Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2020 | Actualizada ás 18:09
A 'Operación Balmis' das Forzas Armadas para a loita contra a pandemia producida polo virus COVID-19 concluíu este domingo, 21 de xuño, despois de 98 días nos que a Brilat, baixo a dirección do Mando Compoñente Terrestre, levou a cabo as súas intervencións en 219 localizacións.
Segundo informou a Brilat nun comunicado, durante máis de tres meses prestou apoios en distintas localidades das comunidades autónomas de Galicia, Asturias e Castela-León co propósito de "apoiar a acción do Estado" e "en apoio á poboación na loita contra a propagación do virus COVID-19, en estreita colaboración co resto das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, organismos institucionais e administracións públicas", engadiu.
Tras estes 98 días de estado de alarma, e unha vez finalizada a 'Operación Balmis', a Brilat agradeceu "á sociedade galega, asturiana e castelán-leonesa a súa excelente predisposición para cos seus militares".
"Desde a Brilat quérese recoñecer aos traballadores e internos das 219 localizacións que se desinfectaron, especialmente aos das residencias de maiores polo agarimo co que recibiron aos militares; aos traballadores do hospital Universitario Central de Asturias por facilitar o traballo durante os 94 días de despregamento na estación de triaxe e test rápidos", destacou.
E trasladou tamén o seu agradecemento "á Garda Civil e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado polos apoios e a colaboración demostrados; a todos os particulares e empresas que desinteresadamente colaboraron e aos cidadáns que, sinxelamente, apoiaron, aplaudiron e animaron os militares da Brilat durante a operación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.