O mercado laboral galego, entre os máis vulnerables en Europa á crise da Covid-19

Un informe de expertos do Banco Mundial avisa dunha maior debilidade dos empregos nos países do sur da Unión Europea ante a pandemia. A vulnerabilidade de Galicia é similar á da media española e maior que a media do conxunto da UE. Falamos con Daniel Garrote Sánchez, consultor para a Estratexia do Banco Mundial para a Protección Social e o Traballo.

Por Alberto Quian | Madrid | 11/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pandemia de Covid-19 –considerada a peor crise que o mundo enfrontou desde a Segunda Guerra Mundial– está a poñer a proba non só os sistemas sanitarios de practicamente todas as rexións e países do mundo, tamén as súas economías e mercados laborais. Un informe publicado polo Grupo Banco Mundial alerta dunha “elevada taxa de vulnerabilidade dos empregos en España a un shock como o do conoravirus, en comparación á Unión Europea”. E sitúa Galicia nuns “niveis de vulnerabilidade similares á media de España”, case cinco puntos por enriba da media europea, pero cunha das peores proporcións de empregos adaptables ao teletraballo, dous puntos e medio por debaixo do conxunto do Estado español e sete puntos inferiores ao total europeo.

Traballador, nunha obra pública en Vigo durante a pandemia de Covid-19
Traballador, nunha obra pública en Vigo durante a pandemia de Covid-19 | Fonte: © Miguel Núñez.

O informe para o Banco Mundial está asinado por Daniel Garrote Sánchez (Protección Social e Traballo) e Nicolás Gómez Parra, Caglar Ozden e Bob Rijkers (Grupo de Investigacións sobre o Desenvolvemento). O seu obxectivo: medir a escala rexional na UE –ademais de Suíza e Noruega– a exposición do mercado laboral á pandemia de  Covid-19. Para iso, identificaron os traballos considerados esenciais e non esenciais polos gobernos na aplicación das medidas de confinamento e restricións á mobilidade, e entre os segundos, aqueles que se puideron manter activos porque se poden realizar desde o fogar e os que non.

No conxunto da UE, os traballos máis expostos a esta crise representan o 30 % de todo o emprego; proporción que se eleva ao 35 % en España, cun dos mercados laborais máis débiles ante a crise do coronavirus.

Doutra banda, “máis da metade de todos os empregos na UE (58 %) atópanse en sectores considerados esenciais”, aínda que a porcentaxe “varía significativamente” entre países e rexións, e “tende a aumentar cos ingresos”. A proporción de traballadores esenciais entre todos os empregados “é maior en Francia, Luxemburgo, Países Baixos e os países escandinavos, e moito menor nos países do sur de Europa, como Italia e España”, describen os autores do informe, que observan, ademais, “unha variación substancial dentro dos países”.

En España, por exemplo, só Estremadura supera o 60 % de traballos considerados esenciais sobre o total, e Madrid, Cantabria, Castela-A Mancha e Murcia atópanse na media europeo, entre o 55 e o 60 %. O resto das autonomías están por debaixo.

España, Bulgaria, República Checa e Italia son os Estados con maior proporción de traballos non esenciais, que representan o 47 % do total nestes países. No lado oposto sitúanse Luxemburgo, con tan só o 29 % ; Suecia e Noruega, co 37 %; Francia, co 38 %, e Bélxica, co 39 %.

Na UE, o 35 % de todos os traballos pódense realizar no fogar (en Estados Unidos a porcentaxe sobe ao 37 %). A posibilidade de teletraballar, ademais, “aumenta co nivel de ingresos” dos traballadores. Así, “os países máis ricos, normalmente os do norte de Europa, como Dinamarca, Países Baixos, Noruega, Suecia e Suíza, caracterízanse por unha maior prevalencia de traballo que se pode realizar desde casa, mentres que os países máis pobres do sur de Europa e os novos Estados membros, en xeral, teñen relativamente menos empregos que se poden facer desde o fogar”, detallan os autores do informe.

No apartado de traballos que non se poden realizar desde o fogar, lideran esta clasificación os países do Leste, con Romanía á cabeza, cun 77 %, seguida pola República Eslovaca (74 %), Bulgaria (72 %), Hungría (71 %) e República Checa (70 %). Pero neste grupo tamén entra España, que alcanza a mesma porcentaxe que o país checo, e Italia, Croacia, Grecia e Portugal sitúanse só un punto porcentual por baixo. Luxemburgo volve ser o que manda no lado oposto, cun 51 % de postos de traballo sen posibilidade de teletraballo, seguido por Suíza, Suecia e Países Baixos (60 %).

O informe tamén proporciona datos sobre o peso dos traballos que requiren unha interacción cara a cara en función da súa frecuencia. Aquí, as diferenzas entre os Estados son menores. A maior porcentaxe dáse en España, Chipre e Grecia (47 %), e a menor, en República Checa (38 %) e Romanía (39 %).

Ao combinar os sectores considerados esenciais nas listas dos gobernos con estes dous criterios –teletraballo e interaccións cara a cara–, os expertos identifican que traballos están en maior risco pola pandemia de Covid-19 e as medidas adoptadas para freala, como o distanciamento social, as restricións de mobilidade e os peches obrigatorios de empresas e negocios.

