Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2020 | Actualizada ás 15:11
A Mesa pola Normalización Lingüística decidiu enviarlles como agasallo ás cabezas de lista das candidaturas que participaron no debate da TVG o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, publicado en Xerais por Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de Honra da asociación, despois da preocupación mostrada pola sociedade galega polas melloras claras que necesita o galego que utilizaron as sete cabezas de lista.
Como explica Marcos Maceira, presidente da Mesa, "entre esas sete mulleres e homes está quen ocupará a presidencia do Goberno galego na próxima lexislatura" e "o autogoberno de Galiza ten como alicerce a existencia da nosa lingua propia". "Se hai Xunta é porque hai lingua", indica Callón.
O autor do manual explica que "cando as persoas expresan o seu desacougo nas redes sociais porque se necesita un mellor galego, non están a pedir unha lingua máis artificial, senón máis viva, máis natural; isto é, que siga os camiños do galego tradicional na fonética, na entoación, na sintaxe, na fraseoloxía, e que sexa máis coidado no vocabulario". "Non é certo que unha lingua desleixada sexa unha lingua máis auténtica", resume.
Desde A Mesa desexan que o libro "sexa ben acollido e moi usado por estas destinatarias e destinatarios".
A Mesa pola Normalización Lingüística ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. Tanto polas súas actividades como polo seu número de asociadas/os é a maior asociación do galego e un referente social imprescindíbel no terreo da normalización lingüística
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.