Historias de regreso ao rural: "Sempre soñei con vir á aldea, pero o confinamento acelerouno todo"

Hai quen volve. Vivir pechado entre catro paredes no medio dunha cidade fai que a imaxinación viaxe ata lugares sen ataduras. En canto puideron, Sandra dispúxose a buscar unha casa na aldea e André e Sabela apuraron a compra dun terreo. Desexos de liberdade aos que foi o rural quen deu resposta.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Sandra e os seus dous cativos, Yulen e Anxo, botaron 52 días de confinamento nos 80 metros cadrados dun piso da Coruña. Levaban a conta no calendario, onde ían marcando as xornadas que quedaban atrás e calculaban con devezo o tempo que faltaría para poder saír desas catro paredes. "O primeiro e o segundo día levámolo ben, pero aos 20 xa estabamos fatal! E veña outros 15, e outros 15... Eu só pedía un cachiño de leira para poder saír para fóra!". Chegado o 11 de maio, primeiro día da fase 1 da desescalada en Galicia, Sandra trouxo os seus pequenos para a casa dos seus sogros na aldea, e inmediatamente puxo a todo o seu entorno "en alerta": "Busco unha casa para alugar! Quero vir para o rural".

A horta de Sabela e André
A horta de Sabela e André | Fonte: remitida

Anunciouno en Facebook, mandou WhatsApps a todo o mundo... E finalmente acabou caendo en Xanceda (Mesía), nunha casa vella dunha veciña da aldea. Ao pé dunha lareira ben conservada, nunha gran cociña que noutrora tanta vida e tanta festa acollera, Sandra e os seus pequenos contan a súa historia. A porta da casa está aberta e o gatiño asoma de vez en cando. A eira da casa vella é grande, xusto enfrente está o hórreo, e máis alá, unha horta traballada con tino. A un lado, a casa da tía (case en ruínas) e ao outro, unha corte das vacas onde chegou a haber ata 30 cabezas de gando. Hoxe quedan unhas poucas, e xa non de leite, senón de carne.

"O CONFINAMENTO ACELEROUNO TODO"

Este mundo non lle é alleo a Sandra, e tampouco aos pequenos. "Eu crieime nesta aldea. Pasaba na casa dos meus familiares todos os fins de semana ata que casei con 22 anos". Se ben ela xa naceu na Coruña, coidou sempre o seu vínculo co rural. "Nunca un mozo da cidade tiven!", conta a risas. A pandilla de amizades tamén a fixo na aldea. "Isto sempre me gustou, sempre soñei con vir para aquí, pero agora máis ca nunca. O confinamento acelerouno todo. Se non tivera pasado isto, supoño que agora mesmo non estariamos nesta casa, pero dadas as circunstancias tomamos a decisión e buscamos lugar ata que atopamos. Non foi fácil, eh, porque non hai moita cousa para alugar, pero afortunadamente din con esta. A dona dicíame: 'é vella, ten lareira...'. Uf, a palabra máxica! Xa me convenceu".

Polo momento teñen pensado quedar durante todo o verán, ata que os cativos comecen a escola de novo na Coruña; pero non descartan manter o aluguer durante o próximo ano para poder vir, polo menos, as fins de semana. Sandra diríxese aos cativos e dilles: "Aquí hai escola ata a secundaria...". No xeito de falar, nótase que é máis o que a tira para a aldea que para á Coruña. Os nenos tamén gustaron sempre do rural, aínda que teñen todas as súas amizades na cidade. "Eu creo que foron os máis prexudicados do confinamento. Ao pequeno cambioulle moito o carácter, pechábase na habitación e non deixaba que foramos xunta del... Acabamos decidindo non encender a tele para que non vira as noticias", conta Sandra. Foi chegar á aldea e "revivir": "Levántanse e xa van os dous para fóra coas bicis; ata teñen máis fame. Somos as persoas máis felices do mundo!". 

