Por Armando Requeixo | Ames | 09/02/2013 | Actualizada ás 11:00
Título: Un home do pobo
Tradutora: Begoña R. Outeiro
Editorial: Hugin e Munin
Lugar: Santiago
Ano: 2012 (decembro)
Páxinas: 193
Chinua Achebe é un home ponte. Nel conflúen dous mundos, dúas culturas que toman corpo nunha escrita singular e inimitable, que fai del un dos autores máis destacados da literatura africana do último século.
Nacido nixeriano, a súa crianza foi porén a propia do fillo dun mestre misioneiro e, polo mesmo, soubo dende a primeira hora do devocional protestante e a Commonwealth vitoriana. Mais nel ía fincada moi fonda a súa raiceira igbo, así que, logo de se educar nos máis prestixiosos centros de ensino colonais de Umuahia e Ibadan, Achebe decidiu que o británico Albert co que o bautizaran seus pais conversos non tiña cabida na súa vida e que el, en realidade, non era senón, Chinualumogu (‘Deus loitará a prol miña’), Chinua Achebe en diante.
Identificado xa plenamente coa realidade igbo e a difícil situación da comunidade nixeriana, foron nacendo as súas máis coñecidas novelas, todas elas vencelladas pola común coincidencia nas reivindicacións e alegados en favor do seu pobo, asoballado polos colonizadores e os caciques xurdidos a partir dese sistema. Verían luz, así, Todo se esbarroa (Things Fall Apart, 1958), Frecha de Deus (Arrow of God, 1964) e, sobre todo, Un home do pobo (A Man of the People, 1966), dura novela onde, co ferrete da ironía e unha escrita sobria pero precisa, se nos ofrece un dos máis poderosos relatos sobre a realidade postcolonial africana.
Por sorte para nós, Un home do pobo pódese ler agora en galego mercé ao excelente traballo de Begoña R. Outeiro, quen traduciu para Hugin e Munin este desacougante relato no que se reflicte, con todo detalle, a terrible maquinaria que arrastra á corrupción, o sometemento e a violencia a toda unha sociedade dominada polo pagamento de favores, a intimidación e o abuso de poder.
O protagonista e antagonista desta novela son Odili Samalu, un mestre de escola de Anata, exemplo de integridade e boas intencións, e mais Nanga, o corrupto Ministro de Cultura que tentará, por todos os medios, de facerlle a vida imposible ao primeiro.
Para o lectorado galego, o interese de Un home do pobo non reside tanto na descrición da situación política nixeriana concreta como no transparente paralelismo que nesa demencial engrenaxe de violencia institucional pode acharse entre o que sucedía (e sucede, por desgraza) en moitas partes do continente africano e o que tamén acontece en diversos lugares da vella Europa, Galicia entre eles.
Tamén si, a convivencia e integración que algúns dos personaxes desta obra ―nomeadamente o seu protagonista, xaora― amosan cara ao fenómeno do plurilingüismo é outra salientable razón para tirar proveito da lectura desta historia, onde as estreitas miras do monolingüismo alleante que algúns linguicidas queren impoñernos raposeiramente fican descubertas por comparación.
Boa nova, xa que logo, a de que o selo capitaneado por Alejandro Tobar faga posible achegarnos comodamente a este Un home do pobo na lingua de noso, un clásico da literatura africana en lingua inglesa que Begoña R. Outeiro anosou con ben para gozo de todos os admiradores do sempre xenial Chinua Achebe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.