En conxunto, “a proporción de traballos que non se poden realizar desde casa en sectores non esenciais en cada rexión estatística na Unión Europea é do 30 % de todo o emprego”, cun “cociente máis alta no sur e o leste de Europa”.

Estes traballos, máis vulnerables á crise do coronavirus SARS-CoV-2, representan “entre un terzo e a metade de todos os empregos en grandes partes do sur de Europa (Grecia, Italia, Portugal e España) e Europa do Leste (República Checa, Hungría,  Rumania e República Eslovaca)”, mentres que “a proporción de empregos vulnerables é significativamente menor en Escandinavia, Francia, Alemaña e o Reino Unido”.

Ao calcular a porcentaxe de traballos que non se poden adaptar ao teletraballo e non son esenciais, Bulgaria alcanza o peor dato, cun 37 %, seguida por España, Italia, República Checa e República Eslovaca (35 %). Estes países case dobran a porcentaxe de Luxemburgo (18 %), que lidera de novo a clasificación dos mercados laborais menos vulnerables ao unir estas dúas variables, seguido por Suecia e Noruega (24 %).

Combinando os traballos que precisan unha interacción cara a cara e non esenciais, España e Chipre son os que teñen a maior proporción, cun 23 %, e Luxemburgo (14 %) e Noruega (16 %), os que menos.

Galicia atópase entre as rexións europeas con maior proporción de traballos non esenciais que non se poden adaptar ao teletraballo e tamén está entre as que teñen máis empregos non esenciais con maior intensidade das interaccións cara a cara.

PRECARIEDADE LABORAL

Os expertos advirten de que nas “rexións atrasadas” onde se concentra o emprego máis vulnerable, ocupado principalmente por “mozos con baixo nivel educativo e  migrantes”, con traballos que “tenden a estar mal pagos” e que son “menos seguros”, cunha “maior prevalencia de contratos temporais”.

“Claramente, as rexións máis pobres teñen máis traballos en risco”, isto é, “empregos máis precarios e menos protexidos”, e con “salarios máis baixos”, destacan os autores, que documentan unha “asociación positiva entre a proporción de empregos en risco e a proporción de traballadores temporais, que poden ser despedidos máis facilmente que os que teñen contratos permanentes”.

“A crise da Covid-19 probablemente exacerbará as disparidades socioeconómicas preexistentes” entre rexións e entre países, “en ausencia de medidas urxentes a grande escala”, avisan os especialistas, cuxos achados, interpretacións e conclusións, aclaran, “non representan necesariamente as opinións do Grupo Banco Mundial”.

“O maior problema está en países do sur de Europa: España, Portugal, Italia, Croacia, Grecia”, detalla Daniel  Garrote Sánchez –consultor para a Estratexia do Banco Mundial para a Protección Social e o Traballo–, con quen falamos sobre os resultados deste informe.

En que metodoloxía se basea o seu traballo?

A nosa metodoloxía está enfocada no posible shock de oferta na economía e non mira tanto a demanda. Polo lado da oferta, houbo restricións de mobilidade para previr o contaxio de Covid-19. Nese caso, distinguimos dous tipos de traballos que non se viron afectados directamente por estas restricións: en primeiro lugar, as ocupacións consideradas polos gobernos como esenciais (por exemplo, persoal sanitario, o sector alimentario, transportes de mercadorías, ou servizos de electricidade, auga, lixos, etc.); e en segundo lugar, os empregos que se poden desempeñar desde casa (e por tanto non se ven afectados polas restricións de mobilidade). Por tanto, os traballos que máis se viron afectados nestes meses son aqueles que nin son considerados “esenciais” nin poden realizarse con normalidade desde casa.

A isto hai que engadir unha terceira característica dos traballos, que é a intensidade do “face-to-face” é dicir, a frecuencia de interaccións con clientes, subministradores, etc. Por exemplo, o sector manufactureiro, que en certos sectores específicos non era considerado esencial nin se podía facer desde casa, aínda así ten interaccións máis baixas entre persoas e por tanto é un traballo de menor exposición que, por exemplo, o do comercio polo miúdo.

Quero insistir en que esta é unha análise de oferta e non se inclúen as perspectivas de demanda. No curto prazo, en xeral son as restricións de oferta as que poden afectar máis a capacidade de realizar as tarefas laborais. Con todo, a medida que se levantan as restricións de mobilidade, a caída da demanda pode ser a que determine a evolución do emprego a medio prazo. Con todo, estudos sobre impacto de pandemias virais sobre o comportamento dos consumidores mostran como sectores como o turístico se ven afectados durante tempo, polo que a vulnerabilidade en España que observamos derivada das restricións de oferta tamén pode prolongarse por unha caída máis continuada da demanda de sectores como o turístico, restauración ou recreación.ç

"Madrid, unha rexións con maior taxa de contaxio por habitante, é a que menos empregos vulnerables ten, mentres que en Canarias e Baleares, por exemplo, pasa o contrario"

Como miden a interacción entre crise sanitaria e vulnerabilidade laboral?