Sandra, ao pé da casa que agora habita en Xanceda
Sandra, ao pé da casa que agora habita en Xanceda | Fonte: GC

A raíz do confinamento, moitas familias coma a de Sandra estanse formulando un cambio no que o rural se coloca como posibilidade moi desexada. Quen sempre viviu nel é agora máis consciente do privilexio, e a quen marchou para a cidade nun momento dado pásalle pola   cabeza o regreso. Estará revivindo tamén o rural? "Revalorízase", pensa Sandra. "Moita xente da cidade estamos facendo isto. Nais do cole dinme que se sei doutra casa que as chame; teño moitos avisos". Neste sentido axuda tamén a solidez que, por obrigado, colleu nestes últimos meses o método do teletraballo. Na práctica, se a conexión é boa, vivir nunha aldea podendo empregarse desde a casa é moito máis factible ca se se necesita viaxar todos os días ata a oficina dunha cidade. 

SABELA, ANDRÉ E A SÚA TERRA

Mais tampouco se poden pasar por alto todas as dificultades que implican estes regresos. Idealizar a vida no rural é perigoso, pero quen o coñece ben por ter pasado a súa infancia e adolescencia nel é máis consciente de todos os seus pros e os seus contras. Igual ca Sandra, Sabela e André tamén están vivindo xusto agora esta volta á terra. Eles botaron o confinamento nun piso de Santiago e con "certa envexa" dos seus respectivos pais, "que estaban en fincas grandes pasando un encerro fastidiado, pero moito menos". No caso desta parella, levaban xa catro anos na procura dun terreo rural preto de Santiago e foi agora cando deron finalmente o paso. "Durante o confinamento reactivamos a busca sen moita esperanza, pero de casualidade apareceu algo que reunía todas as condicións". E alá se botaron; "non fomos desesperados do confinamento, pero este tempo si evidenciou e acrecentou aínda máis o noso desexo de ter unha terra", explican.

Entendida como "proxecto de vida", Sabela e André seguen vivindo no seu piso de Santiago pero contan agora con esa vía de escape á que acoden case todos os días. O primeiro que fixeron nela foi plantar unha horta. "Polo propio feito de poder ver o crecemento e poder consumir os alimentos que ti plantas", conta Sabela. "Se nos deixamos levar polo traballo nunha cidade nin sequera te das conta de como son esas cousas máis primarias e básicas". Para André, construír unha horta tamén implica "volver habitar o rural cun papel máis protagonista". "Eu fun neno da aldea nos anos 80 e 90 e daquela xa traballabamos menos o campo do que o fixeron os nosos pais". 

ESIXENCIAS PARA UN RURAL DIGNO

Neste tempo, o rural e a terra "claramente se revalorizan", pensan. "As vanxatas son moi evidentes, e para moita xente, sobre todo os sitios que está ben conectados, son un valor en alza". Con todo, nin Sabela nin André eluden na conversa "as dificultades económicas" que leva consigo vivir no rural. "Manexamos esa posibilidade porque temos unha vivenda rehabitable, pero é inalcanzable facelo a curto prazo", explican. "Hai que falar tamén de dotar este rural de servizos, de infraestruturas básicas, de saneamento... Nós non temos traída de augas nun rural que está a 18 quilómetros de Santiago! É moi irónico, pasa o AVE ao lado pero non temos sumidoiros; e nin sequera sabemos se chega Internet, igual non é factible teletraballar...". 

Esta crecente revalorización, pensan, ten que ir acompañada de esixencias para que o rural sexa digno, tanto o que está próximo á cidade coma o que está no medio da montaña. "Queda moito por facer; o confinamento non debería convertir o rural nunha utopía. Adoita haber certo fetichismo con el, pouco equilibrio nas valoracións, pero o rural ten contradicións coma calquera outro espazo de sociabilidade". Fronte a elas, cren que "o feito de termos nacido na aldea nos vai servir como elemento de resistencia". 

Antes da chegada da pandemia da Covid, Sabela e André pensaban na posibilidade de repetir unha viaxe ao Alentejo durante estas vacacións. O mundo enteiro virou desde aquela e agora, ese seu Alentejo particular será o anaco de terra que teñen na aldea. "Son unhas vacacións sui generis, que non pensabamos, pero que aceptamos de bo grao", recoñecen, fondamente agradecidos tamén polo bo recibimento que tiveron da veciñanza da aldea. "Ás veces doume golpetazos porque non acabo de espertar do meu soño: vemos nos veciños unha actitude franca, de acollemento, moi serviciais... Nada impostada!". 

Sandra, Sabela e André van atopando o seu lugar. Xa nunca perderan a conexión coa terra, pero agora, tralo pico dunha pandemia, lonxe de terse debilitado, non fai máis ca reforzarse. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta