Case 500 militares da UME e da Brilat vixiarán os montes galegos este verán

Medios aéreos e terrestres, xunto a drones, conformarán o dispositivo contra os incendios este verán. Intensificarase a vixilancia para previr delitos por parte de posibles incendiarios.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 01/07/2020 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Medios aéreos e terrestres, xunto a drones, conformarán o dispositivo de loita contra os incendios este verán en Galicia, segundo informaron desde a Delegación do Goberno e a Xunta, cuxo vicepresidente, Alfonso Rueda, remarcou que se intensificará a vixilancia para previr delitos por parte de posibles incendiarios.

"Queimar o monte é un delito que se persegue", dixo antes da reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG), celebrada mediante videconferencia, con presenza tamén do delegado do Goberno, Javier Losada, e do conselleiro de Medio Rural, José González.

Lume en Coruxo (Vigo),  en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Coruxo (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Por parte do Ministerio de Defensa, as Forzas Armadas traballarán na operación Sentinela Galego entre o 15 de agosto e o 30 de setembro, con 27 patrullas terrestres e a posibilidade de despregamento de capacidades de vixilancia RPAS con drones durante a etapa de normalidade. Nos momentos de risco despregará ata 50 patrullas e un helicóptero de vixilancia e nas de risco moi alto subirá ata 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia.

A Dirección Xeral de Protección explicou todo o procedemento para o despregamento da Unidade Militar de Emerxencias (UME), pondo a disposición seis seccións na súa base de León e situará 19 persoas e catro vehículos en Figueirido (Pontevedra) entre o 1 de agosto e o 30 de setembro, aínda que podería aumentar o número.

Ademais da UME, participan no operativo a Brigada Galicia VII (Brilat) do Exército de Terra e o Terzo Norte de Infantaría de Mariña, en total cunhas 460 persoas para tarefas de prevención, extinción ou investigación.

O Ministerio do Interior, xunto á estrutura de Protección Civil, pon a disposición a Policía Nacional e a Garda Civil. Esta última reforzarase de forma específica con 39 persoas, que se suman ás 3.000 dispostas en Galicia, todas preparadas por se é necesario actuar fronte aos incendios. Entre estas, hai 153 do Servizo de Protección da Natureza (Seprona), 16 equipos de investigación e un helicóptero.

A Policía Nacional despregará 400 persoas en labores de prevención, 12 cabalos, 12 persoas de policía xudicial, técnicos de desactivación de explosivos e un helicóptero con outro catro persoas asignadas.

MEDIOS AÉREOS

A iso, sumaranse dous avións de carga en terra en Xinzo de Limia (Ourense), dous helicópteros de transporte de brigadas de reforzo (BRIF) en Laza (Ourense), unha Unidade Móbil de Análise e Planificación (UMAP) na mesma base e unha Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF).

No entanto, aínda que eses serán os medios fixos durante este verán, a Delegación do Goberno aclara que dispón de 73 medios aéreos no conxunto do Estado "que están dispoñibles se son necesarios". "De feito, é habitual a súa presenza como ocorreu o ano pasado, con numerosos reforzos durante a fase final do verán", engade. Tamén conta con máis de 600 persoas en global, que acudirán se é necesario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta