Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 16/06/2020 | Actualizada ás 10:48
Un tractor sen freos e sen condutor encaixouse contra unha casa sen xente e causou "importantes danos estruturais" na fachada no municipio ourensán de Maside. Un fallo técnico do sistema de freos apúntase como posible causa do choque.
Así o explicou a persoa que, despois das 19,00 horas deste luns, chamou ao 112 Galicia desde a parroquia de Garabás, en Maside, "alarmada polos danos ocasionados na estrutura da vivenda que estaba baleira no momento de producirse o accidente", relataron por parte do servizo de emerxencias.
Tras a alerta, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros do Carballiño, que procederon a apontoar a fachada da casa "para evitar máis riscos", indicou o 112.
Ademais, interviñeron axentes da Garda Civil de Tráfico, pois a situación na que quedou o tractor impedía a normal circulación dos vehículos que se desprazaban entre Maside e Cea. En canto ao tractor, destinado ao aproveitamento forestal, estaba sen condutor, e posiblemente sen freos, o que provocou o impacto contra a vivenda, apuntou o 112.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.