A Xunta "premia" a traballadores da sanidade e residencias cun bono de 250€ a un mes das eleccións

Di que é un agradecemento "moi modesto" aos profesionais que loitaron contra a pandemia para "incentivar o consumo".A adxudicación será por orde de inscrición na web de Turismo de Galicia, onde se poderán consultar os paquetes cun 15% de desconto.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 19/06/2020 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

Uns 20.000 traballadores da sanidade e residencias que estiveron en primeira liña contra o coronavirus terán un bono da Xunta, dotado con 250 euros, que poderán gastar en viaxes e comidas co fin de reactivar ao sector turístico galego.

Así, disporán dun cartón prepagamento de Abanca --de carácter nominativo-- co importe que poderán consumir nos negocios adheridos entre o 15 de xullo e o 13 de decembro. Empresas e particulares do sector, así como axencias de viaxes ofrecerán paquetes turísticos a prezos reducidos creados especificamente para este programa.

Traballadores da sanidade, de residencias de maiores, centros de menores e atención á discapacidade que prestasen servizos entre o 15 de marzo e o 15 de xuño poderán optar a esta iniciativa. Aínda que a medida xa fora avanzada, o Goberno autonómico deu o seu visto e prace a este "bono solidario" no Consello deste venres, o penúltimo antes de que arrinque a campaña electoral para o 12-J.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que os 5 millóns que se destinarán a esta iniciativa representan un agradecemento "moi modesto" aos profesionais que loitaron contra a pandemia e tamén permitirá "incentivar o consumo". Esta medida enmárcase no plan de reactivación do sector cultural e turístico, que contan cun investimento de 58 millóns de euros en apoio a estas industrias.

ADXUDICACIÓN POR ORDE DE INSCRICIÓN

Todas as persoas que cumpran os requisitos e desexen formar parte do proxecto deberán completar un formulario electrónico na web de Turismo de Galicia. A adxudicación será por orde de inscrición, a través dun proceso de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible.

Unha vez seleccionados, os beneficiados poderán consultar os paquetes e servizos á súa disposición na web de Turismo de Galicia e contratalos mediante reserva ou directamente no establecemento adherido, en función da dispoñibilidade.

DESCONTO DUN 15%

Tanto os paquetes turísticos como os produtos ofertados deberán dispor dun desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servizo e cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias para a seguridade dos traballadores. Poderán ofrecer os seus servizos aqueles aloxamentos turísticos e axencias de viaxe que desenvolvan as súas actividades en Galicia e estean no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (Reat).

Consello da Xunta. ANA VARELA
Consello da Xunta. ANA VARELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Fóra de eiquí paréceme ben. Eiquí en precampaña electoral dá noxo. Debería ser denunciado á Xunta Electoral para logo poder levalo ao Supremo (porque os lacaios da rúa Real van aplaudir coas orellas).

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Durante o franquismo usaba nos 20 duros e o bocadillo. Agora usan no cheque-hostaleiro. O Partido Popular sempre en busca de estómagos agradecidos. Espero que os sanitarios non se deixen comprar e manden ao PP e aos seus membros a onde deben estar, teñan o cargo que teñan.