Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2020 | Actualizada ás 14:28
A medio ano de comezar o primeiro Xacobeo nunha década, todas as previsións apuntan a que non se repetirán as cifras de crecemento de edicións pasadas. Detrás deste ‘bluf’ está, evidentemente, a pandemia da COVID-19. Á marxe de provocar unha crise “catastrófica”, o virus seguirá deixándose sentir nunha nova normalidade que afectará ó sector servizos e, sobre todo, ó turismo; que o terá moi difícil para convivir coas medidas de distanciamento esixidas polas autoridades.
As malas perspectivas do Ano Xubileu son un duro mazazo non só para os hostaleiros composteláns senón tamén para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que o ano pasado auguraba un “boom” económico no 2021 grazas ó empuxe do turismo. “Feijóo apostou o desenvolvemento da economía galega ó Xacobeo e agora atópase co tráfico aéreo internacional detido”, apunta Adrián Dios, doutor en Economía pola USC en declaracións a Galicia Confidencial. De aí que nos últimos dous meses o presidente popular xa explorara a posibilidade de estender o Ano Santo ata o 2022 escudándose nunha ampliación celebrada nos anos máis duros da Guerra Civil.
UN SECTOR DE CRECEMENTO “LIMITADO”
“Dende as eleccións de 2016 é a súa única estratexia”, destaca o economista, que valora negativamente o “monocultivo” que o goberno autonómico fai do Xacobeo polo “perigo” que carrexa. “Todos os países desenvoltos diversifican a súa economía para minimizar riscos. A Xunta non só se concentra no turismo, senón que o fía todo a un ano, e se sae mal todo falla”, explica.
Para o experto, porén, o auténtico problema de escoller o turismo como sector central é a “limitada capacidade de crecemento” que ofrece para o conxunto da economía. “O turismo, como actividade de baixo valor engadido, xera moito emprego pero non é capaz de arrastrar a outros sectores nesa melloría”, subliña.
Por iso Dios Vicente amosa a súa desconfianza coa medida estrela da Xunta: “pretenden encher Galicia de millóns de persoas como se iso fose a supoñer un punto de inflexión no noso desenvolvemento”, un plan que ve “con pouco futuro a longo prazo”. “O discurso da Xunta co Ano Santo lémbrame ó que tiñan os gobernos centrais co sector da construción antes da crise, cando dicían que era un puntal estratéxico”, compara.
I+D PARA FREAR A EMIGRACIÓN
O doutor en economía pola USC matiza que o camiño a tomar “non pasa por minimizar o papel da actividade turística” senón de orientar o investimento público á diversificación da economía galega. “Non ten sentido seguir apoiando un sector que, ademais das limitacións que ten, xa está moi ben posicionado a nivel internacional”. Dios Vicente, en concreto, chama a rematar coa terzarización de baixo valor engadido potenciando a innovación tecnolóxica no tecido industrial galego, que encadea décadas de retracción. “Se queremos crecemento a longo prazo temos que investir na nosa industria, como fai Alemaña”, apunta.
A necesidade de apoiar un sector secundario “feble” e moi concentrado –“Alcoa é o metal, Inditex o téxtil, Citroën a automoción”- non só vén demostrada pola crise da COVID, ante a cal a dependencia do turismo nos fai especialmente vulnerables, segundo os expertos. “A falta de industria”, afirma Dios Vicente, “provoca unha bolsa de desemprego estrutural que remata na emigración”, un fenómeno que segue “moi presente” no mercado laboral galego. Segundo un estudo publicado na web statista, en 2019 Galicia aportou o 10% da migración saínte do conxunto do Estado malia representar apenas un 6% da poboación total. “Segue a pasar o que dicía Castelao: 'o galego non se queixa, emigra'
Para Dios Vicente, esta é unha situación que podería ser corrixida aumentando o investimento en I+D –“moito menor que a media do Estado e xa nin falar dos países nórdicos”- para potenciar puntais con maior capacidade de arrastre. “A construción de maquinaria pesada, por poñer un exemplo, serviría de apoio á industria do metal e as materias primas, entre outras”, ilustra o experto, que conclúe: “o gran problema da estratexia económica da Xunta é que non hai plan para evitar a emigración porque non se exploran máis posibilidades que o turismo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.