"O que quere o señor Feijóo é desfacerse dos centros de día e meter a todos en residencias"

O deterioro físico e cognitivo das persoas usuarias de centros de día é evidente logo de tanto tempo sen esa atención. O presidente da Xunta segue reticente a abrir os centros e moitos familiares optan polas residencias para poder conciliar. "Estamos sufrindo enormemente".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Se o centro non abre, non sei que vai pasar cos nosos familiares. Oxalá me chamen pronto e me digan: 'Traédeos cando queirades'". O único desexo desta muller que fala é que se retome canto antes a actividade no centro de día no que atendían o seu marido, que se atopa en cadeira de rodas e sofre un gran deterioro físico e mental. "Desde que empezou o confinamento, todo foi para atrás", relata. "Non come o que ten que comer, cúspeme as pastillas todas, non quere durmir porque descontrolou o sono, non fala e apenas temos conversación...".

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita o centro de día da Pobra.. XUNTA - Arquivo
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita o centro de día da Pobra.. XUNTA - Arquivo

Un día tras doutro, esta muller érguese para ir traballar, déixao na cama e encéndelle a televisión "para que teña un pouco de barullo de fondo". Di que se o deixa na cadeira de rodas a súa cabeza non queda tranquila mentres atende o seu pequeno negocio "que hai que abrir si ou si porque non queda outra". Apura o peche todo o que pode para regresar á casa e darlle o xantar ao marido. Xa logo, no pouco tempo que poida quedar antes de volver ao traballo, come ela. Agás unhas horiñas nas que esta muller paga do seu peto a outra muller que vén atendelo un rato á mañá e outro á tarde, o home queda só na casa, deitado na cama e coa tele como única compañía. "Garántoche que isto non é nada fácil", asegura ela. "Como sigamos así quedarame nunha cama para toda a vida".

OS SIS E NONS DE FEIJÓO

O centro de día ao que levaba o seu marido durante toda a xornada botou o peche coa declaración do estado de alarma. Coma todos, tiña previsto o seu regreso para o día luns, 1 de xuño, atendendo o protocolo de desescalada fixado pola Xunta de Galicia o 12 de maio e enviado posteriormente a todos os centros de día para a súa aplicación. Só tres días antes desa agardada reapertura, o venres, 29 de maio, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, compareceu perante os medios e anunciou que esa apertura non se ía producir ata o mes de setembro. A noticia caeu sobre os centros, familiares e usuarios coma unha xerra de auga fría. A desescalada dos centros de día desaparecía repentinamente dos protocolos e deixaba en cueiros a centos de familias que organizaran a súa vida e o seu traballo en torno a esa reapertura.

As protestas non se fixeron esperar e Núñez Feijóo non tardou en saír ao paso para deixar unha porta intermedia aberta: a posibilidade de ofrecer unha atención individualizada e con cita previa. "Algo totalmente inviable a non ser que sexas unha gran empresa que ofrece residencias, centros de día e atención a domicilio", denuncia a directora do Centro de día 'Raiola' de Verín. "Feijóo dedícase a facilitarlle a vida aos seus amigos", explícase Chelo Ferreiro, que cre que o "descoñecemento" de como funciona un centro de día leva o goberno a tomar decisións "desatinadas": "Non somos unha gardaría, somos un centro de día onde os nosos usuarios están por medias xornadas ou xornadas enteiras. Falamos de terapias continuas". Ademais, Ferreiro tamén ten en conta esoutro papel importante dos centros na conciliación laboral e familiar. "O dano está feito desde moitas perspectivas; e está claro que isto é unha tomadura de pelo máis do señor Feijóo".

AS RESIDENCIAS COMO ÚNICA OPCIÓN

Sen dúbida a peor parte sófrena os propios usuarios. No centro de Verín a meirande parte dos maiores teñen demencia, e todos aqueles avances a nivel físico e cognitivo que foran adquirindo durante os últimos tempos estanse perdendo de maneira acelerada desde que comezou o confinamento. "Véñense abaixo. As familias cóntanme como deixan de comer, como deixan de moverse, como pasan de camiñar a estar nunha cadeira de rodas. É moi triste escoitar todo isto e non poder facer nada", fala Chelo. "O señor Feijóo tíñase que tomar a molestia de ir falar con calquera familia e ver as súas bágoas como as estou vendo eu".

