Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/06/2020 | Actualizada ás 12:33
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron o 8 de xuño de 1901. Adiantáronse máis dun século á legalización do matrimonio homosexual en España. A súa historia foi investigada e dada a coñecer por, entre outros, Narciso de Gabriel e desde entón inspirou películas, exposicións, obras de teatro e un regueiro de publicacións. E desde hoxe tamén un cómic.
O Consello da Cultura Galega(CCG) presenta “Elisa e Marcela”, unha banda deseñada guionizada e debuxada por Xulia Vicente. Esta iniciativa súmase ás propostas coas que a institución conmemora, a través da súa Sección de Pensamento, o Día do Orgullo LGTBI+, que se celebra cada 28 de xuño.
“Sentín unha responsabilidade tremenda porque non estou afeita a facer guións e moito menos a traballar sobre historias reais e comecei a facer un intenso labor de investigación” explica Xulia Vicente, a autora do guión e dos debuxos da historia nun comunicado remitido polo CCG.
Ese labor de documentación levouna pola historia da Coruña de principios de século, pola súa vestimenta, polo mundo das regueifas e pola forma de entender a sociedade dunha época. O resultado é un traballo de 32 páxinas debuxadas en lapis que conta a historia destas dúas mulleres pioneiras que conseguiron burlar a igrexa e as normas da época para converterse no primeiro precedente do matrimonio homosexual en España.
A publicación está dispoñible na rede e preséntase acompañada dun making of no que a creadora, Xulia Vicente, explica o proceso de elaboración deste traballo ao tempo que debuxa a portada do cómic.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.