Unha mensaxe clave é esta: a vulnerabilidade económica ante a Covid-19 e o risco sanitario non sempre van da man. En España, os mozos teñen máis vulnerabilidade de exposición laboral á Covid-19, mentres que os riscos para a saúde se centran mais nos adultos de maior idade. Igualmente, unha das rexións con maior taxa de contaxio por habitante, como Madrid, é a que menos empregos vulnerables ten, mentres que en Canarias e Baleares, por exemplo, pasa o contrario. Isto pon de relevo a necesidade de ter en conta estes distintos impactos para tomar medidas de restricións de mobilidade diferentes atendendo o peso relativo do risco de saúde e risco laboral.

No conxunto da UE, pódense establecer claras diferenzas entre rexións ou países?

Hai unha división bastante clara entre dúas Europas: o norte/oeste, cunha estrutura produtiva mais proclive ao teletraballo, e o sur e leste, onde o é menos. Certos países de Europa do Leste (República Checa, Hungría, Eslovaquia) teñen unha vulnerabilidade algo menor porque parte importante da súa estrutura esta baseada no sector manufactureiro que, aínda que en xeral non se pode teletraballar nin é esencial en gran parte dos subsectores, ten un nivel máis baixo de interacción entre persoas no traballo, polo que o risco de contaxio é algo menor. Por tanto, o maior problema está nos países do sur de Europa –España, Portugal, Italia, Croacia, Grecia–, onde o sector turístico é máis potente.

Cal é a situación de España no marco da UE e que retos ten?

A situación resúmese nunha vulnerabilidade significativamente mais alta que a media europea, o cal se debe á estrutura produtiva do país, cun alto peso do sector turismo e restauración. Dada esa estrutura, o reto de España é como retomar a actividade económica que se basea en traballos de máis exposición sen poñer en risco os avances no control da pandemia.

Que comunidades autónomas son máis resilientes e cales máis vulnerables?

Un dos mapas do noso informe resume mellor a resiliencia das comunidades: canto máis azul, mais resiliente, e canto máis vermello, menos. E aí Madrid destaca claramente respecto ao resto. Iso é porque ten unha maior concentración de traballos que se poden realizar desde casa que o resto. Iso ocorre en xeral en ocupacións que requiren habilidades mais complexas e niveis educativos mais elevados. Tamén existe un maior peso de empregos gobernamentais que están máis protexidos. No lado oposto atópanse Canarias, Baleares ou a Comunidade Valenciana, onde hai mais traballos vulnerables, sobre todo polo maior peso do sector turístico na economía.

"Un 28 % dos traballadores en Galicia ten empregos que se poden adaptar facilmente ao teletraballo; por baixo da media de España (30,5 %), que á súa vez é significativamente inferior á media na UE (35 %)"

No caso de Galicia, cal é o nivel de vulnerabilidade do seu mercado laboral e a súa posición comparada co resto das autonomías en España e no conxunto da UE?

A súa situación podémola resumir con algúns datos. Por exemplo, un 28 % dos traballadores en Galicia ten empregos que se poden adaptar facilmente ao teletraballo; este dato está por baixo da media de España (30,5 %), que á súa vez é significativamente inferior á media na UE (35 %).

Doutra banda, un 54 % dos galegos están empregados en sectores considerados esenciais, similar á media española, aínda que igualmente inferior á media na UE, que é dun 58 %.

Por último, en conxunto, un 35% dos empregados en Galicia ten traballos que nin se poden realizar desde casa nin están protexidos nos decretos gobernamentais como actividade esencial durante o confinamento. Ese dato está en liña coa media española, pero é moi superior á media na UE (30,5 %).

Que clase de empregos e características ou perfís dos traballadores son máis vulnerables?

Do mesmo xeito que noutras comunidades autónomas de España, de entre os sectores que empregan a máis traballadores, un dos máis vulnerables é o da hostalería e restauración. En menor medida, tamén o comercio comerciante polo miúdo. Outros sectores como o persoal sanitario ou, en menor medida, os condutores de servizos de autobús non sofren restricións de emprego, pero a cambio teñen unha alta exposición e risco de contaxio.

En xeral hai unha correlación moi alta entre o nivel educativo e a vulnerabilidade de traballadores. Aqueles con niveis educativos máis baixos tenden a traballar en sectores máis expostos ás restricións de oferta.

Por tipo de contrato, tamén se observa que os que teñen contratos máis precarios (temporal vs. permanente) están en sectores máis expostos. Igualmente, os mozos teñen empregos máis en risco que os máis maiores.

"Unha mensaxe moi importante é que hai un alto risco de que a Covid-19 xere unha maior desigualdade laboral da que xa existía"

E cal é a conclusión?

O punto principal é que hai unha elevada taxa de vulnerabilidade dos empregos en España a un shock como o do conoravirus, en comparación á UE. Para o caso de Galicia, aínda que hai menos ocupacións que se adaptan ao teletraballo, en conxunto ten uns niveis de vulnerabilidade similares á media de España.

Unha mensaxe moi importante é que hai un alto risco de que a Covid-19 xere unha maior desigualdade laboral da que xa existía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta