Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2020 | Actualizada ás 15:10
O Resurrection Fest anuncia este xoves que manterá ós cabezas de cartel System of a Down, Korn e Deftones para a edición de 2021, que terá lugar do mércores 2 ao sábado 5 de xuño. Dende a organización xustifican este cambio de data aludindo á necesidade de "poder conseguir que o cartel mantivese as expectativas do noso público, algo que de quedarnos na fin de semana orixinal e previamente anunciado sería imposible", apunta o comunicado.
En 2022, o Resurrection volverá ás datas orixinais, pero en 2021 e "no medio desta situación extraordinaria, na que moitas bandas acurtaron os seus períodos de xira ou modificaron por razóns alleas ao festival, farase unhas semanas antes". E engade a organización: "En especial, gustaríanos darvos as grazas a tod@s pola vosa confianza e gardar as entradas para o ano que vén. Non mentimos cando dicimos que temos o mellor público do mundo. Confiastes no Resu e as devolucións durante todos estes meses foron mínimas. Mil grazas!"
"REPROGRAMAR AS BANDAS DO ANO PASADO", A PRIORIDADE
Aqueles que mantiveron as entradas, Resucamp ou viaxes, teñen que ter claro que serán "perfectamente válidas" para as novas datas. Toda persoa que non poida acudir nestas datas, no entanto, pode porse en contacto co soporte da ticketera do festival nun prazo de 15 días no e-mail de info@ayudaeventos.com.
"Por último, sabede que isto é só un adianto e estamos a traballar duro en reprogramar as bandas do ano pasado como prioridade. Proximamente anunciaremos o cartel final, variado e repartido por días, e sacaremos á venda as entradas que se devolveron neste tempo", finaliza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.