Do pouco que fala, ás veces o home que está na cadeira de rodas pregúntalle á súa muller por que ten os ollos chorosos. Ela dille: "Non, home, non. Tranquilo, que non pasa nada". A esta familia unha cita previa non lle soluciona nada. "Eu necesito compaxinar o meu traballo co meu home. Lévoo ao centro de día para que teña uns bos coidados de hixiene e alimentación; non para unha terapia concreta", explica a muller.

Cando se sente moi agobiada pásalle pola cabeza a opción de metelo nunha residencia de maiores. "Non son capaz, levamos moitos anos xuntos... Pero se o centro de día non abre terei que facelo, porque se sigo así, acabarei tamén eu metida nun". As dificultades da conciliación derivadas do peche dos centros de día está provocando que moitas familias decidan ingresar os seus familiares en residencias. "Eu creo que Feijóo o que está buscando é precisamente isto, desfacerse dos centros de día e meter toda a xente en residencias. O que quere e que nós como coidadoras non poidamos máis e teñamos que acabar recurrindo a elas", pensa esta muller. "El tamén ten familia, entón... Non sei que dicir".

No caso do Centro de Día de Verín xa hai, polo momento, dúas familias que tomaron a decisión de meter os seus maiores nun centro residencial. Entre "desesperación" e "enfado", Ferreiro fala dunha "ruína a todos os niveis" que evidencia a necesidade de reformular o sistema de dependencia. Coas portas pechadas "a cal e canto" e todos os traballadores en ERTE, Chelo Ferreiro teme polo futuro do centro de día de Verín, que cumpriu o seu primeiro ano de vida no medio do confinamento. Ela, que tamén é enfermeira e "traballadora antes ca xefa", ten claro que non se vai rendir nin tirar a toalla. Logo de tres meses pechados, "o menor dos problemas é o tema económico". "As miñas familias están sufrindo enormemente; necesitamos que nos mostren un pouco de humanidade: en que momento decidiron pechar os centros de día mentres se permiten as visitas a residencias ou se dá carta branca para retomar calquera outra actividade?", pregúntase.

Ademais das persoas maiores, tamén as persoas con diversidade funcional están padecendo as consecuencias destes peches. De feito, un grupo de nais veñen de impulsar unha recollida de firmas dirixida á Xunta para esixir a súa reapertura. "Non é por capricho, senón pola necesidade que teñen os nosos fillos de retomar as súas vidas coma calquera outro membro da sociedade", indican. Despois de tres meses, moitas persoas con discapacidade están "desenvolvendo patoloxías indesexadas: trastornos do sono, illamento, medo, agresividade, retroceso na linguaxe...". Consecuencias da ruptura dunhas rutinas que as familias enfrontan "sen saber como axudarlles a superalas".

"NON É UNHA CUESTIÓN DE MEDO AO CONTAXIO"

Chelo Ferreiro tamén critica con dureza as ordes contrapostas da Xunta de Galicia no que se refire a protocolos. Días antes do 1 de xuño, ela e mais os seus traballadores xa puxeran a punto todas as condicións que esixían no protocolo de mediados de maio e recibiran a formación necesaria por parte dunha empresa de prevención de riscos laborais. Cando xa estaba todo adaptado para abrir as portas, a Xunta "dixo que nada do que se fixera valía". "Tívonos tres días conectados a Zoom vendo como unha enfermeira de León se dedicaba a lernos o protocolo en castelán mediante unhas diapositivas que aparecían tituladas como 'La Junta de Galicia'. Apaga e vámonos", denuncia Chelo. 

"Non querer abrir os centros non é unha cuestión de medo ao contaxio, se non Feijóo non estaría obrando como está obrando. Isto ten trasfondo". Mentres as traballadoras e as familias soñan con ese día en que os seus usuarios poidan regresar "ao seu cole", as vidas de todos eles seguen trastocadas. Chelo conta que unha das señoras que estaba atendida no Centro de Día de Verín acaba de falecer. "Tivo un retroceso tremendísimo desde que pechamos. Eu recibía constantemente chamadas da neta e da filla nas me contaban que se nos ía, que se viñera abaixo, que preguntaba todos os días porque non a deixabamos ir ao seu cole. É penoso que ninguén estea facendo nada", reivindica. 

Ao home que está en cadeira de rodas gustáballe moito falar. "Cando o levaba ao centro de día víñame comido, limpo, canso para durmir ben e, sobre todo, contento". Algo non funciona cando centos de familias pasan por situacións coma esta sen que ninguén poña atallo. "Non sabe Feijóo o dano que está facendo a toda esta xentiña", remata por dicir esta coidadora. "Hai que abrir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta