Está probada a eficacia da auga osixenada ao 0,5% contra o coronavirus? Segundo científicos de Galicia e Brasil, non

Investigadores das universidades de Sao Paulo e Santiago de Compostela afirman que non existe ningunha evidencia científica que avale o uso como viricida do peróxido de hidróxeno a esa concentración para desinfectar superficies contaminadas co SARS-CoV-2. Moitos medios afirmaron que é un método eficaz; o Goberno español tamén.

Por Alberto Quian | Madrid | 07/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha persoa pode contraer a Covid-19 se inhala as gotículas procedentes dunha persoa infectada polo virus. Estas gotiñas respiratorias poden caer sobre obxectos e superficies, de modo que outras persoas poden infectarse se contactan con eses obxectos ou superficies e logo tócanse os ollos, o nariz ou a boca. Esta advertencia, lanzada pola Organización Mundial da Saúde (OMS), levou á comunidade científica a investigar en que superficies, condicións e durante canto tempo pode permanecer activo o SARS-CoV-2, e de que maneira pode neutralizarse.

Auga osixenada
Auga osixenada | Fonte: Alberto Quian.

Unha das solucións que se difundiu desde os medios á poboación é o uso de auga osixenada (peróxido de hidróxeno) nunha concentración do 0,5% disolta en auga. Pois ben, ao parecer, non existe, polo menos de momento, ningunha evidencia científica sobre a súa eficacia como viricida (que mata ou é capaz de matar virus).

Científicos da Universidade de Sao Paulo e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) da Universidade de Santiago de Compostela acaban de publicar unha carta na revista Oral Diseases, dirixida ao editor, na que intentan demostrar que, até agora, ningún traballo científico sostén que a auga osixenada ao 0,5% é efectiva como desinfectante de superficies contra o SARS-CoV-2.

"Non existe ningún estudo na literatura científica que demostre a eficacia do peróxido de hidróxeno ao 0,5% como axente viricida para a desinfección de superficies"

Para demostralo, os investigadores revisaron a literatura publicada até agora por la comunidade científica internacional. En total, atoparon 28 artigos e, destes, excluíron os estudos que non avalían a limpeza de superficies ou aqueles que mesturan outros compostos con peróxido de hidróxeno. Tamén descartaron textos que eran revisións de estudos, cartas aos editores de revistas científicas, opinións dos autores, capítulos de libros de texto, informes de casos e resumos de congresos.

Así, quedaron 11 estudos, nos que só atoparon tres coronavirus inactivados polo peróxido, dous en animais (coronavirus respiratorio porcino e coronavirus da gastroenterite transmisible) e un en humanos (SARS). Mais non atoparon “ningún estudo que use peróxido de hidróxeno ao 0,5% como substancia viable para a desinfección de superficies”, afirman.

Chegados a este punto, decidiron revisar un artigo publicado por Günter Kampf (Instituto de Hixiene e Medicina Ambiental do Hospital Universitario de Greifswald, Alemaña), do que se valeron algúns medios para soster que a auga osixenada ao 0,5% é un desinfectante eficaz contra o SARS-CoV-2.

O certo é que o profesor Günter Kampf non publicou ningún estudo experimental sobre o peróxido de hidróxeno como viricida –como se dixo nalgún medio–, senón que recompilou datos dun estudo asinado por Navid Omidbakhsh, da empresa canadense Virox Technologies (especializada en desinfectantes) e Syed A. Sattar, do Centro de Investigación sobre Microbioloxía Ambiental da Universidade de Ottawa, dentro dunha revisión que fixo de 22 traballos previos doutros investigadores sobre a persistencia de coronavirus humanos e veterinarios en superficies e estratexias de desinfección química. Ningún deses estudos revisados se fixo sobre o SARS-CoV-2.

Así, o traballo dos canadenses citado e usado por Kampf para asegurar que o peróxido de hidróxeno ao 0,5% é efectivo contra o novo coronavirus foi publicado no ano 2006. O que avaliaran Omidbakhsh e Sattar era un produto con actividade microbicida baseado en peróxido de hidróxeno acelerado e desenvolvido pola empresa Virox Technologies. Así que o estudo era, ademais, un bo exemplo do que en ciencia se chama “conflito de intereses”, xa que un dos asinantes do traballo – Omidbakhsh– era parte da empresa interesada en comercializar o produto.

Os poucos estudos existentes sobre a eficacia de auga osixenada ao 0,5% como viricida fixéronse con outros coronavirus e virus e con concentracións máis altas 

Os científicos de Brasil e Galicia destacan que a fabricación dese produto establece o seguinte: "Unha mestura sinérxica de desinfectante patentada de uso común, ingredientes seguros que cando se combinan con baixos niveis de peróxido de hidróxeno aumentan drasticamente a súa potencia xermicida e o seu rendemento de limpeza”.

