga e xabón, ou ben con solucións hidroalcohólicas” así como no “uso correcto de guantes”. Con todo, sobre este punto fai unha aclaración final. “O seu uso xeralizado fora do que é a atención estrita aos pacientes pode resultar contraproducente e que o uso de guantes non substitúe a hixiene de mans”.
DURAS CRÍTICAS
Estas indicacións que Eloína Núñez fixo hai tres meses cobraron actualidade tras unha entrevista súa en La Voz de Galicia, o xornal con máis axudas do Goberno do seu curmá, Alberto Núñez Feijóo, na que apuntaba que os sanitarios contaxiáronse, primeiro, en “congresos” aos que asistiron, e logo nas salas de café dos centros hospitalarios. Unhas palabras que acenderon o ánimo de sindicatos, profesionais e asociacións que mesmo piden a súa dimisión.
Esto igual ten algo q ver: pic.twitter.com/9yAtXnpGMc
— Aine Canda (@Mara99345801) June 9, 2020
Tras a polémica causada, Eloína Núñez remitiu un correo aos traballadores da súa área sanitaria na que tenta xustificar esta entrevista para “dar a coñecer o excelente traballo realizado” polos sanitarios.
MISIVA
Esta é toda a súa misiva á que tivo acceso GC:
Bo día:
Sen ánimo de entrar a polemizar coas diversas interpretacións sobre as declaracións publicadas no xornal La Voz de Galicia este domingo, quero aclarar que en todo momento quixen dar a coñecer o excelente traballo realizado por todos vós como profesionais da sanidade pública compostelá e transmitir o meu apoio e agradecemento ao labor que tendes desenvolvido no día a día, nesta situación tan complicada para todos.
Quero deixar claro, por un lado, que cando afirmo que “ao principio" os contaxios dos profesionais foron importados, quixen dicir que non había transmisión comunitaria, o que se corresponde coa mesma situación dos primeiros casos importados da poboación xeral.
E por outro, que no transcurso da entrevista mencionei diversas medidas estructurais e organizativas que se tomaron dende as direccións e sempre de acordo cos criterios científicos do Servizo de Medicina Preventiva e as instruccións da Conselleria de Sanidade e o Ministerio de Sanidade, e cuxo obxecto foi o de minimizar a transmisión do coronavirus dentro das nosas instalacións e que tiñan que ver co establecemento de circuítos específicos para a atención aos pacientes e de medidas para as xuntanzas internas (convocatoria de video conferencias, separación de seguridade nas xuntanzas presenciais, e nos momentos de descanso.....).
Quero reiterar, unha vez máis, e tal como o manifesto sempre que teño ocasión dende a miña chegada á área compostelá, o agradecemento aos excelentes profesionais desta área sanitaria polo voso traballo e esfozo diario, e máis nesta época de pandemia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.