Por Galicia Confidencial | Madrid | 25/06/2020 | Actualizada ás 10:40
¿Cómo foi a transición tecnolóxica entre o Paleolítico inferior e medio en Gran Dolina? Un equipo de 13 científicos liderado polo galego Arturo de Lombera Hermida (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, da Universidade de Santiago de Compostela) semella ter dado coa resposta.
O equipo analizou máis de 22.000 artefactos líticos recuperados desde a década de 1980 na subunidade TD10.1 do famoso xacemento de Gran Dolina (Serra de Atapuerca, Burgos).
Os investigadores non observaron diferenzas técnicas notables entre os obxectos achados na subunidade TD10.1, pero si constataron neles unhas características más evolucionadas respecto a outros conxuntos de Atapuerca do Modo 2 (ou Achelense).
“A subunidade TD10.1 mostra unha consistencia tecnolóxica en todos os seus conxuntos, o que reflicte o feito de que os homínidos que habitaban os niveis superiores de Gran Dolina compartían os mesmos esquemas conceptuais. Con todo, mostran unha mestura de características técnicas” que, din, representan “innovacións tecnolóxicas e de subsistencia” que “son acumulativas con respecto aos rexistros do Plistoceno tardío de Atapuerca”.
“Os conxuntos líticos da subunidade TD10.1 representan as etapas finais dese proceso tecnolóxico no rexistro de Atapuerca e poden atribuírse ao Paleolítico medio temperá”, expoñen.
"Os cambios que se puideron documentar reflíctense nas estratexias de selección de materias primas; unha maior capacidade de planificación dos procesos de talla, a diminución progresiva de grandes ferramentas e un aumento da diversidade de instrumentos de pequenas dimensións", explicaron os autores.
Estas variacións foron acompañadas por outros cambios esporádicos pero significativos nas estratexias de subsistencia e comportamento (ferramentas óseas e retocadores; reciclaxe, etc.). Neste nivel púidose documentar unha transición estratigráfica local, un feito de gran relevancia, debido á dificultade que implica para os arqueólogos identificar momentos de cambio.
En base ás súas análises, e considerando a evidencia arqueolóxica e paleoantropolóxica actual do Plistoceno medio tardío europeo, os investigadores manexan a hipótese de que se trata dunha “evolución de tipo mosaico” cara á industria lítica musteriense (Modo 3) “a partir de bases culturais e tecnolóxicas xa definidas nos rexistros achelenses de Europa occidental”.
“O rexistro arqueolóxico da subunidade TD10.1 de Gran Dolina reflicte unha transición estratigráfica local dos tecnocomplexos do Modo 2 ao Modo 3 paralela á observada noutros sitios no suroeste de Europa”, conclúen.
Os resultados acaban de publicarse na revista científica Journal of Human Evolution, nun artigo titulado ‘The dawn of the Middle Paleolithic in Atapuerca: the lithic assemblage of TD10.1 from Gran Dolina’.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.