“Por tanto, o estudo citado por Kampf non aborda o uso de peróxido de hidróxeno ao 0,5% e tampouco existe ningún estudo na literatura que demostre a súa eficacia como axente viricida para a desinfección de superficies”, afirman os investigadores das universidades de Sao Paulo e Santiago de Compostela.

De feito, proseguen, “en PubMed [base de datos especializada en ciencias da saúde] atopamos só un estudo que avalía a eficacia do peróxido de hidróxeno no coronavirus humano (SARS), informando que a substancia inactiva o virus a unha concentración do 35%”. En concreto, fan referencia a un estudo publicado en 2014 por investigadores da Universidade de Minnesota, a empresa británica Bioquell, o King’s College de Londres e a fundación Guy’s and St Thomas’ NHS Foundation Trust (Reino Unido), no que se usou peróxido de hidróxeno vaporizado.

Se ben “o uso do peróxido de hidróxeno como desinfectante foi amplamente explorado na literatura científica”, os autores desta nova achega avisan de que “as concentracións utilizadas son moito máis altas que as reportadas” por quen afirma a eficacia ao 0,5%. E, engaden, semella que “ademais da concentración do peróxido de hidróxeno, outro factor crucial é a necesidade de altas temperaturas”.

Aínda que existen traballos previos con outros virus e coronavirus, son escasos e parece non haber, polo menos de momento, estudos científicos experimentais publicados sobre a posible eficacia da auga osixenada ao 0,5% para combater o SARS-CoV-2.

NOS MEDIOS

Non son poucos os medios xornalísticos nos que se afirmou que a auga osixenada ao 0,5% é eficaz como viricida contra o SARS-CoV-2, recomendando o seu uso á poboación. En España, por poñer algún exemplo, en eldiario.es publicouse: “Otro producto que está autorizado es el peróxido de hidrógeno al 0,5%, que se puede obtener diluyendo agua oxigenada (del 3% de peróxido de hidrógeno) con agua. La mezcla debe ser de una parte de agua oxigenada con cinco partes de agua. Esta solución funciona de manera similar a los blanqueadores de cloro, reaccionando y destruyendo las proteínas virales y el material genético. También se debe dejar actuar al menos cinco minutos para que sea efectivo”. 

O xornal sustentaba as súas afirmacións no artigo asinado por Günter Kampf mencionado anteriormente, que o medio cualificaba como “estudio reciente”, cando en realidade era unha revisión literaria. Según eldiario.es, ese texto de Kampf “demuestra que la solución de peróxido al 0,5% es efectiva contra los coronavirus en las superficies”. Afirmación que, segundo a revisión dos científicos das universidades de Sao Paulo e Santiago de Compostela, non se sostén.

Os investigadores de Sao Paulo e Santiago de Compostela advirten da necesidade de ofrecer "información fiable sobre a desinfección de superficies baseada en evidencia científica" 

El Mundo tamén publicou sobre o uso de auga osixenada, sen aportar ningunha referencia científica: “Es eficaz frente al coronavirus en concentraciones de al menos 0,5 % y durante al menos un minuto. Al igual que ocurre con el alcohol, el agua oxigenada es un producto que sufre problemas de desabastecimiento y su uso debería restringirse al entorno sanitario".

Máis sorprendente é o caso de Maldita.es, medio creado para a verificación de feitos e datos que se fixo famoso en España pola súa labor contra as fake news (noticias falsas). Nun artigo dedicado aos métodos de desinfección para acabar co coronavirus, afírmase, sen aportar ningunha referencia científica: “En cuanto al agua oxigenada (peróxido de hidrógeno), una solución mínima de 0,5% es efectiva contra virus. También reacciona y destruye las proteínas virales y el material genético. Del mismo modo, se debe dejar actuar hasta 10 minutos. Tampoco hay que mezclarla con otros limpiadores, en especial aquellos que contienen vinagre”.

Non son os únicos. Internet está chea de afirmacións sobre a presunta eficacia da auga osixenada ao 0,5% contra o SARS-CoV-2, hipótese aínda non comprobada á que se sumou mesmo o Ministerio de Sanidade, que afirma no seu documento técnico ‘Prevención y control de la infección en el manejo de pacientes con COVID-19’, no apartado de ‘Limpeza e desinfección das superficies’: “Existe evidencia de que los coronavirus se inactivan en contacto con una solución de hipoclorito sódico con una concentración al 0,1%, etanol al 62-71% o peróxido de hidrógeno al 0,5% en un minuto”. Pero el Gobierno español tampoco aporta ninguna referencia científica que lo avale nese documento.

Por iso, e ante este tipo de mensaxes, os investigadores de Sao Paulo e Santiago de Compostela advirten de que “a información fiable sobre a desinfección de superficies baseada en evidencia científica é fundamental para que os servizos de saúde poidan proporcionar contornas seguras para profesionais e pacientes, contribuíndo así ao control de infeccións”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta