Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/07/2020 | Actualizada ás 22:00
Agradezo que poida falar con Galicia Confidencial logo de algún tempo que non foi posible. Estas son unhas novas eleccións para ti, as segundas como candidata do BNG, tras estrearte nas de 2016. As enquisas son o que son e erran moitas veces. Hai esperanzas de chegar á Xunta?
Eu estou convencida de que se o 12X hai mobilización haberá cambio galego e faremos historia porque poderemos poñer por primeira vez a unha muller na presidencia da Xunta e, ademais, do BNG.
E que cambiou nestes últimos catro anos para poder derrotar a Feijóo e colocarte a ti como presidenta?
Pois que medra cada vez o descontento co PP porque fai que Galicia vaia a menos. Nos últimos tempos mesmo vimos como a cidadanía lle estaba gañando as batallas a Feijóo. Lembremos que a última foi "Verín non se pecha" e se ese espírito de inconformismo, de rebeldía se expresa nas urnas teremos un cambio na Xunta liderado polo BNG.
En todo caso, estas eleccións son xa atípicas. Parecía que o cambio ía producirse en abril pero no medio dos comicios estoupou a crise do coronavirus. Cres que iso pode beneficiar a Feijóo?
E que se Feijóo pensa que pode facer campaña dunha traxedia como foi esta pandemia pois equivócase e terá unha resposta nas urnas. De feito, o que estamos vendo é que o persoal sanitario, que fixo unha labor heroica durante a crise, xa lle está dicindo que non se pode vivir na precariedade, especialmente, para enfrontarse con garantías aos rebrotes que xa hai. E para iso, hai que facer xusto o contrario do que fixo Feijóo nesta crise, privatizando a sanidade. De feito, temos menos profesionais e menos camas que hai 11 anos. O que precisamos é unha sanidade pública forte, non só a nivel hospitalario, senón na atención primaria porque levamos once anos de recortes. O malo é que semella que imos seguir nesa dirección porque Feijóo xa dixo que se apunta á telemedicina, substituir profesionais por teléfonos. E nós, desde logo, cremos que a saúde é o mais importante que temos e o que hai que é fortalecer.
Falas de privatización da sanidade, pero semella que a deriva é en todo o público, a educación, os servizos sociais. Como se pode presumir dalgo que se leva privatizando desde hai anos?
Iso non coa xa. A min danme a sensación de que os galegos e galegas se indignan cada vez que Feijóo di que baixaron as listas de agarda. O certo que o modelo é desmantelar os servizos públicos é moi claro. E no sistema educativo Feijóo quere convertir a universidade nunha especie de centro de teleformación. E estou convencida de que a sociedade do coñecemento e da innovación é o futuro e se nos cargamos a universidade estareo cargándonos o futuro do país. E iso é o que quere facer o PP, xustamente o contrario do que queremos facer o resto.
E ademais, agora a esquerda e o nacionalismo está máis dividido. Hai doce anos erades dous grandes partidos, agora vos presentades catro competindo nun espazo político semellante. Non cres que esta división xoga a favor de Feijóo?
Como demócrata nunca vou criticar o pluralismo político. É un contexto diferente. Hai partidos diferentes aos que había once anos e tamén a dereita está dividida, e, polo tanto, esa é a realidade na que traballemos. Pero eu teño a sensación que se o 12X hai unha gran mobilización haberá cambio. Hai moitos sectores da sociedade galega que están convencidas de que este goberno ten o motor parado para Galiza e que queren que Galiza se poña en marcha e dar un salto adianto. Estamos recibindo nos últimos días unha gran onda de simpatía e imos dar un salto adiante e o 12 de xullo podemos facer historia porque podemos facer que, por primeira vez, Galiza teña a unha muller na Presidencia da Xunta que será o BNG.
Pero para estes comicios vos saíu un competidor polo lado galeguista. Cres que terá incidencia a Marea Galeguista, sobre todo, logo de que un ex socio voso nas xerais como foi Compromiso por Galicia hai sete meses, vaia agora nesta coalición?
Cada organización político é libre e soberana. Nós non somos socios de ninguén, só somos socios dos galegos e das galegas. E o que faga o resto eu respecto a decisión que tomen, como non pode ser doutro xeito.
O BNG freou a Vox
Falamos de división na esquerda, pero tamén hai dous actores novos no espazo do centro-dereita e ultradereita. Como valoras que nas eleccións de novembro pasadas un partido como Vox sacara case os mesmos votos que o BNG?. Realmente hai ese caldo de cultivo da ultradereita en Galicia?
Afortunadamente nas eleccións xerais viuse que o BNG sacou moi bos resultados e grazas a iso o BNG freou a Vox que non ten ningún concelleiro, nin ningún deputado no Parlamento galego e no Parlamento do Estado. Iso demostra que na sociedade galega non ten cabida o discurso racista, homófobo e antigalego que é o que representa esa estrema dereita que é coa que pacta o PP de Feijóo
E cres que pintarán algo nos comicios do 12X?
