Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2020 | Actualizada ás 12:03
As familias galegas están "fartas" da Consellería de Educación pola súa actuación durante o confinamento e ante a ausencia dun protocolo claro de regreso ás aulas. Así o sinala a Confederación de Anpas Galegas nun comunicado no que volven lamentar "non ter noticias" do departamento liderado por Carmen Pomar.
Porén, esta vez a denuncia das anpas de Galicia vai máis alá do silencio que a Consellería de Educación leva arrastrando ao seu paso durante semanas. Nais e pais elevan o berro ante a "desatención absoluta" á que a Xunta someteu ó alumnado con "necesidades especiais de atención educativa".
"O que se fixo nestes meses co alumnado de necesidades específicas de apoio educativo foi unha auténtica labazada a ese pretendido e nunca conseguido 'estado de inclusión ideal', que esta inútil consellaría de educación vén vendéndonos dende sempre", defenden. "Este alumnado ficou abandonado, agás dunhas poucas excepcións, nas súas casas; perdendo en moitos casos o que tiña progresado clínica e emocionalmente, e retrocedendo na súa aprendizaxe e incorporación ao grupo escolar".
Neste aspecto, nais e pais destacan o feito de que o departamento de Pomar, no canto de "entregar solucións" a docentes e estudantes durante o confinamento incitara un "enorme incremento da fenda socioeconómica provocada pola inutilidade dos nosos gobernantes" e derivado dunha xestión que califican como "nefasta".
REGRESO ÁS AULAS
Neste momento a ollada dos nais e pais da Confederación sitúase no horizonte de setembro, cun regreso ás aulas pendente dun protocolo que non dá chegado. A este respecto o comunicado das anpas fai fincapé na "indignación" dos proxenitores ante ante a máis que probable presencialidade do curso. "Temos dereito a saber de que maneira a consellaría de educación ten planificado como vai atender ao alumnado galego en centros escolares masificados, con rateos por aula absolutamente desbordados logo de anos e anos de recortes innecesarios, con instalacións cun mantemento insuficiente, e cuns orzamentos constantemente á baixa", destacan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.