Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2020 | Actualizada ás 22:00
A crise económica que se aveciña será "catrastrófica" en canto a cifras, pero a súa incidencia real dependerá do papel que tomen as administracións. Así o consideran Pedro M. Rey Araújo e Adrián Dios Vicente, doutores en Economía da Universidade de Santiago. Ambos expertos coinciden ademais en que os danos no ámbito do estado serán particularmente duros como consecuencia da elevada taxa de temporalidade do mercado de traballo.
Aínda que a recesión quedará para a historia como a "crise do coronavirus", os economistas apuntan a que a pandemia non é a única causa. "Xa en 2018 había síntomas de desaceleración e falta de dinamismo", recoñece Dios Vicente, que apunta ó virus máis ben como o "detonante" da recesión. No caso particular do Estado español, sinala Araújo, á parálise mundial hai que sumar unha debilidade estrutural do mercado de traballo, lastrado “por unha taxa de temporalidade moi superior ó resto de Europa”.
TEMPORALIDADE E TURISMO
Este cúmulo de dificultades fará que a crise teña un impacto especialmente forte sobre Galicia e o resto do Estado, ata o punto de que podería xerar “un alto nivel de desemprego estrutural non corrixible a curto prazo”, en palabras de Araújo. A elevada temporalidade concéntrase, precisamente, naqueles sectores que se perfilan como os máis afectados polas medidas de distanciamento: a hostalaría e, sobre todo, o turismo. “Estes contratos non se van renovar”, explica Araújo, que sitúa a fin do verán como o momento no que comezará a aflorar o paro: “poderiamos chegar ós 6 millóns de desempregados”, calcula.
A diferenza dos postos fixos, este tipo de contratos non se poderán salvar co ERTE, unha particularidade que para Dios Vicente pon de relevo a “precariedade” do mercado laboral do Estado. “Temos tanta contratación temporal que en tres meses destruímos un volume espectacular de emprego”, razoa o economista, que non dubida en apuntar o carácter “especialmente sensible” do caso galego pola febleza da súa industria. “Agora estalan os parches que arrastra o mercado laboral dende 2008”, resume Rey Araújo.
CIFRAS “DA GUERRA CIVIL”
O desemprego por riba dos 6 millóns é tan só o abreboca dunha crise que, segundo avisan os economistas, marcará fitos "históricos" no tocante a indicadores económicos. “Este trimestre veremos cifras dramáticas, só comparables á Guerra Civil” adianta Dios Vicente en relación a unha caída do PIB que podería chegar ó 15%, segundo o Banco de España. Tamén en Galicia os números dan unha idea da excepcionalidade da situación: "aproximadamente o 60% da poboación activa está cobrando da Administración se contamos os ERTES”, calcula, “algo inaudito no noso sistema".
O futuro da crise, porén, non o deciden só as cifras: "todo depende de se a Administración controla os efectos da recesión ou a agrava como en 2008, cando rescataron aos bancos no canto de facer programas sociais", pondera Dios Vicente. Araújo vai máis alá e apunta ó papel da Unión Europea na recuperación: “se a UE decide emitir débeda ou mercala de xeito conxunto, o xuro será menor e teremos máis liquidez para investir”, explica. ”Se o Estado ten que saír en solitario ós mercados -como pasou en 2011- a débeda será máis cara porque temos menos capacidade de negociación”.
Neste contexto, Araújo considera “un paso na boa dirección” o fondo de 500.000 millóns de euros anunciado unha semanas atrás pola UE. Que Europa estea disposta a gastar é sintomático dun cambio de tendencia nas institucións, :“o neoliberalismo morreu hai 4 meses e con el o dogma de que non nos podemos endebedar”, zanxa. “Ningún país sairá da crise sen débeda”.
A "ARRISCADA" POLÍTICA DA XUNTA
Á marxe do investimento público, que ambos economistas ven “fundamental” para superar a recesión, Dios Vicente considera “urxente” desenvolver unha reforma laboral que “loite contra a precarización”. “Temos que dificultar moito máis os contratos temporais se queremos potenciar os fixos”, pondera.
Para o economista, porén, o punto clave do futuro económico pasa pola innovación tecnolóxica para “deixar de ser un país de camareiros”. “O turismo dá emprego pero ten riscos”, explica Dios Vicente, que apunta directamente á Xunta. “A única estratexia económica de Feijóo nestes 4 anos foi o Xacobeo, e agora atópase co tráfico aéreo internacional detido a 6 meses do Ano Santo”, resume. “Por iso é importante investir en industria”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.