Eu non lle vou dar ningún titular a esta forza de estrema dereita que creo que non ten cabida en Galiza.
Falando do programa... O BNG volve presentar como puntos fortes un modelo produtivo galego, un novo modelo medioambiental e un reforzamento do autogoberno. Por que son tan necesarios para o país?
Esta crise da Covid reafirma que temos que cuestionarnos o actual sistema neoliberal e apostar polo propio. Hai que cambiar un modelo insustentable por un modelo ambientalmente sostible e potenciar a innovación. Se iso era importante antes da Covid, agora isto tense que acelerar. Galiza ten que decidir se quere apostar polo inmobilismo e conservadurismo do PP ou apostar polo futuro innovador que representa o BNG.
E ademais disto, que cres ti que ten que ser unha prioridade na Xunta se estades vós no goberno?
Hai moitas prioridade, pero unha delas, é a defensa dos dereitos das mulleres e a loita contra a violencia machista porque temos unha débeda con moitas mulleres que nos sacaron as castañas nos momentos máis duros da crise. E tamén traballar que os empregos non sexan precarios, e para iso é fundamental ter un modelo de financiamento propio porque o centralismo de Madrid non é quen de resolver esta situación. E iso xa se viu cando o BNG está no goberno.
Falando do bipartito. Cres que é posible reeditar este modelo nun tripartito a partir do 12X?
Eu creo que se os galegos e galegas apostan por esa fórmula e nos poñemos de acordo, por que non?. De feito, os gobernos de coalición son a norma no noso entorno. Ata o propio PP tamén pactou coa ultradereita para tentar manterse no poder.
Se é así hai poucos xestos por parte da oposición para visualizar esa unión?
Temos unha traxectoria de capacidade de diálogo e darlle fortaleza a eses pactos. E, de feito, xa temos unha traxectoria de pactos e acordos en moitos ámbitos.
Hai unha enquisas concreta que apunta ao “sorpaso” que xa Beiras deu a finais dos 90 para situar ao nacionalismo como segunda forza política no Parlamento galego. Cres que estás en condicións de ser a líder da esquerda en Galicia?
Presentamonos para derrotar o modelo da dereita. Ese modelo que di que ten todo que pasar por Madrid. Por iso é importante que Galiza teñan unha muller como presidenta, que ademais sexa do BNG, e por iso estamos a dalo todo nesta campaña. Ata este domingo aínda hai moito partido e só con que o PP perda un deputado por provincia, haberá o gran cambio que este país precisa.
E que ten Ana Pontón que non tivo Guillerme Vázquez, Xabier Vence ou o propio Quintana para colocar novamente ao BNG como a primeira forza da esquerda en Galicia?
A política non é de persoas. É de proxectos. Cada un deles fixeron labores fundamentais. Pero conseguir reilusionar á xente non sería posible sen un proxecto colectivo. E esa é a gran fortaleza. E o que vivimos é o efecto BNG e que ten principios e valores.
Creo que na política segue existindo desigualdade e, efectivamente, hai candidatas con posibilidades de ser presidentas
Entón está superado xa o trauma de Amio?
Iso xa está superado desde hai tempo. Queda moi lonxe xa.
E as portas do BNG seguen abertas?
As portas están sempre abertas. Están abertas para os que queiran traballar por Galiza.
Comentas que podes ser a primeira muller presidenta de Galiza. Con todo, nestes comicios tamén está Beatriz Pino, de Ciudadanos, como candidata. Cres que a política segue sendo unha cousa de homes?
Creo que na política segue existindo desigualdade e, efectivamente, hai candidatas con posibilidades de ser presidentas. E eu me presento para ser presidenta. Estou aquí polo traballo que fixeron moitas mulleres e é un cambio que aínda temos que facer.
E como levas agora que es nai o da conciliación laboral?
O problema da conciliación o sofren moitas persoas, non só eu. Pero o importante, neste caso é a corresponsabilidade.
Xa para ir rematando. Un tema que é importante para o BNG é a cultura e a lingua, como tamén o é para este medio. Como é posible que a Xunta lle dea millonadas a grandes medios de comunicación escritos en español e migallas aos medios en galego?. Impulsarás unha lei de publicidade institucional como Deus manda que evite que xornais como La Voz ou El Correo Gallego, entre outros, vivan, principalmente, das axudas da Xunta?
Si. Nós levamos no programa unha lei de publicidade institucional para que haxa unha verdadeira distribución das subvencións entre aqueles medios que, efectivamente, defendan a cultura e a lingua do país. É unha das nosas prioridades; que os fondos públicos se destinen realmente en beneficio da cultura e da lingua.
E un desexo final?
Pois agardo que o 12 de xullo fagamos historia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.